Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Venres, 1 de febreiro de 2019 Páx. 6761

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 8 de xaneiro de 2019 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Trasmiras.

O Concello de Trasmiras eleva, para a súa aprobación definitiva, o expediente do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG) e ás previsións da disposición transitoria 2ª.2 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada polo Concello; e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. Planeamento municipal vixente.

O Concello de Trasmiras carece de planeamento urbanístico xeral, polo que son de aplicación as normas complementarias e subsidiarias da provincia de Ourense.

Dispón da delimitación de solo urbano de Trasmiras e Vila de Rei (AD 16.4.1985); e a delimitación do núcleo rural de Escornabois (AD 26.6.2013).

I.2. Figuras de ordenación do territorio con incidencia supramunicipal.

O concello de Trasmiras está afectado polo proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da línea de alta tensión 132 kV Xinzo-Verín (AD 28.6.2005, modificada pola Resolución do 25 de abril de 2012).

I.3. Tramitación.

1. O 6.2.2009 iníciase na Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o procedemento de avaliación ambiental estratéxica. En data 2.4.2009, emítese o documento de referencia.

2. O 24.9.2009, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emite informe previo á aprobación inicial (IPAI), de conformidade co disposto no artigo 85.1 da LOUG.

3. O Concello Pleno do 26.2.2010 aproba inicialmente o PXOM; e sométeo a información pública durante dous meses, mediante anuncios no DOG do 16 de abril e nos xornais La Voz de Galicia do 18 de marzo e La Región do 19 de marzo de 2010. Dáselles audiencia aos concellos limítrofes e solicítaselles informes aos organismos sectoriais.

4. Mediante Resolución do 11 de decembro de 2015, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formula a memoria ambiental, que se fai pública mediante Anuncio do 14 de decembro de 2015 publicado no DOG do 5 de xaneiro de 2016.

5. O Pleno do Concello aproba provisionalmente o PXOM en sesión do 11.2.2016.

6. No expediente constan os seguintes informes de carácter sectorial:

• En materia agraria: informe do 4.5.2010, da Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias da Consellería do Medio Rural, informativo favorable.

• En materia de montes: informe do 9.8.2010 do Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural, favorable.

• En materia de telecomunicacións: informe do 11.6.2010 da Secretaría de Estado de Telecomunicacións do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, informativo.

• En materia de estradas: informe do 1.8.2011 da Deputación Provincial de Ourense, favorable; e informe do 29.11.2011 da Secretaría de Estado de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, favorable condicionado.

• En materia de espazos protexidos: informe do 7.10.2011 da Dirección Xeral de Conservación da Consellería do Medio Rural, condicionado.

• En materia de xestión de residuos: informe do 18.11.2011 da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, informativo.

• En materia de recursos hídricos: informe do 22.1.2013 da Comisaría de Augas da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, favorable condicionado.

• En materia de patrimonio cultural: informe do 9.3.2015 da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, favorable.

7. En virtude do artigo 85.5 da LOUG, con data do 29.4.2016 requírese ao Concello para que complete a documentación presentada. O 3.10.2016, o Concello achégaa.

8. O 21.12.2016 a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio emitiu unha orde de aprobación definitiva pola que resolveu non aprobar o PXOM de Trasmiras e solicitar a emenda dunha serie de deficiencias.

9. O 17.1.2018 remitiuse oficio ao Concello de Trasmiras, onde se advirte da necesidade de solicitar un novo informe sectorial en materia de telecomunicacións en relación coa sentenza do 19.12.2017 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

10. O Pleno do Concello aproba provisionalmente o PXOM en sesión do 13.9.2018; o posteriormente, realiza unha nova aprobación provisional en sesión do 4.12.2018, para subsanar os erros advertidos polo equipo redactor do PXOM.

II. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación relativa ao PXOM achegada polo Concello de Trasmiras, púidose comprobar que se subsanaron as deficiencias sinaladas pola anterior orde sobre a aprobación definitiva do 21.12.2016, e que se achegou o informe favorable en materia de telecomunicacións.

Porén, observouse que para o desenvolvemento do SURB-I, prevense en solo rústico, unha nova conexión viaria coa estrada nacional, conexións de abastecemento e saneamento co colector xeral desta estrada e unha EDAR exclusiva. Para garantir a execución destas infraestruturas, eses terreos deben formar parte da delimitación de solo urbanizable.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación coa disposición transitoria 2ª do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Trasmiras, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, e o previsto na disposición transitoria 2ª.2 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG); con suxeición ao cumprimento da condición sinalada no punto II anterior canto que os anteditos terreos de conexión coa rede viaria e cos colectores xerais da rede viaria, grafados nos planos de ordenación coa epígrafe SX, teñan a clasificación de solo urbanizable, incluído no ámbito SURB-I.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio o Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Trasmiras no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente, unha vez inscrito o PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda