Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Luns, 21 de xaneiro de 2019 Páx. 3875

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Vigo

EDICTO (91/2017).

F02 Familia, garda, custodia, alimentos de fillo menor non matrimonial non consensuado 91/2017

Procedemento orixe: medidas provisionais previas á demanda 577/2016

Sobre outros familia incidentes

Demandante: Linda Atu

Procuradora: Olga Martínez Villanueva

Avogado: Darío Javier Costas Vila

Demandado: Chidozie Ejike Osita

Sarai Paniagua Acera, letrada da Administración de xustiza do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Vigo, polo presente anuncio:

No procedemento de referencia seguido por instancia de Lianda Atu fronte a Chizozie Ejike Osita ditouse a resolución do teor literal seguinte:

Sentenza

En Vigo o 14 de marzo de 2018.

Vistos por min, María del Pilar Cao Fernández, maxistrada do Xulgado de Reforzo dos xulgados de Primeira Instancia número 5 e número 12 de Vigo, os presentes autos de more uxorio con número 91/2017, seguidos por instancia de Linda Atu, representada pola procuradora Olga Martínez Villanueva e baixo a dirección letrada de Darío Javier Costas Vila, fronte a Chidozie Ejike Osita, declarado en situación de rebeldía procesual, e con intervención do Ministerio Fiscal, resulta o seguinte

(Seguen antecedentes de feito e fundamentos de dereito)

Decido que debo estimar e estimo parcialmente a demandada interposta pola procuradora dos tribunais Olga Martínez Villanueva, en nome e representación de Linda Atu, fronte a Chidozie Ejike Osita, e por iso procede acordar e acordo os efectos e medidas seguintes:

Atribúese á nai a garda e custodia dos dous fillos comúns, sen prexuízo de que ambos os proxenitores compartan a titularidade e o exercicio da patria potestade.

Establécese a favor do pai o seguinte réxime de visitas, comunicación e estadías cos fillos menores:

Visitas:

Entre semana: o pai gozará da compañía dos menores os martes e xoves de 17.00 a 20.00 horas, e

Fins de semana: fins de semana alternas, realizándose a recollida dos menores o venres á saída do centro escolar e a entrega o domingo ás 20.00 horas, no domicilio materno. Correspóndelle a primeira fin de semana tras a aprobación das medidas.

Vacacións

As vacacións de verán repartiranse por períodos quincenais. En anos pares corresponderá á nai as primeiras quincenas dos meses de xullo e agosto, e nos impares ao pai. Cando corresponda ao pai a primeira quincena recollerá os menores os días 1 ás 20.00 horas e retornaraos o 15 ás 20.00 horas; cando lle corresponda a segunda quincena recolleraos o 15 e entregaraos o 31. A primeira fin de semana de setembro corresponderá ao proxenitor que non gozou a última semana de vacacións cos menores, e a partir de aí continuará a alternancia.

As vacacións de Nadal comprenderán desde o 22 de decembro ata o 8 de xaneiro, estendéndose o primeiro período desde o 22 ata o 31 de decembro, e o segundo do 31 de decembro ao 8 de xaneiro. Corresponderá ao pai o primeiro período os anos impares e á nai, os pares. O lugar e hora de entrega dos menores será as 20.00 horas no domicilio da nai.

As vacacións de Semana Santa desfrutaranse por períodos completos e corresponderán á nai nos anos impares e ao pai nos pares. Cando corresponda ao pai o desfrute das vacacións cos menores, serán recollidos no domicilio materno o venres ás 20.00 horas e retornados o luns á mesma hora.

Establecerase a total liberdade de comunicacións postais e telefónicas cos menores, sen que poidan realizarse de modo intempestivo, sempre con anterioridade ás 20.30 horas en períodos lectivos.

En calquera caso, este réxime de mínimos debe entenderse supletorio dos acordos puntuais que poidan alcanzar as partes, como mellores coñecedores da súa situación e da dos seus fillos.

Atribúese á esposa e aos fillos o uso e desfrute da vivenda que constituíu o domicilio familiar, xunto co mobiliario e enxoval que se ache no seu interior.

Fíxase a contía da pensión de alimentos que o pai debe ingresar a favor dos menores na cantidade de 200 euros mensuais a cada fillo (isto é, 400 euros mensuais), suma que satisfará por mensualidades anticipadas, dentro dos cinco primeiros días de cada mes, na conta bancaria que para o efecto designe a nai.

A dita cantidade actualizarase anualmente en proporción ás variacións que experimente o índice oficial de prezos de consumo, segundo o INE ou organismo que o substitúa.

Ambos os proxenitores sufragarán por metade os gastos extraordinarios que xeren os menores.

Merecerán a consideración de gastos extraordinarios, entre outros, os derivados da atención dos fillos menores de idade na sanidade privada por enfermidades, o custo pola adquisición ou uso de próteses, o custo doutras actividades médicas ou cirúrxicas non cubertas pola Seguridade Social e os gastos farmacéuticos inherentes a elas, así como calquera outro, en definitiva, de análoga natureza aos antes enunciados.

Calquera incidente en sede de gastos extraordinarios resolverase nos termos do artigo 776.4 da Lei de axuizamento civil, aínda que os gastos antes enunciados e os de análoga natureza serán susceptibles de execución de título xudicial de forma inmediata.

Dada a natureza do presente procedemento, non procede realizar pronunciamento en canto ás custas procesuais.

Notifíquese esta resolución en forma legal ás partes, ás cales se advirte que contra ela cabe interpoñer recurso de apelación para ante a Audiencia Provincial de Pontevedra, que deberá prepararse ante este xulgado dentro dos vinte días seguintes á súa notificación, e que se substanciará conforme as normas da nova Lei de axuizamento civil, sendo necesario que para iso se proceda aingresar na conta de depósitos e consignacións deste xulgado o depósito establecido pola Lei orgánica 1/2009, do 3 de novembro.

Así o acordo, mando e asino.

E atopándose o dito demandado, Chidozie Ejike Osita, en paradoiro descoñecido, expídese o presente a fin de que sirva de notificación en forma a este.

Vigo, 19 de decembro de 2018

A letrada da Administración de xustiza