Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Luns, 18 de febreiro de 2019 Páx. 10009

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 23 de xaneiro de 2019 de aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal de Laza.

O Concello de Laza, conforme o disposto no artigo 60.13 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e no artigo 144.13 do seu regulamento (RLSG), remite o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva.

Analizada a documentación achegada polo concello e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Laza dispón de Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), aprobado definitivamente o 26.2.2008.

I.2. A tramitación ata o momento da modificación puntual foi a seguinte:

• O 7.11.2017 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático ditou resolución (DOG do 24 de novembro), en que resolve non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria a modificación puntual e xunta os informes das consultas previas da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e Instituto de Estudos do Territorio (IET).

• Constan informes municipais, técnico, do 22.1.2018, e xurídico, do 23.1.2018, sobre a conformidade da modificación puntual coa lexislación vixente (artigo 60.6 da LSG).

• O Pleno do Concello, en sesión do 6.2.2018, aprobou inicialmente a modificación puntual; e someteuna a información pública durante dous meses mediante anuncios no xornal La Región do 9.2.2018 e no DOG do 13.2.2018. Non houbo alegacións.

• Deuse audiencia aos municipios limítrofes de Vilar de Barrio, Montederramo, Chandrexa de Queixa, Vilariño de Conso, Castrelo do Val, Monterrei, Cualedro e Sarreaus cun prazo que finalizou o 2.7.2018, sen que conste contestación de ningún.

• Consta informe da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, favorable, do 5.4.2018, de innecesariedade do informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Consta informe da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, do 2.5.2018, de inexistencia de solos declarados contaminados.

• Consta informe do Instituto de Estudos do Territorio, do 14.6.2018, que indica que o documento aprobado inicialmente atendeu o sinalado no anterior informe.

• Consta informe da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), do 26.6.2018, concluíndo que non existe afección sobre a rede de estradas autonómicas.

• Consta informe da Deputación Provincial de Ourense, do 18.7.2018, que indica que non é propietaria dos terreos nin das vías lindeiras co ámbito da modificación.

• Consta informe favorable da Dirección Xeral de Ordenación Forestal, do 13.9.2018.

• Consta informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do 8.11.2018 (fóra de prazo) favorable condicionado a incorporar certas medidas protectoras e correctoras.

• Solicitouse informe á Dirección Xeral de Augas de Galicia (con prazo ata o 27.6.2018) sen que conste contestación.

• Consta informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do 2.8.2018, cos informes sectoriais autonómicos solicitados e os emitidos.

• Constan novos informes municipais, técnico, do 29.8.2018, e xurídico, do 10.9.2018, sobre a integridade documental e a conformidade da tramitación do plan coa lexislación vixente, requiridos polo artigo 60.13 da LSG.

• O Concello Pleno do 13.9.2018, aprobou provisionalmente a modificación puntual nº 1 do PXOM de Laza.

II. Análise da modificación puntual e consideracións.

II.1. O ámbito da modificación, de 9.339,95 m2, son dúas zonas do núcleo urbano de Laza: unha situada no centro, e cualificada polo PXOM vixente como espazo libre e equipamento de servizos públicos, ambos do sistema xeral e de nova creación (Zv.g.nc-01 e Sp.g.nc-01); e outra situada ao norte, xunto ao polideportivo municipal, e cualificada como equipamento do sistema xeral de uso asistencial (Sc.g-02). Ambos os espazos son de titularidade municipal e lles resulta de aplicación a normativa de sistemas xerais (artigo 83 da normativa) e as ordenanzas de equipamentos públicos (artigo 88) e de zonas verdes e espazos libres de uso público (artigo 89).

II.2. O obxecto da modificación puntual é a reordenación do ámbito: a zona situada no centro destínase integramente a equipamentos do sistema xeral, pasando o espazo destinado actualmente a espazos libres a equipamento (Sp.g.nc-01). Pola súa vez, a maior parte do espazo da zona situada ao norte, cualificada actualmente como sistema xeral de equipamentos, pasará a ser espazo libre do sistema xeral (Zv.g.nc-01) deixando unha pequena parcela para equipamento de uso asistencial (Sc.g-02).

O proxecto inclúe determinacións normativas específicas para o ámbito do sitema xeral Sp.g.nc-01 da zona central, delimitando 3 áreas diferentes, mentres que remite os ámbitos da zona norte, Zv.g.nc-01 e Sc.g-02, ás determinacións do PXOM vixente.

II.3. Un dos obxectivos é que a nova área dotacional da zona centro, próxima á igrexa de San Xoán e ao Camiño de Santiago, non teña un grande impacto sobre os bens protexidos. Para eses efectos, establécense 3 áreas: a A1, para o Centro de Protección Civil e de Emerxencias, xa en execución; a A2, para o centro de saúde, apantallado tras as edificacións existentes, e a área A3, destinada a praza pública, aparcadoiros ao aire libre ou baixo rasante, e arboredo, actuando dentro do conxunto a xeito de corredor verde.

Na área edificable A2 deberá preverse un acceso rodado e peonil.

Con respecto á normativa para a área A3, no cadro de parámetros urbanísticos fíxase unha ocupación máxima baixo rasante do 40 %. Cómpre definir os usos permitidos baixo rasante, de acordo co artigo 42.8 da LSG, xa que existe contradición entre os usos permitidos na letra a) e o último parágrafo da letra c) do mesmo punto 2.3.1. Doutra banda, as superficies das áreas de movemento da edificación das zonas A1 e A2 non respectan os recuamentos mínimos de 3,00 m, debendo grafarse e determinarse correctamente no plano O.URB-04.

II.4. Ademais, deberá modificarse o documento incorporando as medidas protectoras e correctoras especificadas no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación coa disposición transitoria 2ª do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 1 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Laza, condicionado á emenda das deficiencias sinaladas nos puntos II.3 e II.4 anteriores. O Concello deberá facer as oportunas correccións e elaborar un documento refundido que dea cumprimento a esas consideracións, seguindo o establecido no artigo 62 da LSG, para elevalo de novo ante esta consellería para a súa verificación formal e dilixencia.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá, de oficio, a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda