Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 30 de novembro de 2018 Páx. 50695

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 2018 pola que se acorda a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia da denominada casa da Rega, sita no número 13 da avenida da Coruña, no termo municipal de Betanzos (A Coruña).

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, en diante (LPCG).

O 2.11.2009, a propiedade do inmoble solicitou á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (DXPC) incluír a casa número 13 da avenida da Coruña de Betanzos no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, petición que non foi atendida e que motivou a presentación dun recurso de alzada contra a desestimación presunta por silencio administrativo da solicitude anterior.

O 24.6.2010, o conselleiro de Cultura e Turismo resolveu «estimar o recurso de alzada contra a desestimación presunta por silencio administrativo da solicitude de incoación do procedemento de inclusión no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, da casa sita no número 13 da avda. da Coruña, no concello de Betanzos».

O 21.12.2017 a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural emitiu a resolución de incoación do procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, da Casa da Rega, sita no número 13 da avenida da Coruña, no termo municipal de Betanzos (DOG número 19, do 26 de xaneiro de 2018).

En relación co que dispón a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e como se recolle na propia resolución pola que se incoa o procedemento, abriuse un trámite de información pública por un período dun mes, no cal se puideron presentar as alegacións que se considerasen oportunas. A resolución de incoación notificouse, así mesmo, ao Concello de Betanzos e á interesada. Nin no período de información pública nin no tempo transcorrido se recibiu ningunha alegación ao establecido na mencionada resolución.

Segundo o artigo 87 da mencionada lei, os bens que integran o patrimonio arquitectónico son os inmobles e os conxuntos destes, e as obras da arquitectura e da enxeñaría histórica a que se recoñeza un papel relevante na construción do territorio e na súa caracterización cultural e sexan testemuño dunha época histórica ou dos cambios na forma de entendela. Ademais, o artigo 88.1.e establece que se presume que concorre un significativo valor arquitectónico para a súa inclusión dentro dos bens que integran o patrimonio arquitectónico naqueles edificios relevantes da arquitectura ecléctica, modernista, racionalista, do movemento moderno ou característico da complexa sucesión de movementos e tendencias arquitectónicas que percorren o período das primeiras vangardas, e o movemento moderno durante o século XX ata 1965, incluída a arquitectura de indianos.

Para a consideración do seu valor cultural, os inmobles deben evidenciar, total ou parcialmente, os principios recoñecibles do seu estilo arquitectónico de forma relevante pola calidade do seu proxecto, espacial ou construtiva, a súa singularidade estética ou a súa representatividade tipolóxica, ademais de posuíren unha dimensión social significativa.

Por tanto, á vista do manifestado e tomando en consideración a proposta da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, no exercicio da competencia para a inclusión dun ben no Catálogo do patrimonio cultural prevista no artigo 28 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e que foi delegada pola orde do 14 de marzo de 2018 (DOG, núm. 58, do 22 de marzo) e que se mantén vixente segundo a disposición adicional terceira do Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Acordar a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do inmoble denominado casa da Rega, sita no número 13 da avenida da Coruña, no concello de Betanzos (A Coruña), segundo a descrición e réxime de protección que consta no anexo I desta resolución e coa delimitación e contorno de protección recollidos no anexo II.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia, data a partir da que se producirá a súa inclusión no catálogo con carácter definitivo.

Terceiro. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao Concello de Betanzos.

Cuarto. Segundo o disposto no artigo 35.5 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, esta catalogación obriga ao concello a incorporar esta circunstancia ao seu planeamento urbanístico e a establecer as determinacións específicas para o seu réxime de protección e conservación.

Disposición derradeira

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2018

O conselleiro de Cultura e Turismo
P.D. (Orde do 14 de marzo de 2018, DOG núm. 58, do 22 de marzo)
Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición

1. Denominación:

Casa da Rega.

2. Localización:

Provincia: A Coruña.

Concello: Betanzos.

Lugar: Ponte Nova, Betanzos.

Enderezo: avenida da Coruña, núm. 13.

Referencia catastral da parcela ocupada polo ben: 3625611NH6932N.

Coordenadas xeográficas UTM (ETRS 89 e fuso 29): X = 563.636, Y = 4.792.495.

3. Descrición:

A casa da Rega sitúase na beira oeste do río Mendo, que delimita o conxunto histórico de Betanzos. Ocupa unha parcela de máis de 2.600 m2, onde se erguen varios inmobles. Deste xeito, na esquina nordés da parcela hai unha pequena construción, destinada orixinalmente a corte, que foi parcialmente expropiada e demolida, xunto coa totalidade do muro de peche norte. Na parte central da parcela hai outra edificación auxiliar de planta baixa, con soportal, destinada a actividades agropecuarias. Na actualidade, a parcela atópase axardinada e acolle diversas árbores, algunha das cales (situadas ao leste da vivenda) foi plantada no momento de construción da vivenda.

O edificio principal da vivenda componse de planta semisoto, baixa, alta e baixo cuberta con forma rectangular e cuberta resolta con vertentes a catro augas. Como elemento singular destaca a torre miradoiro, situada na esquina nordés, resolta con catro vertentes a catro augas. Na fachada sur sitúase unha ampla galería que prolonga a cuberta principal do edificio. O acceso á vivenda realízase polo centro da fachada leste, a través dunha escaleira de dous tramos simétricos que salvan o desnivel entre a cota do terreo e a da planta baixa.

O sistema estrutural do edificio principal da vivenda resólvese cunha dobre coxía comprendida entre os muros perimetrais de cachotaría de pedra e unha fileira lonxitudinal de catro piares de formigón nos cales se apoia a estrutura horizontal dos pisos, a escaleira e a cuberta inclinada, todas elas de madeira.

A planta semisoto acolle un grande espazo de almacén e un garaxe que ocupa o volume correspondente da planta baixa. Accédese a este andar pola parte central da fachada leste e presenta unha distribución moi sinxela, cun corredor central lonxitudinal ao cal se abren as estancias, todas elas iluminadas e ventiladas polos ocos das fachadas, incluída a escaleira aberta, situada na parte central da fachada sur, que leva ás plantas superiores. A cociña, situada na esquina noroeste, contén a escaleira que comunica coa planta semisoto.

A planta posúe unha disposición moi semellante á da planta baixa, cun corredor central lonxitudinal ao cal se abren todas as estancias. O elemento máis singular é a galería situada na fachada sur e os balcóns dos ocos da estancia situada na esquina nordés.

O acceso á planta baixo cuberta efectúase por unha porta colocada no último banzo da escaleira e dá paso a un espazo diáfano situado debaixo da cuberta do edificio que se usa como rocho. Na esquina nordés sitúase o característico miradoiro da torre.

A composición das fachadas é claramente asimétrica, non só polo feito de colocar a torre miradoiro na esquina, senón tamén porque a disposición dos ocos non garda as regras da simetría. Asemade, poden distinguirse varias «ordes» compositivas diferentes, separadas por impostas decorativas que bordean as fachadas do edificio e corresponde cada unha delas a cada planta do edificio.

A base do edificio carece de ornamentación e unicamente se abren os ocos do garaxe (porta e fiestra de ventilación). O elemento máis significativo é a escaleira de acceso principal á vivenda, constituída por dous tramos simétricos de 10 pasos, protexida por unha varanda formada por balaústres, que conducen ao relanzo ao cal se abre a porta da vivenda e baixo o cal se localiza unha porta para acceder ao espazo baixo da escaleira.

Os ocos correspondentes á planta baixa, tanto as portas coma as ventás, responden a un tipo compositivo singular, xa que todos eles teñen as esquinas superiores rematadas cun achafranado en arco: arco deprimido cóncavo (mestura entre arco plano e carpanel). Os ocos están realzados por unha moldura perimetral construída con cemento.

Poden distinguirse dous tipos de carpintaría de madeira pintada nas ventás (colocadas na cara interior), as máis pequenas teñen dúas follas batentes e un pano superior fixo, mentres que as ventás de maior dimensión teñen, ademais, dous montantes con decoración vexetal e dous panos fixos que enmarcan as follas abatibles.

A porta de entrada é de dúas follas batentes con entrepanos de madeira pintada, sen vidros, mentres que a de acceso ao garaxe, tamén de dúas follas de madeira pintada, ten un singular pano fixo na parte superior, formado por vidros ovalados de dous tipos.

En tres das fachadas da planta baixa (todas agás a sur) realizáronse acanaladuras horizontais nos paramentos, que quedan comprendidas entre as respectivas impostas decorativas. Outras canaladuras tamén marcan as doelas dos arcos alintelados dos ocos nas mesmas fachadas.

Os ocos do primeiro andar teñen unhas características totalmente distintas dos anteriores. Agás os dous da torre, que son «portas de aire» para acceder aos balcóns e evidentemente á galería da fachada sur, todos eles son de igual dimensión, de forma rectangular e profusamente decorados en todo o seu perímetro, con pilastras nas xambas rematadas cun florón, con molduras nos antepeitos e con falsos frisos nos linteis, todo isto construído con cemento. Os ocos da torre resólvense dun xeito similar, pero aos elementos descritos engádeselles un falso telladiño, ao modo de frontón clásico.

Todas as carpintarías destas ventás son de dúas follas batentes de madeira pintada, colocadas na cara interior. A galería, formada por oito ventás de guillotina de madeira pintada, ten unha feitura similar á de calquera edificio da arquitectura tradicional.

Por último, a torre miradoiro remátase con sendas loggias formadas por piares e pilastras (con bases e capiteis) nos cales descargan os tres arcos de medio punto. Descansan nunha imposta asentada sobre canzorros. A carpintaría sitúase tras estes elementos e están formadas por ventás de dúas follas batentes de madeira pintada e un pano fixo na parte superior de forma semicircular con vidros de cor verde.

As ventas e os balcóns das fachadas norte, oeste e leste contan con varandas de forxa que representan formas vexetais rematadas cun listón de madeira, mentres que as ventás da fachada sur teñen unhas pequenas varandas formadas por balaústres construídos con cemento e pintados. Outra singularidade da fachada sur é a ausencia de molduras perimetrais nos ocos da planta baixa e a falta de acanaladuras no paramento cego da planta baixa.

Os muros exteriores da casa teñen un revestimento lucido, os elementos ornamentais (impostas, pilastras, frisos, molduras, etc.) están construídos con cemento e os arcos foron executados con tixolos cerámicos. Neste momento, os muros están pintados dunha cor amarela clara e os elementos ornamentais son de cor branca. A carpintaría exterior é toda de cor marrón, agás a da galería e a das contraventás, que están pintadas de cor branca.

A cuberta do edificio –tanto do corpo principal como da torre– apóiase nunha estrutura ou armazón de madeira e remátase con tella cerámica plana. Os beirís, apoiados en pontóns de madeira, voan amplamente sobre a cornixa moldurada que percorre a fachada. Os canlóns perimetrais recollen as augas e diríxenas ás baixantes colocadas nas esquinas da casa. Na cuberta tamén se observa unha cheminea de evacuación dos gases da cociña e varios ocos pequenos de iluminación do faiado, integrados nos planos das vertentes.

A cumieira da torre remátase cun elemento singular decorativo metálico formado por dous pináculos e tres elementos ornamentais similares formados por círculos e cruces de Santo André. Os pisos son de táboas de madeira e a escaleira principal interior resólvese toda ela en madeira, incluíndo os chanzos e as varandas de balaústres. O pavimento dos aseos e da cociña é de baldosas hidráulicas coloreadas (este material tamén se usa no espazo exterior que rodea a escaleira de acceso) e as súas paredes están parcialmente recubertas de pezas cerámicas. A carpintaría interior é de madeira pintada e con variados elementos decorativos, composta por portas de entrepanos con vidros nos panos fixos superiores. A madeira tamén recobre parte das paredes interiores da vivenda, especialmente o recibidor, o salón e parte da escaleira.

Por tanto, a casa da Rega é un dos inmoble máis relevantes e característicos do territorio situado ao oeste da cidade medieval de Betanzos e, ademais, é testemuña da historia de principios do século XX da cidade e exemplo representativo tanto da arquitectura de indianos como da arquitectura ecléctica galega. O inmoble evidencia totalmente os principios recoñecibles do seu estilo arquitectónico, o eclecticismo academicista, e pode considerarse o seu proxecto representativo da denominada arquitectura de autor de indianos, da cal constan poucos exemplos en Galicia. A calidade do proxecto está avalada polo feito de que o seu autor, Leoncio Bescansa, é un dos arquitectos máis recoñecidos das primeiras décadas do século XX en Galicia, e a casa da Rega pertence á época en que construíu as súas obras máis representativas. A singularidade da súa construción, tanto polo lugar en que se asentou como pola volumetría e estilo elixidos, destaca aínda máis hoxe dentro dun ámbito deturpado por moitas construcións descontextualizadas.

4. Outros datos:

• Datación cronolóxica: proxecto orixinal 1922. Modificacións na parcela e peche cara á estrada desde mediados do século XX.

• Autoría: Leoncio Bescansa, arquitecto.

• Adscrición cultural: arquitectura de indiano; eclecticismo academicista.

• Referencia ás persoas ou organizacións asociadas: o promotor do proxecto de vivenda foi Manuel do Pico Sas. Na vivenda residiu Joaquín Novo Lagoa, quen foi concelleiro de Betanzos durante os primeiros anos do século XX e pai de José Novo Rodríguez, tamén concelleiro e alcalde que foi represaliado e fusilado no ano 1936.

5. Uso:

– Función actual: vivenda unifamiliar.

– Uso orixinal: vivenda unifamiliar.

– Cambios no uso: non constan. O uso orixinal e actual corresponde ao de vivenda unifamiliar, emprego para o cal se proxectou o edificio e que se mantén na actualidade e que é o máis axeitado. Porén, no caso de que se propoña mudar este uso, o novo uso proposto deberá ser compatible co mantemento de todos os elementos característicos da vivenda e adaptarse ás súas características. No momento oportuno, se é o caso, valorarase a proposta dun novo uso, sen que se considere oportuno prohibir ningún a priori.

6. Estado de conservación:

A pesar de tratarse dunha edificación de case un século de antigüidade, o estado de conservación é moi bo, sen que se detecten patoloxías aparentes nin problemas de conservación salientables, pola adecuada conservación e mantemento que permitiu manter unhas axeitadas condicións ata os nosos días.

7. Réxime de protección:

– Natureza: inmoble.

– Categoría: monumento.

– Interese específico: patrimonio arquitectónico.

– Nivel de protección: integral.

7.1. Réxime de protección xeral:

Será de aplicación con carácter xeral o establecido nos artigos 40 a 42 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, en función do nivel de protección integral proposto, e 44, 89, 90 e 105 no referido aos documentos e criterios de intervención. Para o establecemento do réxime xeral de protección, así mesmo, observaranse as cuestións relativas a:

– Conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o inmoble están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

– Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais están obrigadas a permitir o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora nos termos previstos no capítulo I do título X; ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.

– Comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, os titulares de dereitos reais están obrigadas a comunicar á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural calquera dano ou prexuízo que sufrise e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

– Autorización: as intervencións que se pretendan realizar no ben terán que ser autorizadas previamente á súa execución coa garantía da conservación dos valores que aconsellaron a súa protección.

– Utilización: a utilización do ben catalogado quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural. En calquera caso a protección do ben implica que as intervencións que se pretenda realizar quedarán subordinadas a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

8. Fotografías:

missing image file

missing image file

ANEXO II

Delimitación literal e gráfica

1. Liña delimitadora:

• Delimitación do ben: a delimitación do ben axústase á parcela física en que se sitúa, que coincide coa parcela con número de referencia catastral 3625611NH6932N.

• Contorno de protección: con respecto ao contorno de protección establecido provisionalmente na incoación, considerouse máis axustado á realidade física da protección reducilo ás mesmas condicións que o establecido para a fábrica de electricidade, que fan fronte á mesma rúa, a avenida da Coruña, e que comparten características da implantación. Polo oeste e polo sur, considerouse oportuno axustarse á bolsa de solo rústico apto para urbanizar SAUR1, que delimitaron as vixentes normas subsidiarias de planeamento urbanístico de Betanzos, aprobadas o 27.6.1996, axustándose á ribeira do río Mendo polo leste; polo norte á vía do ferrocarril, incluíndo as parcelas con fronte á avenida da Coruña; polo oeste abrangue as parcelas do barrio da Madalena con fronte a esta avenida, e polo sur, considerouse oportuno axustarse á bolsa de solo rústico apto para urbanizar SAUR1, que delimitaron as vixentes NSP de Betanzos.

• Zona de amortecemento: non se considera preciso, pola natureza do contexto e dos valores que se queren protexer, establecer unha zona de amortecemento, pola consolidación dos desenvolvementos territoriais da súa localización.

2. Delimitación gráfica:

missing image file