Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 23 de novembro de 2018 Páx. 49947

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2018 pola que se dá publicidade á resolución de adaptación dos prazos de disposición establecidos nas bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das explotacións produtoras e transformadoras de uva e de castañas afectadas polas xeadas e sarabias, e as explotacións produtoras de pataca, cereal, horta e froiteiras afectadas pola sarabia, instrumentadas mediante convenio de colaboración subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca (Diario Oficial de Galicia número 223, do 23 de novembro de 2017) e as bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das explotacións agrarias de toda a Comunidade Autónoma de Galicia afectadas pola seca do ano 2017, instrumentadas mediante convenio de colaboración subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca (Diario Oficial de Galicia número 25, do 5 de febreiro de 2018).

Mediante a Resolución do 17 de novembro de 2017 (DOG núm. 223, do 23 de novembro) publicáronse as bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das explotacións produtoras e transformadoras de uva e de castañas afectadas polas xeadas e sarabias, e as explotacións produtoras de pataca, cereal, horta e froiteiras afectadas pola sarabia, instrumentadas mediante convenio de colaboración subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca e convocáronse en réxime de concorrencia non competitiva e por expediente anticipado de gasto.

As devanditas bases establecen os seguintes prazos para cumprir tanto pola Administración concedente coma polos beneficiarios:

– Notificación da resolución: 2 meses desde a data de presentación da solicitude. Tendo en conta que o prazo máximo de presentación de solicitudes finalizou o pasado 28 de febreiro de 2018, o prazo máximo de notificación finalizou o 30 de abril de 2018.

– Prazo de formalización: 2 meses desde a notificación da resolución (prazo máximo 30 de xuño de 2018).

– Prazo máximo de disposición: antes da primeira amortización e antes do 31 de xullo de 2018.

– Prazo máximo de presentación de solicitude de cobramento: 15 días hábiles desde a disposición total do préstamo.

Mediante a Resolución do 21 de decembro de 2017 (DOG núm. 25, do 2 de febreiro) publicáronse as bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das explotacións agrarias de toda a Comunidade Autónoma de Galicia afectadas pola seca do ano 2017, instrumentadas mediante convenio de colaboración subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca e convocáronse en réxime de concorrencia non competitiva e por expediente anticipado de gasto.

As devanditas bases establecen os seguintes prazos para cumprir tanto pola Administración concedente coma polos beneficiarios:

– Notificación da resolución: 2 meses desde a data de presentación da solicitude. Tendo en conta que o prazo máximo de presentación de solicitudes finalizou o pasado 28 de marzo de 2018, o prazo máximo de notificación finalizou o 28 de maio de 2018.

– Prazo de formalización: 2 meses desde a notificación da resolución (prazo máximo 30 de xullo de 2018).

– Prazo máximo de disposición: antes da primeira amortización e antes do 31 de agosto de 2018.

– Prazo máximo de presentación de solicitude de cobramento: 15 días hábiles desde a disposición total do préstamo.

Tendo en conta que o Igape non cumpriu os prazos de resolución establecidos en ambas as dúas convocatorias e notificou as resolucións nos primeiros días de agosto de 2018 e que nas devanditas resolucións de concesión se estableceu un prazo de 2 meses para a formalización das operacións que xa superaban o prazo máximo respectivo do 30 de xuño de 2018 e 30 de xullo de 2018, facendo ademais imposible cumprir os prazos máximos de disposición do 31 de xullo de 2018 e 31 de agosto de 2018, fixados, así mesmo, nas bases reguladoras, procede adaptar o prazo máximo de disposición para poder facer efectiva a axuda. Así mesmo, os retrasos nas notificacións das resolucións fan imposible, nalgúns casos, solicitar o cobramento no prazo establecido de 15 días hábiles desde a disposición total do préstamo. A devandita adaptación realízase en coherencia cos prazos inicialmente previstos nas bases, estendendo o prazo máximo de disposición ao límite de dous meses desde a notificación da resolución de concesión e nunca posteriormente á primeira amortización da operación financiada e o prazo máximo de presentación de solicitude de cobramento a 15 días desde a disposición total do préstamo ou da notificación da resolución se fose posterior.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Anunciar que as operacións concedidas ao abeiro das bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das explotacións produtoras e transformadoras de uva e de castañas afectadas polas xeadas e sarabias, e as explotacións produtoras de pataca, cereal, horta e froiteiras afectadas pola sarabia, instrumentadas mediante convenio de colaboración subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca (DOG núm. 223, do 23 de novembro de 2017) e as bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das explotacións agrarias de toda a Comunidade Autónoma de Galicia afectadas pola seca do ano 2017, instrumentadas mediante convenio de colaboración subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca (DOG núm. 25, do 5 de febreiro de 2018), terán un prazo máximo de disposición ata a primeira amortización, co límite de dous meses desde a notificación da resolución de concesión, e un prazo de presentación de solicitude de cobramento de 15 días desde a disposición total do préstamo ou da notificación da resolución se fose posterior.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2018

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica