Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 30 de novembro de 2018 Páx. 50705

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia da denominada casa forte de Felpás, sita no lugar de Felpás, na parroquia de Santa Mariña, no concello de Outeiro de Rei (Lugo).

O 11 de agosto de 2016 tivo entrada no rexistro do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo unha solicitude en que se demandaba a catalogación do muro que rodea a parcela do inmoble denominado casa forte de Felpás, sita no lugar de Felpás, na parroquia de Santa Mariña, no concello de Outeiro de Rei, polos seus valores culturais.

Na súa tramitación os servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural consideren que o procedemento de protección debería estenderse a todas as construcións do predio, xa que os valos non teñen un valor illado senón que conforman un conxunto con toda a edificación. Estes servizos técnicos recoñecen o valor significativo e relevante da Casa Forte na súa contorna, cunha probable orixe defensiva e de control do territorio. Porén, a información dispoñible non permite acreditar con precisión a pervivencia de estruturas defensivas ou a súa integración nas edificacións existentes, polo que, no momento en que se acredite e documente a súa existencia se podería avaliar o recoñecemento como ben de interese cultural ao abeiro do disposto no artigo 88.1.a). Agora cómpre a clasificación como unha construción destinada a residencia e a produción agrogandeira no contexto rural, ligada ás vías principais de comunicación e comercio, segundo ás presuncións do artigo 88.1.d).

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao amparo do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, que no seu artigo 8.3 indica: «Terán a consideración de bens catalogados aqueles bens e manifestacións inmateriais, non declarados de interese cultural, que polo seu notable valor cultural sexan incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, a través de calquera dos procedementos de inclusión previstos nesta lei. En todo caso, integraranse no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia os bens expresamente sinalados nesta lei».

Ademais, segundo o Capítulo II da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, relativo aos bens que integran o patrimonio arquitectónico, especialmente nos ditados do artigo 88.1, especifícase: «presúmese que concorre un significativo valor arquitectónico» nos edificios a que se refire a alínea d): «Os edificios destinados ao uso privado ou os conxuntos dos ditos edificios, de carácter rural ou urbano, construídos con anterioridade a 1803, que constitúan testemuño relevante da arquitectura tradicional rural ou urbana ou que configuren o carácter arquitectónico, a fisionomía e o ambiente dos centros históricos das cidades, vilas e aldeas e dos núcleos tradicionais».

Ademais, os bens inmobles deben integrarse nalgunha das categorías previstas, en atención ao ditado no artigo 10.1 da Lei do patrimonio cultural de Galicia, das cales a máis axeitada pola súa natureza é a definida na alínea a) deste artigo 10.1 como «Monumento: a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico».

Por tanto, á vista da información que acompaña o expediente e o contido do informe técnico en que se acredita a concreción da presunción dos valores culturais, en especial o seu valor arquitectónico e histórico, acórdase incoar o procedemento de inclusión deste ben no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia como ben inmoble.

A directora xeral de Patrimonio Cultural, no exercicio da competencia que lle atribúe o artigo 26 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), e o artigo 13.1.d) do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 13, do 18 de xaneiro) segundo o previsto na disposición transitoria segunda do Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 191, do 5 de outubro), e á vista da documentación recollida no expediente, do contido da memoria dos servizos técnicos desta Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e dos informes dos órganos asesores e consultivos,

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia como ben inmoble a denominada casa forte de Felpás, sita no lugar de Felpás na parroquia de Santa Mariña, no concello de Outeiro de Rei (Lugo), consonte a descrición e nivel de protección que figura no anexo I e o contorno de protección recollido no anexo II.

Segundo. Ordenar a anotación preventiva no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e aplicar de forma provisional o réxime de protección previsto para os bens catalogados en tanto se tramite o expediente, que deberá resolverse no prazo máximo de dezaoito meses a partir da data desta resolución. Transcorrido este prazo sen que se emitise resolución expresa, producirase a caducidade do procedemento.

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e abrir un período de información pública por un prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación para que calquera persoa física ou xurídica poida achegar as alegacións e informacións que considere oportunas. O expediente poderá examinarse na Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural (Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 3, 2º andar, de Santiago de Compostela), ou no Servizo de Patrimonio Cultural da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Turismo en Lugo (rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo).

Cuarto. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao Concello de Outeiro de Rei.

Disposición derradeira

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2018

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición e nivel de protección

1. Denominación: casa forte de Felpás.

2. Localización: lugar de Felpás, parroquia de Santa Mariña, concello de Outeiro de Rei (Lugo).

3. Descrición:

3.1. Inmobles obxecto da declaración.

O edificio presenta unha certa vistosidade, aínda que perdeu o aspecto primitivo de fortaleza debido, sobre todo, á construción de recentes edificacións menores empregadas nos labores agrícolas. A pesar deste inconveniente, a torre érguese sobre unha planta rectangular cun piso baixo que ten unha porta de entrada e dous superiores; na parte traseira este prisma únese con outro das mesmas formas que configura un ángulo e onde se sitúa a vivenda. Esta configuración dá lugar a un conxunto moi voluminoso e irregular con diferentes alturas. As cubertas, con tella do país, son a catro augas. A vivenda non conserva ningunha mostra do seu pasado; presenta no primeiro andar unha porta alintelada que dá entrada a un soportal que, grazas a unha escaleira, facilita o acceso á planta principal, onde aparecen dúas fiestras entre as cales destaca o escudo de armas.

O desenvolvemento en altura da planta resólvese mediante placas unidireccionais de formigón armado con viguetas de perfís laminados de aceiro. A placa da cuberta resólvese mediante a mesma solución e é transitable e destinado a terraza.

3.2. Outras partes integrantes:

• Escudo: executado en granito, está formado por catro campos: o primeiro, no cal loce unha aguia explanada, alusiva á familia Aguiar; o segundo contén as barras e peixes dos Gayoso; no terceiro distínguese un M, sen coroa, dos Sanjurjo-Montenegro; e no cuarto vense os cinco potes ou caldeiros dos Calderón. O escudo, pola súa natureza e segundo o disposto no artigo 83.3 da Lei 5/2016, ten a consideración de ben de interese cultural de forma específica.

• Pombal: de grandes dimensións, é de planta circular de 4 metros de diámetro. Está realizado con muros de fábrica de cachotaría de pedra recebados polo exterior e con cuberta cónica rematada con lousa sobre estrutura de madeira. Os ocos de acceso das pombas sitúanse na parte superior. Destaca o feito de non estar illado, como adoita ser característico nestes pombais de planta circular, senón que se encaixa na esquina doutra edificación menor.

• Muro de peche: toda a parcela atópase pechada por un muro de cachotaría de taco de lousa de máis de dous metros de alto. Mentres que o camiño de entrada á torre está delimitado por un peche de chantos e edificacións menores pertencentes á parcela estremeira respecto da torre. O desenvolvemento en altura da planta resólvese mediante placas unidireccionais de formigón armado con viguetas de perfís laminados de aceiro. A placa de cuberta resólvese mediante a mesma solución e é transitable e destinado a terraza.

4. Estado de conservación:

• Estado xeral: Oo estado xeral das edificacións principais é aceptable, sen ruínas aparentes.

• Alteracións: mantense, polo xeral, recoñecible a estrutura e os usos tradicionais da casa, coas alteracións derivadas da súa función e adaptación ás necesidades propias dunha actividade agrícola. Algunhas das carpintarías exteriores substituíronse por outras novas en aluminio lacado. Así mesmo, o muro defensivo da parcela sufriu algunhas alteracións consecuencia da instalación de peches apoiados no propio muro e a plantación de arboredo e arbustos cuxas raíces e pólas penetran no propio muro.

• Intervencións realizadas: ademais das descritas, non existen outras intervencións.

5. Réxime de protección:

– Natureza: inmoble.

– Categoría: monumento.

– Interese específico: patrimonio arquitectónico.

– Nivel de protección: integral.

6. Nivel de protección:

O edificio presenta un regular estado de conservación. A construción de edificacións relacionadas cos usos agrogandeiros e, en especial, o uso de técnicas e materiais con carácter puntual para adaptacións e reparacións puntuais supoñen un elemento que prexudica, aínda que con carácter menor, a apreciación do conxunto. O mesmo pode definirse para o muro de pedra, que tamén sofre algunhas intervencións, especialmente no seu contorno, que poden prexudicar a súa conservación.

Dadas estas características, considérase que o nivel de protección deste ben ten que ser o de protección integral para o volume das edificacións principais, incluído o pombal, os muros e o resto das edificacións. Segundo o artigo 41 da Lei 5/2016, do 4 de maio, de patrimonio cultural de Galicia, supón a conservación íntegra dos bens e de todos os seus elementos e compoñentes nun estado o máis próximo posible ao orixinal desde a perspectiva de todos os valores culturais que conforman o interese do ben, respectando a súa evolución, transformacións e contribucións ao longo do tempo. Porén, serán autorizables as intervencións que teñan por obxecto a integración das fábricas e sistemas construtivos que non respondan aos tipos e modelos tradicionais.

Non se admitirán ampliacións das edificacións existentes e só se for o caso, adaptacións puntuais das cubertas e os ocos das fachadas.

7. Réxime de protección:

As intervencións que se pretendan realizar nas edificacións identificadas nesta incoación, así como no contorno de protección que se define deseguido, terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural, coas excepcións que se establecen na Lei 5/2016, do 4 de maio. Dada a súa potencialidade arqueolóxica, as remocións de terras fóra das do normal uso agrícola dos predios poderán requirir a realización dunha actividade arqueolóxica previa, o que será determinado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural no trámite das autorizacións correspondentes.

A súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

No que refire ao réxime de protección no contorno, quedan prohibidos, como regra xeral, os movementos de terras e escavacións de incidencia paisaxística, almacenaxe ao aire libre de materiais e vertedura de residuos sen autorización. En termos xerais, calquera actuación que se pretenda realizar dentro do contorno de protección delimitado e os seus bordos, en especial, demolicións, transformacións, aumentos do volume edificado, que alteren o seu carácter orixinario, deberá ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, coas excepcións que se establecen nos artigos 39 e seguintes da Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia.

ANEXO II

Delimitación e contorno de protección

• Delimitación: o ben catalogado correspondería coa totalidade da parcela murada que inclúe as edificacións descritas, que pode identificarse coas referencias catastrais 27039A022000270000GG, 000400600PH17C0001YR, 000400800PH17C0001QR.

• Contorno de protección: a delimitación do contorno de protección establécese con base nas pegadas físicas existentes no territorio próximo (límites de parcelas, camiños, muros, cómaros...) tomando como referencia orientativa a distancia de cen metros establecida como contorno de protección subsidiario para os bens arquitectónicos (xa sexa relixioso, civil ou militar) no artigo 38.2.d) da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. O contorno de protección correspondería coas parcelas ao seu redor incluídas no ámbito aproximado dos 100 m indicados mais adaptado á forma e elementos funcionais e característicos do territorio. Deste xeito, o contorno de protección queda delimitado polo sur polo ferrocarril Madrid-A Coruña, polo oeste pola autovía A6 Lugo-A Coruña, polo norte polo camiño de Castro e polo leste polas parcelas 27039A022000580000GY e 27039A022000600000GB estremeiras do polígono industrial da Matela. En virtude deste contorno e das características do territorio circundante, non se considera preciso delimitar unha área de amortecemento.

Anexo III

Delimitación gráfica do ben e contorno de protección

missing image file

missing image file