Esta resolución ten por obxecto eliminar documentos pertencentes ao patrimonio documental de Galicia de acordo coa normativa que establece o procedemento, a Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, e o Decreto 15/2016, do 14 de xaneiro, que regula a composición do Consello de Avaliación Documental de Galicia.
A Lei de arquivos e documentos establece que non se poderá eliminar ningún documento público se antes non foi avaliado e seleccionado de acordo co procedemento que se estableza para tal fin.
No procedemento de avaliación, regulado no título II do Decreto 15/2016, establécese que as propostas de avaliación serán sometidas a ditame do Consello de Avaliación Documental de Galicia, que elaborará as táboas de avaliación documental e que serán aprobadas polo titular da consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental, e disporá a publicación do seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
A serie documental avaliada refírese aos expedientes tramitados para rexistrar os contratos laborais formalizados entre traballadores e empresarios ante as oficinas de emprego da Administración autonómica para a súa comunicación ao órgano competente na materia da Administración xeral do Estado.
O Consello de Avaliación Documental de Galicia, na súa sesión do 15 de marzo de 2017, emitiu o seu ditame a través da táboa de avaliación documental, aprobada polo titular da consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental e publicada no DOG número 34, do 19 de febreiro de 2018.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria presentou a proposta de eliminación dunha fracción desta serie, que foi ditaminada polo Consello de Avaliación Documental de Galicia na sesión do 12 de decembro de 2018.
Para estes efectos, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e de conformidade co disposto no Decreto 15/2016, do 14 de xaneiro, que regula o procedemento de avaliación e selección documental,
RESOLVO:
Primeiro
Aprobar a eliminación da fracción da serie documental de expedientes de rexistro de contratos laborais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que se detalla no anexo.
Segundo
A eliminación estará suxeita aos prazos, mostraxes e demais formalidades previstas na táboa de avaliación aprobada e no procedemento de eliminación establecido.
Terceiro
A destrución certificada farase de acordo cos estándares vixentes para o cumprimento na normativa de protección de datos e na confidencialidade e seguridade de todo o proceso desde a súa recollida, transporte, almacenamento, destrución e reciclaxe final, en consonancia coa lexislación ambiental.
Cuarto
O titular dos documentos e o/a arquiveiro/a responsable asinarán a acta da eliminación efectuada de acordo co disposto no procedemento de eliminación e remitiranlla ao órgano superior con competencias en materia de arquivos e patrimonio documental no prazo dos 10 días seguintes á eliminación.
Quinto
Na acta de eliminación farase constar a fracción da serie eliminada, con indicación dos datos identificadores, do produtor, datas extremas, volume e, de ser o caso, a técnica de mostraxe utilizada.
Coa acta xuntarase unha certificación da empresa que realice a eliminación en que consten a data de destrución e o sistema empregado para facela, de maneira que se garanta a eliminación total dos documentos.
Sexto
Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Sétimo
A autorización non se fará efectiva ata transcorridos tres meses desde a publicación no DOG desta resolución, sempre que nese prazo non haxa constancia da interposición de recurso de calquera natureza contra ela.
Oitavo
Non se levará a cabo a destrución de documentos autorizada ata que a presente resolución, no caso de ser impugnada, adquira firmeza.
Noveno
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interporse, potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2018
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo
ANEXO
Relación de series documentais para eliminar
Código da táboa de avaliación |
013. |
Publicación da resolución |
Orde do 29 de xaneiro de 2018, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 34, do 19 de febreiro). |
Código da serie documental |
AA-1301. |
Denominación da serie documental |
Expedientes de rexistro de contratos laborais. |
Procedencia |
Consellería de Economía, Emprego e Industria. Secretaría Xeral de Emprego. Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral. Subdirección Xeral de Orientación Laboral. |
Datas da fracción de serie para eliminar |
2003-2011. |
Ditame |
– Expedientes anteriores ao ano 2002, inclusive, eliminación aos 50 anos da finalización da súa tramitación. – Expedientes posteriores ao ano 2002, eliminación aos 2 anos da finalización da súa tramitación. – Mostraxe para conservar: 5 % das unidades de instalación. |
Volume |
Volume da fracción de serie: 12.140 unidades de instalación. Volume para eliminar: 11.523 unidades de instalació Mostraxe para conservar: 617 unidades de instalación (5 %). |