Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Luns, 11 de febreiro de 2019 Páx. 8798

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de xaneiro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura gasista denominada subministración de gas natural ás industrias Inleit Ingredients e Greenalia, Curtis, promovida pola empresa Nedgia Redes Distribución de Gas, S.A. (expediente IN627A 2018/27-1).

Feitos.

Primeiro. A Consellería de Industria e Comercio, mediante Orde do 25.9.1998, outorgou a Enagás, S.A. a concesión administrativa para a condución, distribución e subministración industrial de gas canalizado nos termos municipais de Curtis, Mesía e Vilasantar e para a condución de gas canalizado nos termos municipais de Abegondo e Cesuras.

Como consecuencia da escisión de activos realizada por Enagás, S.A. a favor de Gas Natural SDG, S.A., levada a cabo en 1999, esta última empresa pasou a ser a titular da devandita concesión administrativa, así como dos proxectos de execución das infraestruturas gasistas aprobadas pola Dirección Xeral de Industria ao abeiro dela. Así mesmo, os activos de transporte e distribución que ata setembro de 2005 pertencían a Gas Natural SDG, S.A. foron adquiridos, respectivamente, por Gas Natural Distribución SDG, S.A. e Gas Natural Transporte SDG, S.L., e estas novas empresas sucederon a Gas Natural SDG, S.A. nas actividades de distribución e transporte de gas natural.

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas, mediante Resolución do 25.9.2015, autorizou a transmisión de varios activos de distribución de gas natural de alta presión, pertencentes a Gas Natural Distribución SDG, S.A. a favor de Gas Natural Infraestructuras Distribución Gas SDG, S.A., entre as que se atopan as realizadas ao abeiro da orde citada no primeiro parágrafo (Orde do 25.9.1998 da Consellería de Industria e Comercio).

En 2016 a sociedade Gas Natural Infraestructuras Distribución Gas SDG, S.A. pasou a denominarse Gas Natural Redes Distribución de Gas SDG, S.A., e, en 2018, cambiou novamente a súa denominación pasando a ser Nedgia Redes Distribución de Gas, S.A.

Segundo. O 9.11.2018 a sociedade Nedgia Redes Distribución de Gas, S.A. presentou, ante a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial), a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista denominada Subministración de gas natural ás industrias Inleit Ingredients e Greenalia, Curtis (A Coruña), xunto coa seguinte documentación:

– Proxecto de autorización administrativa e execución de instalacións de gas natural, titulado Subministración de gas natural ás industrias Inleit Ingredients e Greenalia, Curtis (A Coruña), asinado polo enxeñeiro industrial David Núñez Fernández (colexiado nº 1.534 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia), datado en novembro de 2018 e no cal figura un orzamento total de 317.430,30 €.

– Declaración responsable do técnico proxectista, do 6.11.2018, conforme os modelos establecidos para o efecto no anexo I da Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, sobre os criterios aplicables para exixir o visado colexial en materia de industria e enerxía, e no anexo XIX do Decreto 51/2011, do 17 de marzo, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial da Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior.

– Separatas técnicas para as seguintes entidades afectadas pola infraestrutura gasista proxectada: Concello de Curtis, Bioetanol, Enel Green Power, Unión Fenosa Distribución, Olivento e Telefónica.

Segundo o disposto neste proxecto de execución, a infraestrutura gasista proxectada ten por obxecto dotar de subministración de gas natural a dúas empresas, Inleit Ingredients e Greenalia, situadas no polígono industrial de Curtis-Teixeiro. As características básicas da infraestrutura gasista proxectada son:

– Conexión coa rede existente MOP 49,5 bar, de 6 m de lonxitude, en tubaxe de aceiro Gr L245, de Ø6” e 4 mm de espesor de parede, coa orixe na rede RAB-I016 Abegondo II (titularidade de Nedgia Redes Distribución de Gas, S.A.), que se realizará mediante unha te de toma en carga con reforzo circular completo, de 6” con saída a 6”, e remate na estación de regulación de presión (ERP) proxectada.

– Estación de regulación de presión (ERP dobre liña de regulación completa) aérea, para un caudal nominal: 10.880 m3(n)/ h, presión de entrada de 49,5 bar e presión de saída de 16 bar, incluíndo válvulas, sistemas de medida e control.

– Rede de distribución de gas natural MOP 16 bar, de 2.141 m de lonxitude (PInleit 1.675 m + PGreenalia 466 m), en tubaxe de aceiro Gr L245, de Ø6” e 3,6 mm de espesor de parede, coa orixe en válvula de saída de 6” da ERP e remates en válvulas de acometida.

– Acometida a Industrias Inleit Ingredients coa orixe en PInleit da rede de distribución de gas natural MOP 16 bar e remate no límite da parcela, en tubaxe de aceiro Gr L245, de 2” de diámetro.

– Acometida a Greenalia coa orixe en PGreenalia da rede de distribución de gas natural MOP 16 bar e remate no límite da parcela, en tubaxe de aceiro Gr L245, de 3” de diámetro.

Terceiro. O 13.11.2018 a xefatura territorial adoptou o acordo de someter a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista denominada Subministración de gas natural ás industrias Inleit Ingredients e Greenalia, Curtis (A Coruña), promovida pola empresa Nedgia Redes Distribución de Gas, S.A. (expediente IN627A 2018/27-1).

Este acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 28.11.2018, no Boletín Oficial da provincia do 22.11.2018 e nos xornais La Voz de Galicia e La Opinión do 20.11.2018.

Durante o período de información pública non se presentaron escritos de alegacións.

Cuarto. Simultaneamente ao acordo de información pública, a xefatura territorial trasladou as separatas técnicas do proxecto de execución da devandita infraestrutura gasista, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades titulares de bens e dereitos afectados por ela: Concello de Curtis, Bioetanol, Enel Green Power, Unión Fenosa Distribución, Olivento e Telefónica.

Todas estas entidades, agás Bioetanol, contestaron á petición de informe e estableceron os seus respectivos condicionados, os cales foron aceptados polo promotor da infraestrutura gasista.

A respecto de Bioetanol, quen non contestou á petición inicial nin á súa reiteración, enténdese a súa conformidade coa autorización da infraestrutura gasista proxectada, de acordo co disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural.

Quinto. O 3.1.2019 a xefatura territorial emitiu informe favorable sobre a infraestrutura gasista denominada Subministración de gas natural ás industrias Inleit Ingredients e Greenalia, Curtis (A Coruña), promovida pola empresa Nedgia Redes Distribución de Gas, S.A. (expediente IN627A 2018/27-1).

Consideracións legais e técnicas.

Primeira. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; coa Lei 39/2015, do 1 de decembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Segunda. O proxecto de execución que se aproba cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceira. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura gasista denominada Subministración de gas natural ás industrias Inleit Ingredients e Greenalia, Curtis (A Coruña), promovida pola empresa Nedgia Redes Distribución de Gas, S.A.

Aprobar o proxecto de execución da citada infraestrutura gasista.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A empresa promotora, Nedgia Redes Distribución de Gas, S.A., constituirá no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, unha fianza por valor de 6.348,61 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

A devandita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que se aproba, titulado Subministración de gas natural ás industrias Inleit Ingredients e Greenalia, Curtis (A Coruña), asinado polo enxeñeiro industrial David Núñez Fernández (colexiado nº 1.534 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia), datado en novembro de 2018 e no cal figura un orzamento total de 317.430,30 €.

Terceira. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e debe comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. En canto aos bens e dereitos afectados pola infraestrutura gasista proxectada e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sexta. A empresa promotora disporá dun prazo de doce meses para a execución do proxecto que se aproba, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución, e debendo ter en conta o seguinte:

– Antes do inicio das obras, poñerá en coñecemento de todas as administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral con bens e dereitos ao seu cargo, as respectivas afeccións que se estiveran a xerar coa execución das instalacións. As posibles modificacións que puidesen xurdir na implantación da instalación, cos diferentes organismos, deben ser previamente aprobadas polas administracións competentes.

– Previamente ao inicio das obras, a empresa promotora deberá achegar á xefatura territorial todas as autorizacións e permisos dos titulares dos bens afectados polas instalacións proxectadas, xunto coa designación da razón social da empresa instaladora autorizada de gas que vaia realizar as obras e o director de obra responsable delas.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarias para realizar a citada infraestrutura gasista.

Oitava. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas