Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Venres, 15 de febreiro de 2019 Páx. 9529

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 7/2019, do 31 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de mellora do saneamento na parroquia de Tenorio, no termo municipal de Cerdedo-Cotobade.

A Comisión Xestora do Concello de Cerdedo-Cotobade en sesión celebrada o día 31 de maio de 2018, aprobou a necesidade de ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de mellora do saneamento na parroquia de Tenorio, no termo municipal de Cerdedo-Cotobade, e acordou solicitar á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos cales se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada o 10 de agosto de 2018 na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que na actualidade, os núcleos de Barro, O Castro, Covas, A Laxe, Lérez, Río Tenorio, Torrevella, Traslamos e Zamar, pertencentes á parroquia de Tenorio no concello de Cerdedo-Cotobade, están conectados a sete fosas sépticas de distinta capacidade. As ditas fosas sépticas son do tipo decantador-dixestor e están pensadas para a depuración de augas residuais domésticas en pequenas comunidades.

Na parroquia de Tenorio a calidade das verteduras aos cursos fluviais dista moito de ser a adecuada, en parte debido á falta de mantemento, mal funcionamento (por riba das súas capacidades) e antigüidade das fosas sépticas existentes, o que provoca que non se cumpran os límites de verteduras de augas residuais establecidos na normativa en materia de depuración de augas residuais (Directiva 91/271/CEE, Regulamento CE 1882/2003 e Real decreto lei 11/1995).

Xa que logo, é necesaria a urxente execución dunha nova EDAR encargada do tratamento das augas residuais xeradas na parroquia de Tenorio (Cerdedo-Cotobade), e na cal a calidade do efluente no punto final de tratamento cumpra cos requisitos de vertedura procedentes de instalacións de tratamento de augas residuais urbanas definidos na mencionada directiva de 1991.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do trinta e un de xaneiro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único. De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de mellora do saneamento na parroquia de Tenorio, no termo municipal de Cerdedo-Cotobade, debendo, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, trinta e un de xaneiro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza