Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Venres, 14 de decembro de 2018 Páx. 52455

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Lugo

EDICTO (1068/2015).

Ana Rodríguez Puga, letrada da Administración de xustiza do Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Lugo, polo presente anuncio:

Que no procedemento de divorcio contencioso 1068/2015 deste xulgado ditouse sentenza, cuxo encabezamento e resolución é o seguinte:

«En Lugo o 19 de decembro de 2016.

Vistos por min, Mª Carmen López López, xuíza substituta do Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Lugo e o seu partido, os presentes autos de divorcio contencioso número 1068/2015, seguidos ante este tribunal por instancia de Fátima Tejeda de Ramos, representada pola procuradora María Luisa Macía Martínez e con dirección letrada de Mª Rita González Novoa, contra Beltrán José Ramos Reina, en situación de rebeldía procesual. É parte o Ministerio Fiscal.

Decido que, estimando a demanda presentada pola procuradora Sra. Macía Martínez, en nome e representación de Fátima Tejeda de Ramos, fronte a Beltrán José Ramos Reina debo declarar e declaro:

1. O divorcio do matrimonio formado por ambos.

2. E a adopción das seguintes medidas:

A) O fillo menor do matrimonio queda baixo a garda e custodia da súa nai, que fixa o domicilio na rúa Encrucijadas, nº 12, de Lugo. Ambos os proxenitores compartirán as facultades inherentes á patria potestade.

B) Réxime de comunicación, visitas e estadía:

O proxenitor non custodio poderá ter o seu fillo menor na súa compañía en fins de semana alternos desde os venres ás 20.00 horas ata os domingos ás 20.00 horas. As entregas e recollidas do menor faranse no domicilio deste e a súa nai. Se houber unha festividade ou ponte inmediatamente antes ou despois dunha fin de semana e o proxenitor non custodio estivese a gozar do dereito de visita ou estadía acumularanse á fin de semana.

C) As vacacións de Nadal gozaranse conforme as vacacións escolares divididas en dúas metades que serán distribuídas de común acordo; en caso de desacordo corresponderá a elección ao pai os anos pares e os impares á nai, elección que se poñerá en coñecemento do outro proxenitor con 1 mes de antelación. Os períodos de vacacións establécense do seguinte modo:

– Do 23 de decembro ás 16.00 horas ata o 30 de decembro ás 16.00 horas.

– Do 30 de decembro ás 16.00 horas ata o 7 de xaneiro ás 16.00 horas.

O 25 de decembro e o 6 de xaneiro corresponderá medio día con cada proxenitor, para que o menor poida gozar ese día coas dúas familias, de modo que pasará co proxenitor con que estea ata as 15.00 horas e desde esa hora ata as 20.00 horas co outro proxenitor.

D) As vacacións de Semana Santa de cada ano dividiranse igualmente en dúas metades, correspondendo ao pai elixir o período da súa preferencia os anos impares e á nai os anos pares. Os períodos que se establecen son desde o venres ás 16.00 horas ata o Mércores Santo ás 16.00 horas e desde o mércores ás 16.00 horas ata o Domingo de Resurrección ás 16.00 horas.

E) As vacacións de verán comprenden os meses de xullo e agosto. Cada mes divídese en dous períodos desde o día 1 ás 16.00 horas ata o día 31 ás 16.00 horas, de tal modo que o fillo menor estará os períodos pares cun proxenitor e os impares co outro ata o final do período de vacacións. Corresponderá a elección dos períodos de desfrute ao pai os anos impares e á nai os anos pares.

Nesta elección cada un dos proxenitores debe ter en conta as vacacións das que goza o outro por razón dos seus respectivos traballos, co fin de non entorpecer as relacións paterno-filiais, avisando previamente coa suficiente antelación.

Durante os períodos de vacacións referidos interromperanse as estadías e visitas as fins de semana sinaladas na epígrafe relativa ao réxime de visitas.

O proxenitor custodio facilitará a comunicación diaria do fillo menor co pai, ben sexa telefónica (tendo que facilitar un número de contacto permanente) ou por calquera outro medio electrónico ou audiovisual, respectando sempre a hora de descanso do menor, establecendo como hora límite as 20.00 horas. Así mesmo, ambos os proxenitores facilitarán a comunicación do fillo co outro proxenitor nos períodos de vacacións referidos, podendo comunicar con estes diariamente de forma telefónica, electrónica ou audiovisual.

Ambos os proxenitores deben comunicar ao outro durante os períodos de vacacións o lugar onde se atopen co fillo, enderezo e teléfono.

Pensión de alimentos.

O pai deberá contribuír ao sostemento do fillo menor mediante o pagamento da cantidade de 250 euros mensuais e para o fillo maior de idade, que aínda está estudando, a cantidade de 200 euros mensuais, pagadoiros os cinco primeiros días de cada mes na conta bancaria que a esposa designe.

A dita cantidade verase actualizada automaticamente no mes de xaneiro de cada ano conforme o IPC anual ou coeficiente que o substitúa do ano natural anterior. (A primeira actualización verificarase o 1 de xaneiro de 2017).

Os gastos extraordinarios xustificados e necesarios serán sufragados por metade por ambos os proxenitores, aínda que non se comprenden en tal concepto os derivados da compra de material escolar, libros, gastos odontolóxicos, ópticos, médicos e farmacéuticos que estean cubertos por algún tipo de seguro médico e sexan de natureza ordinaria. Da mesma forma, as actividades extraescolares, excursións, campamentos, etc., a que acuda o menor decididas de común acordo polos proxenitores serán sufragas por ambos por metade.

Pensión compensatoria. Procede o establecemento dunha pensión compensatoria a favor de Fátima de 200 euros mensuais.

Disolución do réxime económico matrimonial. Desde que sexa firme a sentenza producirase a disolución do réxime económico matrimonial e a liquidación do réxime déixase para un momento posterior.

Notifíquese esta sentenza ás partes e ao Ministerio Fiscal, informándoas de que esta non é firme e que cabe interpoñer recurso de apelación ante a Audiencia Provincial de Lugo por escrito preparado ante este xulgado no prazo de vinte días seguintes á súa notificación.

Firme esta sentenza, fáganse as anotacións oportunas no Rexistro Civil onde conste inscrito o matrimonio e, quedando nas actuacións certificación delas, inclúase a presente no libro de sentenzas.

Así o acordo, mando e asino».

E atopándose devandito demandado, Beltrán José Ramos Reina, en paradoiro descoñecido, expídese o presente edicto co fin de que sirva de notificación en forma, mediante a súa publicación no DOG.

Lugo, 22 de novembro de 2018

A letrada da Administración de xustiza