Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Venres, 4 de xaneiro de 2019 Páx. 383

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 20 de decembro de 2018 pola que se modifica a Orde do 21 de decembro de 2017, pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal.

Con data do 29 de decembro de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 21 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal, e se procedía á súa convocatoria para o ano 2018.

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 20.000 habitantes, para que poidan rehabilitar as antigas vivendas de mestres, as doutros oficios e as demais edificacións da súa titularidade, co obxecto de que se destinen, en réxime de alugamento, á residencia habitual e permanente de unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples.

Tendo en conta que esta Orde do 21 de decembro de 2017 non contempla un procedemento de adxudicación das vivendas rehabilitadas e que as persoas destinatarias das actuacións teñen uns requisitos de renda similares aos establecidos para o Programa de vivendas baleiras, implantado en virtude do convenio de colaboración asinado o 3 de maio de 2016 entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e a Federación Galega de Municipios e Provincias no ámbito do Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora do acceso á vivenda 2015-2020, considerase oportuno que a súa adxudicación se realice de acordo co procedemento establecido para o citado Programa de vivendas baleiras.

Deste xeito, ademais, os concellos, como parte arrendadora, beneficiaranse dos seguros establecidos no Programa de vivendas baleiras (seguro de danos e de impago de rendas) e, por outra banda, as persoas demandantes de vivenda poderán beneficiarse, no caso de cumprir os pertinentes requisitos, do Programa do bono de alugamento social.

En segundo lugar, establécese un novo requisito das actuacións de rehabilitación consistente na necesidade de seguir os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia, dentro da política de protección da paisaxe.

Por outra banda, introdúcese unha limitación para acceder a estas axudas, de xeito que en cada convocatoria poderá preverse que serán denegadas as solicitudes daqueles concellos que, téndoselle concedida unha subvención deste programa, non a xustificasen debidamente, salvo que tivesen renunciado a ela no prazo dun mes, contado desde a data de notificación da súa concesión.

Así mesmo, establécese expresamente que as resolucións de convocatoria destas axudas se realicen por resolución da persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Finalmente, actualízase o importe das obras respecto da exixencia dos tres orzamentos establecida polo artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De conformidade coas atribucións conferidas no artigo 11 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas, a competencia para ditar esta orde correspóndelle á persoa titular da Consellería de Infraestruturas, Territorio e Vivenda e, en consecuencia,

ACORDO:

Artigo único. Modificación da Orde do 21 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal

1. Modifícase o artigo 4, coa inclusión dun novo número 5, coa seguinte redacción:

5. Nas actuacións de reparación, rehabilitación ou conservación de fachadas, carpintería exterior ou cuberta das edificacións seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

2. Modifícanse as alíneas a) e b) do número 1 do artigo 5, que queda redactado como segue:

a) Contar con menos de 20.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data da publicación da correspondente convocatoria.

b) Contar cun número de demandantes de vivenda inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia no seu concello, cando menos igual ao de vivendas para as cales se solicita a axuda.

3. Modifícase o número 1 do artigo 5, coa inclusión dun novo punto d), coa seguinte redacción:

d) Estar adherido ou en proceso de adhesión ao Convenio de colaboración entre o IGVS e a Federación Galega de Municipios e Provincias (en diante, Fegamp) para o desenvolvemento do Programa de vivendas baleiras no ámbito do Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora do acceso á vivenda 2015-2020 (Plan Rehabita) ou á norma que o substitúa.

4. Modifícase o número 2 do artigo 5, que queda redactado como segue:

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que estean nalgún dos supostos previstos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Tampouco poderán ser beneficiarios destas axudas, nos termos que se establezan na correspondente convocatoria, aqueles concellos que téndoselle concedido unha subvención en virtude deste programa, non a xustificasen debidamente e non tivesen renunciado a ela no prazo dun mes, contado desde a data notificación da resolución de concesión.

5. Modifícase o artigo 6, que queda redactado como segue:

Artigo 6. Procedemento de adxudicación das vivendas

As vivendas serán adxudicadas en réxime de alugamento entre as persoas inscritas no concello, conforme o procedemento establecido no Programa de vivendas baleiras, derivado do citado convenio de colaboración entre o IGVS e a Fegamp ou da norma que o substitúa.

6. Modifícanse os números 1 e 5 do artigo 8, que quedan redactados como segue:

1. A solicitude de concesión realizarase conforme o modelo que se incorpora como anexo I da correspondente resolución de convocatoria. Deberá dirixirse á Área Provincial do IGVS onde estea situada a edificación ou a vivenda.

5. No modelo de solicitude realizaranse as declaracións que se determinen na resolución de convocatoria.

7. Modificase o artigo 9, que queda redactado como segue:

Coa solicitude achegarase a documentación que se estableza na correspondente resolución de convocatoria.

8. Modifícase o número 2 do artigo 14, que queda redactado como segue:

2. O procedemento iniciase de oficio, mediante a correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de convocatoria ditada pola persoa titular da Presidencia do IGVS.

9. Modifícase a alínea f) do artigo 18.1.A, que queda redactado como segue:

f) Copia de tres ofertas, de conformidade co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no suposto de que o importe do gasto subvencionable da actuación supere a contía de 40.000 euros. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

10. Modifícase o primeiro parágrafo do artigo 18.1.B, que queda redactado como segue:

Co remate das obras deberá presentarse, xunto coa documentación sinalada nos seis primeiros parágrafos anteriores, unha certificación da secretaría do concello acreditativa desta circunstancia, acompañada da súa acta de recepción, indicando que se cumpriu a finalidade da subvención, así como que o concello ten aprobadas e publicadas as bases do Programa de vivendas baleiras. Ademais, no caso de non tela presentado no seu momento, deberá achegar a documentación sinalada na alínea f) do punto anterior.

11. Modifícase o número 2 do artigo 20, que queda redactado como segue:

2. Destinar a vivenda rehabilitada durante un prazo non inferior a vinte anos, contado desde o día seguinte ao da finalización das obras, ao alugamento de unidades de convivencia que cumpran os requisitos previstos nesta orde.

12. Engádense dous novos números 7 e 8 ao artigo 20, coa seguinte redacción:

7. Ter aprobadas e publicadas as bases reguladoras do Programa de vivendas baleiras, antes da presentación ao IGVS da documentación xustificativa da subvención concedida.

8. Ter adxudicadas as vivendas rehabilitadas nun prazo non superior a seis meses, contados desde a finalización das obras, conforme o procedemento establecido nas súas bases do Programa de vivendas baleiras.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda