Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Luns, 11 de febreiro de 2019 Páx. 8788

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución correspondente ao cambio de gas combustible (de GLP a gas natural) nas instalacións de distribución de gas canalizado no núcleo urbano de Silleda, promovida pola empresa Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2018/16-0).

Feitos.

Primeiro. O 9.1.1997 a Consellería de Industria e Comercio ditou a Orde pola que se outorgou a Repsol Butano, S.A. a concesión administrativa para a prestación do servizo público de subministración de gas propano comercial no termo municipal de Silleda (Pontevedra), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 22.1.1997. A respecto desta concesión administrativa cabe indicar o seguinte:

– A infraestrutura gasista asociada entrou en funcionamento tras a primeira autorización de posta en servizo parcial, outorgada o 16.7.2001 pola Delegación Provincial de Pontevedra da Consellería de Industria e Comercio.

– A concesión administrativa transformouse en autorización administrativa no momento de entrada en vigor da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, porque, segundo o establecido na súa disposición adicional sexta, todas as concesións para actividades incluídas no servizo público de subministración de gases combustibles por canalización quedan extinguidas e substituídas de pleno dereito por autorizacións administrativas.

Segundo. O 20.10.2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autorizou a transmisión das redes de distribución de GLP canalizado que Repsol Butano, S.A. ten en varios núcleos de poboación da provincia de Pontevedra, entre os que se atopa Silleda, a favor de Gas Natural Redes GLP, S.A. coa consecuente subrogación dos dereitos e obrigas asociados.

Posteriormente, o 30.8.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autorizou a transmisión das instalacións de distribución de GLP canalizado na localidade de Silleda (Pontevedra) e da súa autorización administrativa, da sociedade cedente Gas Natural Redes GLP, S.A. a favor da sociedade adquirente Gas Galicia SDG, S.A. (actualmente, Nedgia Galicia, S.A.).

Terceiro. O 6.4.2018 tivo entrada, a través do Rexistro Electrónica da Xunta de Galicia, un escrito de Nedgia Galicia, S.A. en que solicita a aprobación da execución das instalacións correspondentes ao cambio de gas combustible (de GLP a gas natural) en Silleda (Pontevedra), acompañando a seguinte documentación:

– Proxecto de autorización e execución de instalacións, titulado Proxecto de cambio de subministración de gas propano por gas natural no núcleo urbano de Silleda, datado en marzo de 2018 e no cal figura un orzamento de 107.237,01 euros, xunto coa declaración responsable do técnico proxectista.

– Separatas técnicas para as seguintes entidades afectadas polo proxecto: Concello de Silleda, Axencia Galega de Infraestruturas, Ministerio de Fomento, Hidroeléctrica de Silleda, S.L., R Cable y Telecomunicaciones Galicia, S.A. e Telefónica de España.

No proxecto inclúense as seguintes actuacións:

– Instalación dunha planta provisional de GLP para realizar a transición a gas natural, formada por un depósito aéreo de 4,88 m3, con vaporizador interno, e que se situará ao norte do núcleo urbano de Silleda, no lugar de Prado Novo, na parcela con referencia catastral 36052K505004920000EO.

– Desconexión, inertizado e desmantelamento da planta de GLP existente no polígono empresarial de Transfontao (Silleda), nas parcelas de referencia catastral 36052A049005440000KS e 36052A049010120001L, formada por dous depósitos de 59,40 m3 de capacidade unitaria, sobre zapatas de formigón.

– Instalación dunha planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e conexión coa rede existente de GLP. Esta planta de GNL, que foi obxecto doutro expediente (IN627A 2017/23-0), situarase nas mesmas parcelas que o centro de almacenamento existente de GLP e realizará a subministración de gas natural en MOP 3,5 bar.

– Sectorización da rede existente de GLP (11 uds.): instalación de 11 válvulas na rede existente de GLP, interconexionado da rede de GLP para crear sectores adxacentes, cambio das características do gas GLP (propano) a gas natural, conversión a gas natural da rede de distribución de GLP existente en diversas rúas do municipio e aumento de presión da rede de distribución.

Cuarto. O 22.5.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou as separatas técnicas do citado proxecto de cambio de gas combustible en Silleda, pola súa condición de entidades titulares de bens e dereitos afectados por este e para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades: Concello de Silleda, Axencia Galega de Infraestruturas, Ministerio de Fomento, Hidroeléctrica de Silleda, S.L., R Cable y Telecomunicaciones Galicia, S.A. e Telefónica de España.

A única entidade que contestou, a Axencia Galega de Infraestruturas, presentou informe favorable fixando o seu condicionado técnico, do que se deu traslado á empresa promotora da instalación gasista proxectada, quen presentou a súa conformidade a este.

En canto ás outras entidades, non contestaron á petición de informe nin á reiteración desta petición, polo que se entende a súa conformidade, de acordo co disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural.

Quinto. O 18.5.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización para transformar a gas natural a rede de GLP canalizado do núcleo urbano de Silleda (Pontevedra) e a solicitude de autorización administrativa de peche da planta de GLP na dita poboación, promovida pola empresa Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2018/16-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 8.6.2018, no Boletín Oficial da provincia do 12.6.2018 e nos xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo do 1.6.2018, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Silleda.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de autorización administrativa non se presentaron alegacións.

Sexto. O 10.7.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se modificou a condición terceira da Resolución do 30.8.2017 pola que se autorizou a transmisión das instalacións de distribución de GLP canalizado na localidade de Silleda (Pontevedra) e da súa autorización administrativa, da sociedade cedente Gas Natural Redes GLP, S.A. a favor da sociedade adquirente Gas Galicia SDG, S.A. (actualmente, Nedgia Galicia, S.A.), que quedará redactada so seguinte xeito:

«A sociedade adquirente, Nedgia Galicia, S.A., disporá dun prazo máximo de seis meses, desde a obtención de todas as autorizacións necesarias para realizar a transformación de cambio de gas (GLP por gas natural) das instalacións de distribución de GLP na localidade de Silleda, debendo, en caso contrario, transmitilas novamente a unha sociedade subministradora de GLP canalizado e que non realice a actividade de distribución de gas natural».

Sétimo. O 8.11.2018 a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiu informe, en relación co proxecto de cambio de subministración de gas propano por gas natural no núcleo urbano de Silleda (expediente IN627A 2018/16-0), en que conclúe que procede a continuación da tramitación do procedemento de autorización.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; coa Lei 39/2015, do 1 de decembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e coa Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Segundo. O Regulamento xeral do servizo público de gases combustibles, aprobado polo Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, establece no seu artigo 8.c) que, en canto non se alteren os termos das concesións, corresponde á Dirección Xeral de Enerxía outorgar as autorizacións do cambio das características do gas subministrado ou a súa substitución por outro intercambiable.

Este regulamento mantén a súa vixencia en todo aquilo que non contradiga ou se opoña ao disposto no Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11, aprobado polo Real decreto 919/2006, do 28 de xuño.

Terceiro. A Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, no número 8 do artigo 46.bis, Instalacións de GLP a granel, establece que os titulares das instalacións de distribución de GLP a granel deberán solicitar á Administración concedente da autorización a correspondente autorización para transformalas para a súa utilización con gas natural, debendo cumprir as condicións técnicas de seguridade que sexan de aplicación, e someterse en todo ás disposicións normativas vixentes para as instalacións de distribución de gas natural.

Cuarto. O 15.9.2016 a Sala de Supervisión Reguladora da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) ditou a Resolución (TPE/DE/027/16), sobre a operación de adquisición por parte de Gas Galicia SDG, S.A. dos activos de distribución de GLP canalizado a Repsol Butano, S.A.U. en Galicia.

Nesta resolución indicase que de maneira transitoria Gas Galicia SDG, S.A. (actualmente, Nedgia Galicia, S.A.) poderá desenvolver a actividade de subministración de GLP por canalización, durante o tempo que duren as actuacións e os trámites necesarios para a transformación das instalacións a gas natural.

Quinto. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

Autorizar administrativamente e aprobar o proxecto de execución correspondente ao cambio de gas combustible (de GLP a gas natural) nas instalacións de distribución de gas canalizado no núcleo urbano de Silleda (Pontevedra), promovido pola empresa Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2018/16-0).

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de autorización e execución de instalacións presentado pola empresa promotora, Nedgia Galicia, S.A., titulado Proxecto de cambio de subministración de gas propano por gas natural no núcleo urbano de Silleda (Pontevedra), datado en marzo de 2018, con referencia GDP411170700046403 e asinado polo enxeñeiro industrial José Luis Sousa López (colexiado nº 489 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia), e no cal figura un orzamento de 107.237,01 €.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e debe comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Cuarta. A empresa promotora deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas no prazo dun mes, contado desde a notificación desta resolución, unha copia do plan de comunicación a que se fai referencia no proxecto de execución que se aproba.

Quinta. En canto aos bens e dereitos afectados polo proxecto de referencia e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sexta. A empresa promotora queda obrigada cos titulares dos contratos en vigor a substituír ou adaptar todos os elementos das instalacións receptoras afectadas polo cambio, e aqueles aparellos de utilización declarados no contrato e, se é o caso, o contador, sen que esto poida reportar ningún custo para o usuario, conforme ao disposto no artigo 38 do Regulamento xeral do servizo público de gases combustibles, aprobado polo Decreto 2913/1973, do 26 de outubro.

Sétima. A empresa promotora disporá dun prazo de seis meses para a execución do proxecto que se aproba (instalacións que se executarán e instalacións que se desmantelarán), contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución, e debendo ter en conta o seguinte:

Instalacións que se desmantelarán (planta de GLP):

– A xestión e tratamento dos residuos deberán ser tratados, transportados, almacenados ou inertizados por empresas autorizadas.

– Xunto coa solicitude de emisión da acta de peche deberase achegar a seguinte documentación:

• Dirección de obra asinada por técnico competente e declaración responsable da execución das obras conforme o proxecto aprobado.

• Documentación xustificativa dos xestores de residuos dos tratamentos realizados a estes.

Instalacións que se executarán (depósito de GLP provisional e novas válvulas e novas canalizacións para religamentos):

– Previamente ao inicio das obras deberanse achegar, á xefatura territorial, todas as autorizacións e permisos dos titulares de bens afectados polas instalacións proxectadas, xunto coa designación da razón social da empresa instaladora autorizada de gas que vaia realizar as obras e o director de obra responsable delas.

– Previamente ao cambio de gas procederase á execución do depósito provisional de GLP e á súa posta en servizo, que requirirá a autorización da xefatura territorial, ante a que deberán presentar a documentación establecida na ITC-ICG 03 do Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos.

– Previamente ao inicio do cambio de gas deberase presentar ante a xefatura territorial, e para cada un dos sectores determinados, a seguinte documentación:

• Data de execución do proceso de purga e implantación exacta dos queimadores de gas.

• Plano coas delimitacións das zonas de seguridade e o visto e prace do Concello de Silleda, Protección Civil, Bombeiros,...

• Procedemento para a operativa da purga da rede cos queimadores e a súa implantación.

• Procedemento de seguimento de control de perda de carga nas redes en explotación con gas natural.

Oitava. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Novena. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas