Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Xoves, 10 de xaneiro de 2019 Páx. 1524

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 7 de decembro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5 de decembro de 2018, polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico Carracedo como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 5 de decembro de 2018, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«Primeiro. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Proyecto sectorial parque eólico Carracedo, promovido por Norvento Estelo, S.L.U.

Segundo. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento no concello da Pastoriza queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado parque eólico Carracedo.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Relación co planeamento urbanístico local vixente e proposta de modificación.

A infraestrutura do parque eólico Carracedo emprázase no termo municipal da Pastoriza. A continuación, analízase a relación coa normativa urbanística vixente.

En virtude do disposto na Lei 2/2016, do solo de Galicia, a nova categoría de solo rústico proposta no presente documento superpoñerase, sen desprazala, sobre a que ostenten os terreos nos planeamentos para o solo rústico de especial protección, prevalecendo a que outorgue maior protección.

1.1. Relación co planeamento muncipal do municipio da Pastoriza.

1.1.1. Adecuación ao planeamento municipal do municipio da Pastoriza.

A infraestrutura asociada ao parque eólico conta cos elementos relacionados a continuación no municipio da Pastoriza: o edificio de control e a subestación, tres aeroxeradores, viarios, gabias de canalizacións, dúas torres meteorolóxicas, o edificio de control e a subestación.

A superficie de afección urbanístico-territorial derivada dos elementos do parque eólico situados no municipio da Pastoriza é de 33,9 ha, o que supón o 100 % da área de afección urbanístico-territorial total.

O termo municipal da Pastoriza dispón de Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado o 9 de agosto de 2013, o cal cualifica á zona afectada pola implantación do parque eólico como solo rústico de protección forestal produtivo (R/PFP).

De conformidade co previsto na disposición transitoria primeira da Lei 2/2016, do solo de Galicia: réxime de aplicación aos municipios con planeamento non adaptado e aos municipios sen planeamento (desenvolvida pola disposición transitoria segunda do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, que aproba o Regulamento da Lei 2/2016) para os municipios con planeamento urbanístico aprobado definitivamente con anterioridade á entrada en vigor da presente lei e adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (que é o caso da Pastoriza), ao solo rústico, aplicaráselle o disposto na Lei 2/2016 para solo rústico, mantendo, en todo caso, a vixencia das categorías de solo contempladas no plan respectivo.

A Lei 2/2016, no seu artigo 35 regula os usos e actividades posibles no solo rústico. Entre os mesmos inclúense os recollidos no punto:

«m) Instalacións e infraestruturas hidráulicas, de telecomunicacións, produción e transporte de enerxía, gas, abastecemento de auga, saneamento e xestión e tratamento de residuos, sempre que non impliquen a urbanización ou transformación urbanística dos terreos polos que discorren».

O parque eólico obxecto de estudo, concibido como instalación de produción de enerxía, atópase entre os usos relacionados no citado punto.

Os devanditos usos, segundo o artigo 36 da Lei 2/2016, son admisibles en calquera categoría de solo rústico, sen prexuízo do disposto nos instrumentos de ordenación do territorio e, no seu caso, previa obtención do título habilitante municipal de natureza urbanística.

1.1.2. Proposta de modificacións do planeamento municipal da Pastoriza.

Considérase conveniente propoñer modificacións da normativa urbanística vixente no municipio da Pastoriza para compatibilizar o parque eólico Carracedo cos usos de solo previstos nela, debido a que existen elementos que poden condicionar aspectos do presente proxecto.

Cando se modifique ou revise o planeamento do termo municipal da Pastoriza, ou se adapte á lei do solo, incluiranse as delimitacións sinaladas na documentación gráfica do presente proxecto, cualificándoas como solo rústico de protección de infraestruturas.

En atención ao disposto no artigo 34.4 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, o ámbito no que se considerará o novo réxime de solo rústico de especial protección de infraestruturas proposto superpoñerase complementariamente aos das outras categorías de solo rústico que concorran, cualificándoo como solo rústico de protección de infraestruturas. A dita cualificación recóllese na documentación gráfica do presente proxecto.

1) Ámbito e licenzas.

Comprende esta categoría de solo a zona delimitada pola poligonal incluída na documentación gráfica do presente proxecto, destinada á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural: vento.

A zona de afección urbanístico-territorial do parque eólico Carracedo, no concello da Pastoriza é de 33,9 ha.

2) Condicións de uso.

Os usos citados destinados á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural vento, para poder implantarse nesta categoría de solo, deberán contar ademais de coa correspondente declaración de impacto ambiental de acordo co previsto na lexislación ambiental vixente, coa aprobación do correspondente proxecto sectorial.

Usos permitidos: nesta categoría de solo queda permitido o emprazamento das infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como os usos agrícolas e gandeiros sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas establecida nas zonas de afección.

3) Limitacións de uso.

As áreas de pleno dominio defínense como aquelas áreas que tras a construción do parque non poderán ser utilizadas polos propietarios dos terreos. É o caso dos terreos afectados polos aeroxeradores, polas antenas meteorolóxicas e polas súas correspondentes plataformas.

As áreas en réxime de servidume, caso das zonas correspondentes aos viarios, ao voo dos aeroxeradores (entendido este como a zona comprendida dentro do diámetro de cada un dos aeroxeradores), e ás gabias de cableado teñen as seguintes limitacións ao dominio:

1ª. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares, así como plantar árbores e arbustos.

2ª. Prohibición de efectuar calquera tipo de obras ou efectuar acto algún que puidese danar ou prexudicar ao bo funcionamento das instalacións.

3ª. Manter, renovar ou reparar as instalacións.

4ª. Prohibición de levantar edificacións nas zonas de afección dos aeroxeradores.

Na zona de protección eólica (terreo protexido para permitir a libre circulación do aire nas proximidades do aeroxerador), poderanse realizar actividades agrícolas ou gandeiras, pero non actividades forestais cando o arboredo supere unha altura equivalente ao 20 % da altura da buxa. Prohíbese calquera outra actividade que impida a circulación do vento nesa zona, nin situar obstáculos de altura superior ao 20 % da altura da buxa.

No resto dos terreos poderán manterse os usos actuais.

1.2. Prazo.

A adecuación do planeamento urbanístico municipal vixente ao proxecto sectorial deberá realizarse con:

– A revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

– A adaptación do planeamento á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

1.3. Eficacia.

De acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 80/2000, a aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta, seguindo o procedemento establecido no artigo 25 da Lei 10/1995, á marxe de cando se adecúe o planeamento municipal, implica que as súas determinacións terán forza vinculante para as administracións públicas e particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente.