Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Venres, 1 de febreiro de 2019 Páx. 6765

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2018, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre a aprobación definitiva da delimitación de solo de núcleo rural de Chaguazoso, do concello da Mezquita (Ourense).

O Concello da Mezquita remite o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva, conforme o establecido na disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), en relación co punto segundo da disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Analizada a documentación achegada polo concello, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello da Mezquita non conta actualmente con ningunha figura de planeamento xeral, polo que son de aplicación as determinacións do Plan básico autonómico, aprobado definitivamente o 26.7.2018, que entrou en vigor o 28.9.2018. Conta coas delimitacións de núcleo rural de Vilavella, Sobreosmuíños e A Mezquita.

Segundo o establecido na disposición transitoria primeira da LSG, aplicarase o réxime do solo rústico da LSG, e as delimitacións de núcleo rural manterán a súa vixencia.

I.2. A tramitación ata o momento da delimitación foi a seguinte:

• Constan informes municipais xurídico, do 28.10.2015, e técnico, do 28.12.2015.

• O Pleno da Corporación, en sesión do 1.3.2016, aprobou a delimitación do solo de núcleo rural de Chaguazoso e someteuna a información pública durante un mes mediante anuncios nos diarios Faro de Vigo e La Voz de Galicia, do 11 de marzo, e no DOG do 16 de marzo de 2016. Non se presentou ningunha alegación.

• Consta informe favorable, do 22.3.2016, do Servizo de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

• Constan informes da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, desfavorable do 23.1.2017, favorable con correccións do 2.5.2018, e favorable, do 8.6.2018.

• Constan informes da Confederación Hidrográfica del Duero do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, con consideracións, do 19.4.2016, e favorable, do 2.4.2018.

• Consta novo informe xurídico municipal, do 14.6.2018.

• O Pleno Municipal, en sesión do 28.6.2018, aprobou provisionalmente a delimitación do solo de núcleo rural.

• O 3.9.2018, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, emitiu requirimento de emenda de deficiencias, e elaborou un novo proxecto refundido.

• O Pleno do Concello, en sesión do 25.10.2016, aprobou de novo provisionalmente a delimitación do solo de núcleo rural de Chaguazoso, que corrixe as deficiencias sinaladas no documento aprobado provisionalmente en data 28.6.2018.

II. Análise e consideracións.

II.1. O ámbito de actuación comprende 128.722 m2. O obxecto do proxecto é a delimitación do núcleo rural de Chaguazoso coa categoría de núcleo rural tradicional e a súa regulación urbanística, de acordo co establecido no artigo 23 da LSG.

II.2. En virtude do establecido no punto 2 da disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) que entrou en vigor o 19.3.2016, a delimitación do solo de núcleo rural de Chaguazoso pode continuar a súa tramitación a teor do disposto na LOUG, coa adaptación das súas determinacións plenamente á LSG.

II.3. No proxecto refundido complétase a análise do modelo de asentamento poboacional; e elabórase unha ficha do núcleo co contido mínimo exixido xunto co plano parcelario, a escala axeitada, no cal se grafan as parcelas incluídas no ámbito de actuación.

II.4. A delimitación proxectada cumpre co requisito de presentar unha consolidación pola edificación de polo menos o 50 %, acadando o 68,11 %, con 167 parcelas edificadas.

II.5. Na documentación presentada consta un plano no cal se recolle o trazado e características da rede viaria, con sinalización do largo e aliñacións de todas as vías, grafando as aliñacións consolidadas polas edificacións e muros de peche tradicionais. Asemade, na ficha recóllese que as redes de servizos existentes e grafadas nos planos I-5 e I-6 considéranse suficientes sen necesidade de propoñer novas redes de servizos.

De conformidade co artigo 78.2.c) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 10 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación do solo de núcleo rural, correspóndelle á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a delimitación de solo de núcleo rural tradicional de Chaguazoso, no concello da Mezquita.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a delimitación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar a normativa da delimitación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese ao Concello, e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2018

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file