Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Venres, 18 de xaneiro de 2019 Páx. 3696

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 10 de xaneiro de 2019 polo que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5 de decembro de 2018, que aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción da Vía Ártabra, treito N-VI – AP-9, coa clave AC/04/156.01.4.1.

En cumprimento do disposto nos artigos 22 e 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, polos que se regula a aprobación definitiva dos estudos e proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas e os seus efectos, faise pública no Diario Oficial de Galicia a parte dispositiva do Acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia, do 5 de decembro de 2018, e que literalmente di:

«Aprobar, ao abeiro do artigo 22.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o expediente de información pública e informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de construción da Vía Ártabra, treito N-VI – AP-9, coa clave AC/04/156.01.4.1, coas seguintes modificacións:

Un. A actuación desenvolverase en dúas fases: unha primeira (fase I) entre o enlace da N-VI e a estrada autonómica AC-221, e unha segunda (fase II) entre a estrada AC-221 e a autoestrada AP-9, que requirirá para a súa execución a autorización do Ministerio de Fomento referida á súa conexión coa AP-9.

Dous. De acordo cos informes do Ministerio de Fomento, incluirase unha explanación na cal sexa posible instalar unha área de peaxe previa ao novo enlace da Gándara.

Tres. De acordo cos informes de Audasa, establécese un espazo similar ao actual, no contorno do p.q. 11 da AP-9, para atender a vialidade invernal.

Catro. De acordo cos informes da Deputación Provincial da Coruña, e coas indicacións do Ministerio de Fomento, mellórase a rúa Mirto, no treito comprendido entre a rúa Mandín (DP-5814) e a rúa Manuel Quiroga Cornes, para facilitar o acceso da estrada provincial DP-5814 á estrada N-VI.

Cinco. De acordo coa alegación de EMALCSA, readáptase a reposición das súas instalacións.

Seis. De acordo as alegacións de residentes na Urbanización de Leiras, modifícase lixeiramente o trazado dos camiños CS 1.3 MI e CS POL 0.6 MD para minimizar as afeccións.

Sete. De acordo coas alegacións presentadas, actualizaranse diversos datos no anexo de expropiacións».

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou ben recurso potestativo de reposición, ante o Consello da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2019

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas