Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 23 de novembro de 2018 Páx. 49945

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2018 pola que se dá publicidade á resolución de adaptación de prazo de xustificación de gastos e presentación de solicitude de cobramento establecidos nas bases reguladoras das axudas para a bonificación dos custos do financiamento dos investimentos das microempresas de Galicia, titulares de préstamos inferiores ou iguais a 25.000 euros, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca (Diario Oficial de Galicia número 153, do 12 de agosto de 2016) e as bases reguladoras das axudas para a bonificación dos custos do financiamento das pequenas e medianas empresas de Galicia, titulares de préstamos superiores a 25.000 euros, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca (Diario Oficial de Galicia número 154, do 17 de agosto de 2016).

Mediante dúas resolucións do 2 de agosto de 2016 (DOG núm. 153, do 12 de agosto e DOG núm. 154, do 17 de agosto, respectivamente) publicáronse as bases reguladoras das axudas para a bonificación dos custos do financiamento dos investimentos das microempresas de Galicia, titulares de préstamos inferiores ou iguais a 25.000 € (Programa microcréditos) e as bases reguladoras das axudas para la bonificación dos custos de financiamento dos investimentos das pequenas e medianas empresas de Galicia, titulares de préstamos superiores a 25.000 € (Programa de apoio financeiro ás pemes), instrumentadas ambas as dúas mediante senllos convenios de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca e convocadas polas citadas resolucións en réxime de concorrencia non competitiva.

As ditas bases establecen os seguintes prazos para cumprir por parte dos beneficiarios:

– Prazo de formalización (artigo 2.2 das bases): a partir do 1 de xaneiro de 2016 e antes da data final do prazo de presentación de solicitudes (31 de outubro de 2016, segundo o punto segundo das resolucións de convocatoria).

– Prazo de execución dos investimentos (artigo 4.5 das bases): entre o 1 de xaneiro de 2015, ata un ano desde a formalización do préstamo.

– Prazo máximo de xustificación e presentación de solicitude de cobramento (artigo 15.1 das bases): un mes desde a data de finalización do prazo de execución.

Polo tanto, da conxunción dos ditos prazos, resultaría como data máxima para executar os investimentos o 31 de outubro de 2017 e como data máxima para xustificar a realización do investimento e presentar a solicitude de cobramento o 30 de novembro de 2017, data xa vencida neste momento.

Tendo en conta que na data actual e debido a retrasos na tramitación, imputables unicamente ao funcionamento do Igape, estanse aínda resolvendo solicitudes de axuda presentadas en prazo polos interesados, as datas máximas de xustificación e presentación da solicitude de cobramento volvéronse nestes casos de imposible cumprimento, polo que procede establecer nas resolucións de concesión que se diten a partir deste anuncio uns prazos que os beneficiarios poidan cumprir.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Anunciar que nas resolucións de concesión que se diten a partir da publicación no DOG desta resolución na convocatoria de 2016 dos Programas do Igape microcréditos e apoio financeiro ás pemes, estableceranse como prazo máximo de xustificación e presentación de solicitude de cobramento o dun mes desde a data de notificación da resolución de concesión.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2018

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica