Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Luns, 28 de xaneiro de 2019 Páx. 5049

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 10 decembro de 2018 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello das Pontes de García Rodríguez, no número 129-137 da avenida da Habana.

O Concello das Pontes de García Rodríguez remite a modificación sinalada, para os efectos do artigo 60.14 e seguintes da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), que corresponde co artigo 144.14 e seguintes do seu regulamento, aprobado polo Decreto 143/2016 (RLSG).

Analizada a documentación achegada, subscrita pola arquitecta María Ríos Carballeira en outubro de 2017; e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello das Pontes de García Rodríguez dispón na actualidade dunhas normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña o 9.12.1985.

2. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (SXOTU) emitiu, o 27.9.2016, un informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o informe ambiental estratéxico con data 24.10.2016 (DOG do 11 de novembro), resolvendo non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria. Nese marco de consultas previas contestaron:

a) Instituto de Estudos do Territorio: 5.10.2016, sen efectos significativos na paisaxe.

b) Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica: 30.9.2016, canto que a modificación non terá impacto nas súas competencias.

4. O arquitecto municipal e a secretaría do concello emitiron cadanseu informe en datas 30.3.2017 e 6.4.2017, favorables á aprobación inicial da modificación.

5. O Concello pleno aprobou inicialmente a modificación o 3.5.2017. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (Diario de Ferrol do 9 de maio de 2017 e Diario Oficial de Galicia do 19 de maio), sen alegacións, segundo certificado do 3.8.2017.

6. No que afecta os informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), a SXOTU emitiu informe sobre o resultado do trámite o 21.9.2017:

a) Emitíronse os seguintes informes sectoriais autonómicos:

• Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: 9.6.2017, que indica a non necesidade de informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Instituto de Estudos do Territorio: 28.7.2017, sen obxeccións.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 30.6.2017, favorable.

b) Foi solicitado o informe de Augas de Galicia, sen que fose emitido.

c) Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Capela, Mañón, Monfero, Muras, Ortigueira, San Sadurniño e Xermade; responderon San Sadurniño (22.6.2017) e Monfero (4.9.2017), sen obxeccións.

7. En materia de informes sectoriais non autonómicos, consta:

a) Delegación do Goberno en Galicia: 8.6.2017, sen incidencia no Inventario de bens e dereitos do Estado.

b) Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital: informe do 26.5.2017, favorable.

c) Confederación Hidrográfica do Miño-Sil: 23.5.2017, está fóra do seu ámbito territorial de competencia, que corresponde a Augas de Galicia.

8. O arquitecto municipal e a secretaría do concello emitiron cadanseu informe en datas 11.6.2018 e 6.7.2018, favorables á aprobación provisional da modificación.

9. A modificación foi aprobada provisionalmente por acordos do Concello pleno do 18.7.2018 e 7.11.2018.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. O ámbito da modificación comprende os terreos situados entre os números 129 e 135 da avenida da Habana e a rúa Quince, en concreto a parcela catastral 3616105NJ9131N, cunha superficie total de 424 m². O terreo é de titularidade municipal.

2. Os terreos están clasificados nas normas municipais vixentes como solo urbano e cualificados como edificación en quinteiro pechado non consolidado de quinteiro pechado, e incluídos na unidade de actuación nº 4.

3. A modificación ten por obxecto a recualificación da parcela a sistema xeral viario para adaptar a cualificación ao uso realmente existente, de aparcadoiro público, ampliando a dotación prevista para estes.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello, e en relación coas observacións formuladas no informe da SXOTU do 27.9.2016 e as alteracións que o proxecto aprobado provisionalmente supón respecto do borrador, obsérvase:

1. Razóns de interese público (artigo 83.1 e concordantes da LSG):

O incremento do sistema xeral viario co fin de aumentar o espazo destinado a aparcadoiro, nun contexto de escaseza deste, pode considerarse como razón de interese público para a formulación da modificación do planeamento xeral.

2. O proxecto aprobado provisionalmente dá cumprimento ao indicado no punto c).2 do informe da SXOTU do 27.9.2016.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación coa disposición transitoria 2ª do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de As Pontes de García Rodríguez no ámbito do nº 129-137 da avenida da Habana.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello das Pontes de García Rodríguez no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente, unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda