Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Venres, 28 de decembro de 2018 Páx. 54487

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 21 de novembro de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 20 de novembro de 2018, relativa ao acto de conciliación formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Serra de Larouco e Serra de Larouco e Poulas do Medio, no concello de Baltar.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes dos MVMC Serra de Larouco e Serra de Larouco e Poulas do Medio, no concello de Baltar, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data 30 de maio de 2018 Marta Cuquejo Baños, como presidenta da xunta reitora da CMVMC de Baltar e o presidente da xunta reitora da CMVMC dos veciños de Niñodaguia, presentaron no rexistro da Xefatura Territorial do Medio Rural en Ourense un escrito dirixido ao Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común.

Nel solicitaban que o linde entre ambos os montes veciñais en man común fose o acordado por ambas as comunidades ante o Xulgado de Paz de Baltar o día 3 de maio de 2018.

Con esta solicitude achegaron os planos topográficos cos vértices e liña poligonal que definen o perímetro estremeiro entre ambos os montes, acta de conciliación levantda no xulgado de paz, e as certificacións de aprobación por parte de ambas comunidades.

Segundo. O informe do Servizo de Montes con data do 5 de xuño de 2018 expón que aínda que na documentación achegada non figura acta de deslindamento nin memoria descritiva, a estrema acordada está suficientemente definida mediante o contido da demanda de conciliación, das certificacións dos acordos das asembleas xerais e as coordenadas e planos que figuran na documentación achegada.

Non obstante, nas coordenadas dos vértices 3 e 5 do lindeiro que se reflexan na descrición do perímetro estremeiro que figura na demanda de conciliación e nas certificacións de aprobación das comunidades, detectáronse algúns datos incoherentes que se consideran erros de tipo material:

– Vértice 3: figura a coordenada Y=4943603,3. Considérase correcta a que figura no plano (Y=4643603,3).

– Vértice 5: figuran as coordenadas X=608207,3; Y=4645447,2. Considéranse correctas as que figuran no plano (X=608260,5; Y=4645132,1).

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que hai que seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, dite resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos e, en particular as consideracións realizadas no informe do Servizo de Montes, o Xurado Provincial en man común acordou por unanimidade o día 1 de agosto de 2018:

Aprobar o acto de conciliación acadado pola xunta reitora da CMVMC de Baltar e a xunta reitora da CMVMC dos veciños de Niñodaguia, no concello de Baltar, de acordo co informe favorable do Servizo de Montes do 5 de xuño de 2018.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Ourense, 21 de novembro de 2018

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense