Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Venres, 28 de decembro de 2018 Páx. 54484

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 21 de novembro de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 20 de novembro de 2018, relativa ao acto de conciliación formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Comunal de Campobecerros e Veiga de Camba, nos concellos de Castrelo do Val e Vilariño de Conso.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes dos MVMC de Comunal de Campobecerros e Veiga de Camba, nos concellos de Castrelo do Val e Vilariño de Conso, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 25 de abril de 2017 o presidente da xunta reitora da CMVMC de Campobecerros e Francisco Nieves Fernández, presidente da xunta reitora da CMVMC da parroquia de Veigas de Camba, presentaron no rexistro da Xefatura Territorial do Medio Rural en Ourense un escrito dirixido ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común.

Nel solicitaban que o linde entre ambos os montes veciñais en man común fose o acordado por ambas as comunidades ante o Xulgado de Paz de Vilariño de Conso o día 19 de abril de 2017.

Con esta solicitude achegaron os planos topográficos cos vértices e liña poligonal que definen o perímetro estremeiro entre ambos montes, acta de conciliación levantada no xulgado de paz, e as certificacións de aprobación por parte de ambas as comunidades.

Segundo. O informe do Servizo de Montes con data do 25 de maio de 2018 expón que aínda que na documentación achegada non figura acta de deslindamento nin memoria descritiva, a estrema acordada está suficientemente definida mediante o contido da demanda de conciliación, das certificacións dos acordos das asembleas xerais e as coordenadas e planos que figuran na memoria e as capas dixitais en formato shape achegadas.

Non obstante, no citado informe realízanse as seguintes consideracións:

– O vértice 1 afecta ao Monte do Invernadoiro, titularidade da Xunta de Galicia desde o ano 1984 e declarado parque natural. Segundo consta no informe emitido polo Servizo de Conservación da Natureza o 11 de maio de 2018, a liña do deslindamento entre os vértices 1 e 2 afecta os seus límites e o deslindamento nese tramo, de ser o caso, correspondería que se realizase entre a Xunta de Galicia e a CMVMC titular dos terreos colindantes.

– O vértice 28 afecta o MVMC de Veiga de Nostre e Sanguñedo, propiedade da CMVMC de Veiga de Nostre e Sanguñedo, polo que debería acordarse tamén con esta.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia recolle o procedemento que hai que seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, dite resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 1 de agosto de 2018:

Aprobar o acto de conciliación acadado pola xunta reitora da CMVMC de Campobecerros e a xunta reitora da CMVMC da parroquia de Veiga de Camba, nos concellos de Castrelo do Val e Vilariño de Conso no tramo comprendido entre os vértices 2 e 27, de acordo co informe favorable do Servizo de Montes do día 25 de maio de 2018.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 21 de novembro de 2018

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense