Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 26 de novembro de 2018 Páx. 50145

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 2018 pola que se procede a publicar o encargo á empresa pública Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa), como medio propio personificado, da execución dos traballos descritos no prego de prescricións técnicas do expediente relativo á demolición do antigo Hospital Xeral de Lugo.

Coa finalidade de dar cumprimento ao disposto no artigo 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procédese a publicar no Diario Oficial de Galicia o encargo á empresa pública Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa), como medio propio personificado, da execución dos traballos descritos no prego de prescricións técnicas do expediente relativo á demolición do antigo Hospital Xeral de Lugo.

Para xeral coñecemento, disponse a súa publicación como anexo a esta resolución.

ANEXO

Resolución pola que se encarga á empresa pública Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa), como medio propio personificado, da execución dos traballos descritos no prego de prescricións técnicas do expediente relativo á demolición do antigo Hospital Xeral de Lugo.

Primeiro. Por resolución do conselleiro de Sanidade, do 21.11.2018 acordouse encargar á empresa pública Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa), como medio propio personificado, da execución dos traballos descritos no prego de prescricións técnicas do expediente relativo á demolición do antigo Hospital Xeral de Lugo, e establecéronse as condicións para a realización das actividades encomendadas.

A disposición adicional vixésimo cuarta da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, establece que Tragsa e a súa filial Tragsatec terán a consideración de medios propios personificados e servizos técnicos da Administración sempre que se cumpran os requisitos establecidos no punto 2° da letra d) do número 2 do artigo 32, e nas letras a) e b) do número 4 do mesmo artigo, e virán obrigadas a realizar, con carácter exclusivo, os traballos que estes lles encomenden nas materias sinaladas nos números 4 e 5, dando unha especial prioridade a aqueles que sexan urxentes ou que se ordenen como consecuencia das situacións de emerxencia que se declaren.

As relacións de Tragsatec cos poderes adxudicadores, dos que son medios propios instrumentais e servizos técnicos, teñen natureza instrumental e non contractual, articulándose a través de encargos dos previstos no artigo 32 desta lei, polo que, para todos os efectos, son de carácter interno, dependente e subordinado.

De conformidade co anterior, resulta de aplicación o artigo 32 da citada Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, por canto regula os encargos dos poderes adxudicadores a medios propios personificados, establecendo que os poderes adxudicadores poderán organizarse executando de maneira directa prestacións propias dos contratos de obras, subministracións, servizos, concesión de obras e concesión de servizos, a cambio dunha compensación tarifaria, valéndose doutra persoa xurídica distinta a eles, ben sexa de dereito público ou de dereito privado, logo de encargo a esta, con suxeición ao disposto neste artigo, sempre e cando a persoa xurídica que utilicen mereza a cualificación xurídica de medio propio personificado respecto deles de conformidade co disposto nos tres puntos seguintes, e sen prexuízo dos requisitos establecidos para os medios propios do ámbito estatal na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

O encargo que cumpra os ditos requisitos non terá a consideración de contrato.

Segundo. Actividades a que se refire

O obxecto do encargo é a realización por Tragsa da execución dos traballos descritos no prego de prescricións técnicas do expediente relativo á demolición do antigo Hospital Xeral de Lugo que se anexa á resolución de encomenda.

Terceiro. Natureza e alcance da xestión

A empresa pública Tragsa encargarase de realizar as seguintes tarefas:

1. Executar os traballos derivados deste encargo a medio propio con suxeición ao prego de prescricións correspondente, achegando os medios que resulten necesarios.

2. Proporcionarlle ao Servizo Galego de Saúde información periódica (mensualmente) sobre os avances das diferentes actuacións e os posibles atrancos do obxecto do encargo así como canta información se lle solicite sobre a realización dos traballos.

3. Manter aberta en Santiago de Compostela unha oficina de enlace coa Administración.

4. Proporcionar os medios materiais que sexan necesarios ao persoal que execute materialmente a prestación. O persoal dependerá exclusivamente da empresa Tragsa, a cal terá todos os dereitos e deberes inherentes á súa condición de empregador.

Igualmente, a empresa encargarase da dirección de obra e da execución e coordinación do plan de seguridade e saúde.

Para conseguir o máximo aproveitamento dos materiais resultantes da demolición (residuos) para que estes poidan ser transformados nun produto limpo e eficaz para a fabricación de novos materiais para empregar en novas construcións, mellorando a protección do ambiente e contribuíndo á conservación dos recursos naturais, e conseguindo, así mesmo, unha redución dos custos da demolición, a empresa pública Tragsa encargarase do procedemento necesario para o seu alleamento.

Cuarto. Prazo de vixencia

O presente encargo terá vixencia de sete meses contados desde a sinatura da acta de reformulo, non considerándose neste encargo a posibilidade de recepcións parciais de traballos executados.

A empresa Tragsa está obrigada ao cumprimento do prazo fixado para o encargo. Poderán ser acordadas as prórrogas do prazo de execución que sexan necesarias sempre e cando estean xustificadas as causas do atraso e sen que supoñan en ningún caso incremento do importe total do encargo.

Tamén poderán ser acordadas suspensións parciais ou totais polo prazo que, debidamente xustificado, non sexa posible a execución normal dos traballos.

En todo caso, unha vez que desaparezan as causas que provocaron o acordo de suspensión, continuarase coa execución logo da sinatura da correspondente acta.

Se se producise demora no cumprimento dos prazos por causas non imputables a Tragsa, o Servizo Galego de Saúde poderá, de oficio ou por pedimento desta, conceder a prórroga por un tempo igual ao tempo perdido, agás que Tragsa solicite outro menor.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2018

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade