Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Martes, 19 de febreiro de 2019 Páx. 10211

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 29 de xaneiro de 2019 de aprobación definitiva da modificación puntual número 9 do Plan xeral de ordenación municipal de Oroso.

O Concello de Oroso remite por segunda vez a modificación puntual referida, en solicitude da súa aprobación definitiva conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), posibilidade permitida pola disposición transitoria 2ª.2 da vixente Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG).

Analizado proxecto modificado de setembro de 2018, subscrito polo arquitecto Manuel Suárez Bermúdez, e vista a proposta literal que traslada a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Oroso conta cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente pola Orde da CPTOPT do 16 de febreiro de 2005 (DOG do 28 de febreiro).

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 1.10.2014 non someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica. No marco do proceso de consultas previas, contestaron:

a) O Instituto de Estudos do Territorio, en data 23.12.2014, sinalando que non se producirán efectos significativos sobre a paisaxe.

b) Augas de Galicia, en data 30.9.2014, sen observación.

c) A Consellería do Medio Rural informou o 15.9.2014 que non se atopan montes catalogados, de xestión pública ou veciñais en man común.

3. O concello non solicitou o informe previo á aprobación inicial previsto no artigo 85.1 da LOUG, non preceptivo por non darse as circunstancias do artigo 93.4 da LOUG.

4. Constan os informes da arquitecta técnica municipal do 27.10.2014 e do secretario municipal do 10.11.2014, favorables á aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG).

5. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 27.11.2014. Foi sometida a información pública por dous meses (El Correo Gallego e La Voz de Galicia do 16 de decembro de 2016 e Diario Oficial de Galicia do 2 de xaneiro de 2015) sen que fosen presentadas alegacións segundo certificado do 27.11.2017. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Frades, O Pino, Tordoia, Trazo, Ordes e Santiago de Compostela. O Concello de Ordes remite o 11.12.2014 de non afectación a este concello.

6. En materia de informes sectoriais, o expediente remitido contén:

a) Dirección Xeral de Aviación Civil: informe do 20.1.2015, favorable con observacións.

b) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informes do 28.12.2015, desfavorable, e do 18.10.2016, favorable.

c) Demarcación de Estradas do Estado en Galicia: escrito do 22.1.2015 no que se indica que non procede emitir obxeccións ao documento urbanístico.

d) Deputación Provincial da Coruña: informe do 18.12.2016, favorable.

e) Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital: informe do 28.4.2017, favorable.

f) Instituto de Estudos do Territorio: informe do 13.3.2015, favorable.

Foi solicitado o informe de Augas de Galicia sen que conste resposta.

7. Constan informes da arquitecta técnica municipal, do 14.11.2016, e do secretario municipal do 7.12.2016, favorables á aprobación provisional.

8. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Acordo do Concello Pleno do 30 de decembro de 2016, tras a entrada en vigor da LSG.

9. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio resolveu, mediante a Orde do 16 de marzo de 2018, non outorgar a aprobación definitiva á modificación proposta.

10. Elaborado un novo documento de modificación, emitiron novos informes a arquitecta técnica municipal, o 18.9.2018, e o secretario municipal, o 19.9.2018, favorables.

11. O novo proxecto foi aprobado provisionalmente polo Concello Pleno do 27.9.2018.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación ten por obxecto introducir unha serie de cambios na normativa do plan xeral e do plan parcial do sector 1 de solo apto para urbanizar de Porto Avieira:

a) Modificación do punto 3.c) do artigo 4.2.4.1 (uso comercial) e do punto 3.d) do artigo 4.2.4.2 (uso oficinas e administrativo), reducindo a exixencia de superficie de ventilación dos locais de un octavo da superficie a un terzo.

b) Modificación do punto 3 letras a) e c) dos artigos 4.2.4.4 (uso hostaleiro-restauración) e 4.2.4.5. (uso recreativo e espectáculos públicos) para establecer a obriga de dispor dun vestíbulo de independencia no acceso aos aseos e eliminar a zona acusticamente saturada prevista en aplicación da lexislación autonómica de contaminación acústica de 1997-1999, pola derrogación desta, en previsión de que para os novos usos de categoría 3ª (bares de copas, pubs, salas de xogo, casinos...) se prestará observancia no cumprimento da normativa vixente en materia de ruído.

c) Modificación dos artigos 6.2.1 (ordenanza SU-1 de rueiro cerrado) e 6.2.2. (ordenanza SU-2 de rueiro con patio), eliminando os parágrafos relativos á previsión dunha zona acusticamente saturada), e substituíndo a referencia ao Decreto 311/1992, de habitabilidade, pola do vixente Decreto 29/2010.

d) Modificación do artigo 6.2.3 (ordenanza SU-3 de edificación agrupada), xa afectado pola modificación puntual nº 1 (AD 03/07/2013), engadindo os cambios derivadas da modificación puntual nº 3 (AD 30/03/2012).

e) Modificación do artigo 6.2.7 (ordenanza SU-7 de actividades industriais) co fin de permitir os usos definidos como compatibles na táboa do anexo I da normativa e co de admitir unha altura máxima de nave de 12 m, no canto de 8 m vixente.

f) Modificación do punto 3, alíneas a) e b) do artigo 2.2.1 (regulación do sistema de espazos libres e espazos peonís) para eximir do requisito da aprobación dun plan especial e dunha superficie mínima á implantación de áreas deportivas de carácter menor sen realización de construcións fixas, cunha ocupación máxima das áreas para uso deportivo do 25 % total da zona.

g) Modificación do artigo 3.3.a) (condicións do uso residencial) da normativa do Plan parcial do SAU residencial sector 1 de Porto Avieira para incorporar unha serie de usos compatibles co residencial de acordo cos criterios do plan xeral.

Así mesmo, incorpórase unha serie determinacións normativas e gráficas para dar cumprimento ao informe en materia de aviación civil emitido o 21.1.2015.

III. Análise e consideracións.

1. Réxime legal aplicable á modificación (punto III.1 da Orde CMAOT do 16 de marzo de 2018): conforme a disposición transitoria 2ª.2 da LSG, os plans aprobados inicialmente á súa entrada en vigor poderán continuar a súa tramitación a teor do disposto na LOUG, aínda que as súas determinacións deberán adaptarse plenamente á LSG.

2. En relación coa modificación do artigo 6.2.7 da normativa (ordenanza SU-7 de actividades industriais), o novo proxecto establece que os usos definidos como compatibles exclúen os terciarios, cumprimentando o punto III.2 da Orde do 16 de marzo de 2018.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación coa disposición transitoria 2ª do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 9 do PXOM do Concello de Oroso (A Coruña).

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual número 9 do PXOM do Concello de Oroso no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación puntual número 9 do PXOM aprobada definitivamente, unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda