Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Venres, 4 de xaneiro de 2019 Páx. 388

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 20 de decembro de 2018 pola que se modifica a Orde do 14 de marzo de 2018, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa Rehaluga, dirixidas ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas en trámite de incorporación ao Programa de vivendas baleiras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

Con data do 28 de marzo de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 14 de marzo de 2018, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa Rehaluga dirixidas ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas en trámite de incorporación ao Programa de vivendas baleiras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

A necesidade de incentivar a incorporación a este programa vivendas vacantes motiva que se decida incrementar o importe máximo da subvención para a rehabilitación de vivendas, pasando a ser de 8.000 euros para todos os casos. Tamén se incorpora unha modificación para adaptar as actuacións aos criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia. Así mesmo, establécese, expresamente, que as resolucións de convocatoria destas axudas se realicen por resolución da persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo e, por outra banda, introdúcese a remisión á resolución de convocatoria para definir a documentación complementaria e as declaracións que hai que xuntar coa solicitude das axudas.

De conformidade coas atribucións conferidas no artigo 11 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas, a competencia para ditar esta orde correspóndelle á persoa titular da Consellería de Infraestruturas, Territorio e Vivenda e, en consecuencia,

ACORDO:

Artigo único. Modificación da Orde do 14 de marzo de 2018, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa Rehaluga dirixidas ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas en trámite de incorporación ao Programa de vivendas baleiras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018

1. Modifícase o artigo 2, coa inclusión dun novo punto d), coa seguinte redacción:

«d) Nas actuacións de reparación, rehabilitación ou conservación de fachadas, carpintaría exterior ou cuberta das edificacións seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia».

2. Modifícase o artigo 5, que queda redactado como segue:

«Artigo 5. Importes máximos das subvencións

As actuacións serán subvencionadas polo gasto xustificado, sen que o importe desta axuda poida superar a cantidade de 8.000 euros en ningún caso».

3. Modifícanse os números 1 e 5 do artigo 6, que quedan redactados como segue:

«1. A solicitude de concesión realizarase conforme o modelo que se incorpora como anexo I da correspondente resolución de convocatoria. Deberá dirixirse á Área Provincial do IGVS onde estea situada a edificación ou a vivenda».

«5. No modelo de solicitude realizaranse as declaracións que se determinen na resolución de convocatoria».

4. Modifícase o artigo 7, que queda redactado como segue:

«Coa solicitude achegarase a documentación que se estableza na correspondente resolución de convocatoria».

5. Modifícase o punto primeiro do artigo 11 da Orde do 26 de decembro de 2017, coa seguinte redacción:

«1. O procedemento iníciase de oficio, mediante a correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de convocatoria ditada pola persoa titular da Presidencia do IGVS».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda