Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Luns, 28 de xaneiro de 2019 Páx. 5053

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 18 de xaneiro de 2019, conxunta das consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Medio Rural, pola que se establece o réxime de prestación de servizos das escalas de axentes forestais e axentes facultativos ambientais.

A Orde do 21 de marzo de 2005 estableceu o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal da escala de axentes forestais da Xunta de Galicia. Nestes máis de dez anos que transcorreron desde a súa entrada en vigor producíronse numerosos cambios, tanto lexislativos como das circunstancias nas que se desenvolve a prestación de servizos do colectivo de axentes.

A nivel lexislativo non só se produciron no ámbito da xestión forestal e de prevención e defensa contra incendios forestais, coa aprobación da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia. Tamén a lexislación de función pública mudou, coa aprobación do Estatuto básico do empregado público, e coa Lei 2/2015, do 29 de abril, do empregado público de Galicia. Por outra banda, a actual normativa en materia de protección do patrimonio natural e da bíodiversidade, establece novas obrigas para a consellería con competencias na materia, sendo o persoal pertencente á escala, como parte dos responsables de exixir o cumprimento da dita normativa. Neste sentido o persoal funcionario das escalas de axentes forestais e facultativos ambientais están vendo incrementadas as funcións que teñen encomendadas coa asunción da nova regulación das obrigas de xestión de biomasa que resulta da última modificación da Lei de incendios, de participación na caso de que fosen requiridos en operativos de emerxencias (busca e rescates), operativos de extinción de incendios en espazos naturais protexidos así como a realización de actuacións de protección e de conservación do patrimonio natural dentro dos espazos naturais protexidos, tales como: toma de datos xeoreferenciados, levantamento de planos, inspección e seguimento de ocupacións, cambios de uso do solo, e, fundamentalmente, a vixilancia da correcta xestión da biomasa en zonas incluídas na Rede Natura 2000 ou limítrofes a esta, e as funcións inspectoras establecidas na normativa de patrimonio natural.

Así mesmo, a desestacionalización dos incendios e o seu cambio de tipoloxía obriga a ter que dedicar uns espazos temporais máis grandes durante o ano a unha actividade que antes se concentraba no período estival.

Todos estes cambios aconsellan ditar unha nova orde para adaptar a prestación de servizos do colectivo de axentes as circunstancias actuais. Con esta finalidade e tras un proceso negociador coa representación sindical e logo do acordo acadado na Mesa xeral de negociación e do informe favorable da comisión de persoal, foron emitidos os informes da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, Dirección Xeral de Función Pública, e da Asesoría Xurídica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sobre o texto da orde.

Na súa virtude, e de conformidade co establecido no artigo 38.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Consellería Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Consellería do Medio Rural,

DISPOÑEN:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente orde ten por obxecto regular o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas, permisos e compensacións económicas do persoal das escalas de axentes forestais e axentes facultativos ambientais da Xunta de Galicia.

Artigo 2. Períodos de prestación de servizos

O ano natural divídese en dous períodos de prestación de servizos: un ordinario e outro extraordinario. No último trimestre do ano anterior estableceranse dous cadros de servizos: un para o período ordinario e outro para o período extraordinario. O cadro do período extraordinario fixarase para todo o ano natural. En cada consellería estableceranse cadros homoxéneos que respecten a xornada máxima anual efectiva de 1.665 horas.

Artigo 3. Quendas en día festivo

As quendas de prestación efectiva de servizos en día festivo non superarán o número de 5 ao ano por axente, computándose para estes efectos tanto as quendas en festivo realizadas en período ordinario como extraordinario. Non terá a consideración de quenda en día festivo aquela na que se presten tres ou menos horas en día sinalado como festivo.

CAPÍTULO II

Réxime de prestación de servizos durante o período ordinario

Artigo 4. Período ordinario

1. O período ordinario comprende todo o ano, excepto o definido, se é o caso, como período extraordinario. Neste período realizaranse de luns a venres quendas de prestación efectiva de servizos de mañá e tarde. Tamén se realizará unha quenda diaria de prestación efectiva de servizos durante cada día da fin de semana e festivo. Para estes efectos, terán a consideración de festivos os días 24 e 31 de decembro.

2. A duración das quendas de mañá e tarde de luns a venres durante o período ordinario será de 7 horas. A quenda de mañá comezará ás 8.00 horas e a de tarde ás 14.00 ou 15.00 horas.

3. Se por necesidades de servizo é necesario prolongar a xornada de traballo durante as quendas de mañá e tarde, de luns a venres, o axente seguirá prestando continuadamente o servizo ata un máximo de 4 horas, sen que o número de horas acumuladas ao mes poida exceder 8. Cada hora prolongada compensarase cunha diminución de xornada no mesmo trimestre de 1,50 horas.

4. A duración da quenda de fin de semana e festivo será de 12 horas, con prestación efectiva de servizos, e poderá comezar ás 8.00, ás 10.00 ou ás 12.00 horas.

5. A quenda de traballo de 12 horas ou a de máis de 2 horas de dispoñibilidade nocturna en día festivo comportará a libranza o día anterior e posterior á mencionada xornada. A realización das quendas de 12 horas ou de dispoñibilidade nocturna de fin de semana comportará a libranza de dous días na mesma semana e dun día máis na semana seguinte.

Artigo 5. Quenda de dispoñibilidade nocturna

1. Durante o período ordinario, na consellería competente en materia de extinción de incendios forestais, estableceranse quendas nocturnas de dispoñibilidade durante todos os días do período, fins de semana incluído. Excepcionalmente, tamén se poderán establecer estas quendas nocturnas de dispoñibilidade na consellería competente en materia de patrimonio natural.

2. A quenda de dispoñibilidade nocturna en día laborable será de 10 horas. A dispoñibilidade implicará estar en disposición de acudir ao territorio do distrito nun tempo máximo de 30 minutos. A duración da quenda nocturna de dispoñibilidade de fin de semana e festivo será de 10 horas e poderá empezar ás 20.00 ou ás 22.00 horas, co mesmo tempo de resposta previsto para os días laborables.

3. A prolongación das ditas quendas por necesidade do servizo compensaranse cunha diminución de xornada de 2,5 horas por cada hora prolongada, de ser posible, durante o mesmo trimestre.

Artigo 6. Servizos máximos durante o período ordinario

Durante o período ordinario os servizos máximos por axente serán os seguintes:

a) 4 quendas de prestación efectiva de servizos en fin de semana completos cada 8 semanas en cómputo anual e nunca en fins de semana consecutivos.

b) 5 quendas de dispoñibilidade nocturna cada 6 semanas, cada unha das cales se realizarán dentro da mesma semana natural.

CAPÍTULO III

Réxime de prestación de servizos durante o período extraordinario

Artigo 7. Período extraordinario na consellería competente en materia de extinción de incendios forestais

1. Con carácter xeral, o período extraordinario na consellería competente en materia de extinción de incendios forestais será de catro meses, que comprenderá, en todo caso, os meses de xullo, agosto e setembro, correspondentes co período de tempo declarado como época de perigo alto de incendios. O mes adicional decidirao o centro directivo competente en materia de incendios forestais e poderá fraccionarse como máximo en dous períodos de 15 días. O inicio de cada un destes períodos adicionais anunciarase con tres días de antelación, sempre que as circunstancias o permitan. No caso de non se ter decidido o cuarto mes antes do 30 de novembro, tomarase como referencia para o pagamento do complemento de produtividade dese período o cadro de período extraordinario do mes de outubro.

2. En cada distrito estableceranse as quendas de axentes forestais e axentes facultativos medioambientais necesarios para atender durante todos os días e horas do período extraordinario a vixilancia, prevención e extinción de incendios forestais e calquera outra continxencia que se produza. As quendas serán de presenza física e a súa duración será de 12 horas, as que se inicien de mañá e de tarde, e terán unha duración de 10 horas as que se inicien de tarde-noite.

3. Os servizos máximos no período extraordinario serán de 16 quendas mensuais. As quendas en fin de semana realizaranse en fins de semana alternos.

4. Poderanse establecer cadros específicos para as xornadas especiais das brigadas de investigación, que realizarán quendas de mañá e tarde.

5. Con carácter extraordinario, en caso de emerxencia ou sempre que o perigo alto de incendios o requira, poderase dispoñer mediante resolución da secretaría xeral técnica, por proposta do centro directivo competente en materia de incendios forestais, a prestación de servizo dos axentes segundo o cadro do período extraordinario polo período máximo dun mes adicional aos dos fixados no punto 1 deste artigo, que se poderá fraccionar en dous períodos, o primeiro dos cales terá unha duración mínima de 15 días. O inicio de cada un destes períodos extraordinarios anunciarase con catro días de antelación, sempre que as circunstancias o permitan.

6. No suposto de persoal da escala que teña restrinxidas ou sexa non apto para realizar funcións de extinción, o réxime de prestación de servizos será o do período ordinario e só poderán realizar quendas de fins de semana e festivos comprendidos dentro deste período ordinario.

Artigo 8. Período extraordinario na consellería competente en materia de patrimonio natural

1. Con carácter xeral, o período extraordinario na consellería competente en materia de patrimonio natural será de dous meses, que será establecido por resolución do centro directivo con competencias na materia a proposta de cada unha das xefaturas territoriais e poderá fraccionarse como máximo en dous períodos dun mes. O inicio de cada un destes períodos adicionais anunciarase con 15 días de antelación.

2. En caso de emerxencia ou ante necesidades do servizo sobrevidas, a consellería competente en materia de patrimonio natural, mediante resolución do órgano directivo con competencias na materia, poderá establecer un período extraordinario de servizos fóra das franxas horarias establecidas dentro do período ordinario. Este período extraordinario non poderá ser superior a dous meses en cómputo anual, que poderá fraccionarse en catro períodos de, como mínimo, 15 días de duración. O inicio de cada período anunciarase con 15 días de antelación sempre que as circunstancias o permitan.

3. En cada distrito estableceranse as quendas de axentes forestais e axentes facultativos ambientais necesarios para atender durante todos os días e horas do período extraordinario a vixilancia do patrimonio natural e calquera outra continxencia que se produza. As quendas serán de presenza física e a súa duración será de 12 horas, as que se inicien de mañá e de tarde, e terán unha duración de 10 horas as que se inicien de tarde-noite.

4. Os servizos máximos no período extraordinario serán de 16 quendas mensuais. As quendas en fin de semana realizaranse en fins de semana alternos.

5. En caso de adscrición temporal do persoal á consellería competente en materia de extinción de incendios forestais durante o período extraordinario fixado por esta, atenderase ao disposto para o persoal adscrito a esta, no artigo 7.

CAPÍTULO IV

Réxime de descansos, vacacións, licenzas e permisos

Artigo 9. Réxime de descansos e horarios

1. Os axentes gozarán dun descanso semanal mínimo de 48 horas consecutivas dentro dun período de 7 días quedando prohibidas as continuidades de quendas superiores a 5 días consecutivos, agás que, por cambio de cadro, as necesidades de rotación do persoal non o permitan, compensándose neste suposto o descanso non gozado nos descansos semanais seguintes. Nos cambios de cadro respectaranse as xornadas de descanso.

2. Os cadros de quendas confeccionaranse no último trimestre do ano para todo o exercicio seguinte, serán públicos e dados a coñecer ao persoal afectado. A Administración poderá axustar periodicamente os horarios das quendas se o exixisen as necesidades do servizo, o que se poñerá en coñecemento do persoal afectado cunha antelación mínima de 4 días hábiles.

3. O persoal que preste servizo en quendas que comprendan integramente os períodos comprendidos entre as 13.00 e as 15.00 horas e entre as 21.00 e 23.00 horas terán dereito a dispoñer dunha hora en cada un deses períodos para xantar ou cear, sempre e cando a xornada de traballo se inicie ou finalice unha hora antes ou despois dos mencionados períodos e non resulte desatendido o servizo. Para facilitar este dereito, procurarase establecer as quendas que proceda.

Artigo 10. Vacacións, licenzas e permisos do persoal da escala incluído nos cadros do período extraordinario

1. O persoal das escalas incluído nos cadros do período extraordinario só poderá gozar dun período de vacacións dun mínimo de 7 días e máximo de 15 días naturais consecutivos durante o período extraordinario. Este período iniciarase os días 1 ou 16 do mes correspondente e a súa distribución entre os efectivos realizarase de forma que se garanta a cobertura do servizo de xeito rotativo. Os restantes períodos de vacacións gozaranse durante o período ordinario, segundo o previsto nos cadros.

2. O persoal das escalas gozará dun descanso adicional de 10 días naturais consecutivos fóra do período extraordinario, en compensación pola súa adaptación aos cadros horarios que se establezan. Este descanso gozarase de forma continuada a petición das persoas interesadas e a súa concesión quedará supeditada á planificación do distrito, sendo acumulable á vacacións a gozar fóra da época de alto risco conforme aos cadros establecidos.

3. As licenzas e permisos serán as establecidas con carácter xeral para o persoal funcionario da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Os cadros teóricos do período extraordinario para a Semana Santa e Nadal confeccionaranse tendo en conta a posibilidade de que ata un 33 % do persoal da escala poderá estar gozando de vacacións, licenzas ou permisos.

CAPÍTULO V

Compensacións económicas

Artigo 11. Complemento de produtividade

O persoal das escalas percibirá a cantidade de 25 € en concepto de complemento de produtividade, a percibir por cada unha das quendas de prestación efectiva de servizos do período extraordinario, e a cantidade total máxima de 150 € anuais pola realización dun máximo de 30 quendas de dispoñibilidade nocturna durante o período ordinario ou a contía que corresponda en proporción ao número de quendas de dispoñibilidade nocturna efectivamente realizadas, tanto en días laborables como en fin de semana ou festivo.

Artigo 12. Complemento de gratificacións por servizos extraordinarios

Os servizos prestados en réxime de quendas de período extraordinario de conformidade co disposto no artigo 7.5 desta orde terán a consideración de servizos extraordinarios realizados fóra da xornada normal e compensaranse coa percepción dun complemento de gratificación por servizos extraordinarios fixados nas seguintes contías:

a) 54,08 € por quenda realizada en día laborable.

b) 81,11 € por quenda realizada en fin de semana ou festivo.

Artigo 13. Revalorización das contías establecidas para os complementos retributivos

As contías fixadas nesta orde para o complemento de produtividade e para o de gratificacións por servizos extraordinarios experimentarán os incrementos establecidos nas leis de orzamentos para as retribucións dos/das funcionarios/as públicos/as da Xunta de Galicia para os sucesivos exercicios.

Artigo 14. Indemnizacións por razón de servizo

As quendas de prestación efectiva de servizos de duración igual o superior a 10 horas darán lugar a percibir a indemnización por razón de servizo correspondente e que se concreta en media axuda de custo por manutención.

CAPÍTULO VI

Mobilidade funcional

Artigo 15. Mobilidade funcional

1. O persoal das escalas con destino na consellería competente en materia de extinción de incendios e que teña restrinxidas ou sexa non apto para realizar funcións de extinción ou aquel ao que non sexa posible realizar unha adaptación do posto, poderá ser adscrito funcionalmente nos termos dispostos no artigo 98 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, a un posto da súa escala dependente da consellería competente en materia de patrimonio natural.

2. A consellería competente en materia de prevención e extinción de incendios forestais poderá realizar convocatorias específicas de comisións de servicios reguladas no artigo 100 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, nos distritos forestais con necesidades específicas de efectivos para cubrir as quendas do período extraordinario e destinadas aos axentes que estean adscritos na consellería competente en materia de conservación da natureza, de acordo coas seguintes regras:

a) A duración será, como máximo, a do período declarado como de perigo alto de incendios forestais ou, se fose o caso, de declaración de emerxencia.

b) O persoal que se traslade voluntariamente percibirá as retribucións correspondentes ao posto que realmente desempeña, sen prexuízo do dereito a percibir as compensacións económicas en concepto de complemento de produtividade, de complemento de gratificacións por servizos extraordinarios e axudas de custo previstas nesta orde.

CAPÍTULO VII

Formación

Artigo 16. Formación

As consellerías competentes en materia de extinción de incendios e de patrimonio natural, a través dos plans de formación do persoal ao seu servizo, establecerá os axeitados programas dirixidos á formación do persoal adscrito, en función das necesidades específicas desta escala.

A formación do persoal das escalas de axentes forestais e axentes facultativos ambientais recollerá as necesidades de formación dos axentes de novo ingreso e as de perfeccionamento dos xa pertencentes a estas escalas.

Así mesmo, deben recibir a oportuna formación e cualificación para o exercicio das súas funcións de policía ambiental, en materia de defensa persoal e verbal, así como a preparación e protocolos adecuados para evitar situacións de risco e resolución de conflitos.

A planificación da formación na consellería competente en materia de extinción de incendios comprenderá a establecida no Plan de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia.

Disposición adicional única. Aplicación á nova escala de axentes técnicos en xestión ambiental

Esta orde será de aplicación aos funcionarios/as que ingresen a través das ofertas de emprego público correspondentes na nova escala de axentes técnicos en xestión ambiental.

Disposición transitoria única. Persoal que presta servizos no Parque Nacional das Illas Atlánticas

En tanto non se regulan as condicións específicas do persoal das escalas obxecto deste acordo que prestan servizos no Parque Nacional das Illas Atlánticas terán dereito a percibir unha indemnización por razón de servizo correspondente que se concreta en unha axuda de custo por manutención por cada día.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogada a Orde da Consellería de Medio Ambiente do 21 de marzo de 2005 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas a percibir polo persoal da escala de axentes forestais da Xunta de Galicia, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación, sen prexuízo dos efectos económicos, que serán do 1 de xaneiro de 2018.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural