Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Xoves, 15 de novembro de 2018 Páx. 49120

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 31 de outubro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 25 de outubro de 2018, polo que se declara a utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia sobre diversos aproveitamentos forestais, do parque eólico Pastoriza-Rodeiro, localizado no concello da Pastoriza (Lugo), promovido pola sociedade Fenosa Wind, S.L. (expediente LU-11/141-EOL).

En cumprimento do disposto no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 25 de outubro de 2018, polo que se declara de utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia sobre diversos aproveitamentos forestais, do parque eólico Pastoriza-Rodeiro, emprazado no concello da Pastoriza (Lugo) e promovido pola sociedade Fenosa Wind, S.L. (expediente LU-11/141-EOL).

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 25 de outubro de 2018, polo que se declara de utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia sobre diversos aproveitamentos forestais, do parque eólico Pastoriza-Rodeiro, emprazado no concello da Pastoriza (Lugo) e promovido pola sociedade Fenosa Wind, S.L. (expediente LU-11/141-EOL).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Fenosa Wind, S.L. en relación coa declaración de utilidade pública do proxecto do parque eólico Pastoriza-Rodeiro, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010, pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico Pastoriza-Rodeiro (en adiante, o parque eólico), cunha potencia de 45 MW e promovido por Fenosa Wind, S.L. (en adiante, a promotora).

Segundo. O 20.6.2011, a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico.

Terceiro. O 24.5.2012, a promotora solicitou a modificación do proxecto consistente, de forma xeral, no desprazamento dun dos aeroxeradores do parque eólico.

Cuarto. O 4.6.2012 e o 4.8.2012, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, e Industria de Lugo (en adiante, a xefatura territorial) emitiu informes sobre os dereitos mineiros existentes na área definida pola poligonal do parque eólico. De acordo cos citados informes, non existe ningún dereito mineiro outorgado con vixencia no espazo proxectado para o parque eólico, e só existe a solicitude de permiso de investigación Santa Fe nº 589. O 4.4.2013 concedéuselle trámite de audiencia ao solicitante do permiso de investigación Santa Fe nº 589, sen que se recibise algunha alegación do interesado.

Quinto. Mediante Resolución do 12 de setembro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, autorizáronse as modificacións do proxecto do parque eólico.

Sexto. Por Resolución do 23 de novembro de 2012, da Xefatura Territorial de Lugo, someteuse a información pública para autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de utilidade pública, en concreto, así como inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e aprobación do seu estudo de impacto ambiental e do correspondente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, as instalacións relativas ao parque eólico Pastoriza-Rodeiro.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 31.12.2012, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 14.1.2013 e no xornal El Progreso do 10.1.2013. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios do Concello afectado da Pastoriza, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A seguir resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública:

– Alegación respecto da localización proxectada dos aeroxeradores, que producen impacto visual, sonoro e ambiental que afectan ao conxunto onde se sitúan, e que as parcelas veranse depreciadas pola presenza do parque eólico.

– Alegacións en relación coa proximidade das instalacións do parque eólico ás vivendas.

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados, maioritariamente en relación coa titularidade das parcelas, coas superficies afectadas, coa clasificación do solo, co tipo de aproveitamento, cos enderezos aos efectos de notificacións, etc.

– Solicitudes de modificación do trazado das servidumes afectadas e oposición á declaración de utilidade pública.

– Alegacións nas que se declara a falta de negociación para chegar a un acordo cos propietarios incluídos na relación de bens e dereitos afectados.

– Solicitude do arrendamento das parcelas afectadas en lugar de expropiación, ou solicitude de expropiación total das parcelas afectadas parcialmente por entender que quedan inservibles para o seu aproveitamento.

– Respecto á proximidade das instalacións do parque eólico a parcelas con explotacións agrícolas e gandeiras, cos conseguintes prexuízos e limitacións no uso e xestión das explotacións.

Sétimo. O 20.10.2014, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública por Resolución do 12 de novembro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 35, do 20 de febreiro de 2015).

Oitavo. O 23.2.2015, a Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes remitiu o informe do Servizo de Montes Veciñais e Estruturas Forestais do 8.1.2015, relativo aos efectos do parque eólico sobre o sistema forestal.

Noveno. O 27.11.2017, Fenosa Wind, S.L. presentou no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia escrito no que solicitou a tramitación do proxecto do parque eólico conforme á disposición transitoria terceira da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Décimo. O 21.12.2017, o Consello da Xunta de Galicia declarou de interese especial o proxecto do parque eólico, consonte a disposición adicional primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro (DOG núm. 26, do 6 de febreiro de 2018).

Décimo primeiro. Por Resolución do 19 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, outorgouse autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Pastoriza-Rodeiro, sito no concello da Pastoriza (Lugo), cunha potencia de 45 MW e promovido por Fenosa Wind, S.L. (DOG núm. 109, do 8 de xuño).

Décimo segundo. O 4.4.2018, a promotora presentou unha modificación do proxecto do parque eólico, solicitando o seu recoñecemento como non substancial. Así mesmo, achegou a documentación necesaria para solicitar o informe do órgano ambiental e o informe do órgano competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, xunto co documento Addenda nº 2 proxecto de execución do parque eólico Pastoriza-Rodeiro. Marzo 2018, no que se recollen a configuración e características finais previstas para o parque eólico.

Décimo terceiro. O 3.5.2018, en aplicación do disposto no apartado 3 do artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas acordou a apertura do trámite de audiencia outorgándolles aos titulares dos aproveitamentos forestais afectados un prazo de 15 días para que alegasen e presentasen os documentos e xustificacións que considerasen oportunos.

Décimo cuarto. O 10.5.2018, a comunidade da Regueira San Vicente recibiu a notificación relativa ao trámite de audiencia e non presentou ningunha alegación durante o prazo outorgado.

Décimo quinto. O 10.5.2018, a comunidade de Loboso recibiu a notificación relativa ao trámite de audiencia e non presentou ningunha alegación durante o prazo outorgado.

Décimo sexto. O 24.5.2018, 5.6.2018, e o 10.7.2018, Fenosa Wind, S.L. presentou documentación relativa ás modificacións na relación de bens e dereitos afectados e conxuntamente declarou, entre outros feitos, que a modificación proposta no proxecto de execución do parque eólico en ningún caso produce afección a novas parcelas.

Décimo sétimo. O 28.5.2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o informe sobre as modificacións solicitadas pola promotora, segundo o establecido no artigo 37.1.d) da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo oitavo. O 1.6.2018, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo informou sobre as modificacións solicitadas pola promotora, segundo o establecido no artigo 37.1.e) da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo noveno. Por Resolución do 14 de xuño de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, recoñeceuse como non substancial a modificación do parque eólico Pastoriza-Rodeiro, emprazado no concello da Pastoriza (Lugo) e promovido pola sociedade Fenosa Wind, S.L., cunha potencia de 48,50 MW.

Vixésimo. O 17.7.2018, a Dirección Xeral de Ordenación Forestal informou, no marco do establecido no artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, que non existe obxección á declaración de prevalencia da utilidade pública do parque eólico modificado sobre o interese xeral dos montes veciñais en man común.

Vixésimo primeiro. O 27.8.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, notificou ás persoas interesadas as modificacións introducidas na relación de bens e dereitos afectados polo proxecto do parque eólico modificado. Para aqueles casos nos que non foi posible efectuar a notificación, o 5.10.2018 publicouse anuncio no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado co fin de realizar a notificación por comparecencia. Transcorrido o prazo establecido no dito anuncio non compareceu ningún interesado.

Vixésimo segundo. O 4.10.2018, a xefatura territorial emitiu informe sobre a compatibilidade do parque eólico cos dereitos mineiros afectados. De acordo co citado informe, non existe ningún dereito mineiro outorgado no espazo proxectado para o parque eólico modificado, só existe a solicitude do permiso de investigación Santa Fe nº 589 co que non hai interferencias posibles en relación aos traballos de investigación proxectados.

Vixésimo terceiro. Por Resolución do 11 de outubro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, ordenouse a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 10 de outubro de 2018, polo que se aprobou definitivamente o proxecto do parque eólico Pastoriza-Rodeiro como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 45.6 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, consonte a disposición transitoria terceira da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 20.10.2014, que se fixo pública por Resolución do 12 de novembro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 35, do 20 de febreiro de 2015) e no informe do 28.5.2018 da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

2. No que respecta á proximidade do parque eólico a vivendas, sinalar que a posición dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 metros ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable acorde ao Plan sectorial eólico de Galicia, tal e como se recollen nos informes do 16.1.2018 e 1.6.2018, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

3. En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas e corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento,...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

4. No que respecta ás alegacións relativas á modificación do trazado da servidume afectada, considérase o punto 3 do artigo 153 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. En dito apartado ponse de manifesto a necesidade de acreditar na solicitude de variación do trazado a conformidade previa dos novos propietarios por dita variación, debidamente documentada, así como o compromiso formal de sufragar todos os gastos que ocasione a súa realización.

5. En referencia as consideracións efectuadas sobre á oposición á necesidade dun proceso de utilidade pública, sinalar que a declaración de utilidade pública faise en virtude dos artigos 54 y 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e levará implícita, en todo caso, a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

6. No que respecta coa falta de negociación cos titulares, a promotora manifestou a súa vontade de manter conversas cos propietarios incluídos na relación de bens e dereitos afectados co obxectivo de achegar un acordo.

7. En referencia á solicitude do arrendamento das parcelas afectadas en lugar de expropiación, ou solicitude de expropiación total das parcelas afectadas parcialmente por entender que quedan inservibles para o seu aproveitamento, e en relación coa reclamación sobre os prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas e gandeiras, sinalar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólica e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Declarar de utilidade pública, en concreto, as instalacións do proxecto do parque eólico Pastoriza-Rodeiro, segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación aos efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

Segundo. Declarar a prevalencia da utilidade pública do parque eólico sobre o interese xeral dos aproveitamentos forestais afectados, en conformidade co informe da Dirección Xeral de Ordenación Forestal do 17.7.2018, ao que fai referencia o artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Fenosa Wind, S.L.

Domicilio social: avenida de Arteixo, nº 171, 15007 A Coruña.

Denominación: parque eólico Pastoriza-Rodeiro.

Potencia autorizada: 48,50 MW.

Concellos afectados: A Pastoriza (Lugo).

Produción neta anual estimada: 151.834 MWh/ano.

Orzamento de execución material: 35.916.439,88 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:

Vértice

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

A

626.875

4.797.286

B

629.175

4.797.286

C

629.175

4.794.786

D

626.875

4.794.786

Coordenadas de emprazamento dos aeroxeradores:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

627.087

4.796.644

2

627.148

4.796.351

3

627.154

4.796.004

4

627.349

4.795.845

5

627.522

4.797.079

6

627.782

4.796.985

7

628.288

4.797.074

8

628.397

4.796.893

9

627.824

4.796.673

10

627.978

4.796.474

11

628.177

4.796.320

12

628.475

4.796.264

13

628.655

4.796.090

14

628.839

4.795.577

Coordenadas da torre meteorolóxica:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

628.555

4.796.649

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 14 aeroxeradores Gamesa G132 de 3.465 kW de potencia nominal unitaria, de 84 metros de altura de buxa e 132 metros de diámetro de rotor.

– 14 centros de transformación de 3.900 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 30/0,69 kV, Dyn11, instalados individualmente no interior de cada aeroxerador coas súas correspondentes aparellos de seccionamento, manobra e protección.

– 1 torre meteorolóxica autoportante de 85 metros de altura, equipada con viraventos, anemómetros, medidor de temperatura, medidor de presión e rexistrador de datos.

– Subestación transformadora híbrida de exterior cun transformador principal 132/30 kV de 55 MVA de potencia nominal e outro de servizos auxiliares 30/0,40,23 kV de 50 kVA de potencia nominal, xunto cos correspondentes equipamentos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

– Edificio de control no cal se situarán, entre outros, as celas de liña, de protección e de medida.

– Liñas eléctricas subterráneas de 30 kV de tensión nominal, en canalización enterrada en gabias, para a evacuación de enerxía xerada, de interconexión entre os centros de transformación 30/0,69 kV e subestación transformadora 132/30 kV.

– Camiños ou vías para o acceso aos aeroxeradores, torre meteorolóxica, edificio de control e subestación eléctrica.

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Lugo, de acordo co establecido no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra este acto, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes a contar desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses a contar desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Anexo

Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito sexto:

Cayetano Maside Pérez, o 10.3.2017; Mª del Carmen Díaz Tallón, o 13.3.2017; Jesús Arias Pérez, no nome e representación da CMVMC Rapadas-Meda, o 14.3.2017; Amalia López Carballo, o 14.3.2017; Pedro López López, o 14.3.2017; Germán López Souto, o 14.3.2017; José Manuel Rodríguez Núñez, o 14.3.2017; Ramón Arias Sánchez, o 14.3.2017; Sandra Sobrado Bascuas, Juan Carlos Pérez Núñez, Sara Poy Arias, Manuela García Cordero, José López Iglesias, Pilar Tallón López, Juan Luis Viñas Landín, Mª Carmen Díaz Tallón, Concepción Díaz Tallón, Mª Pilar Díaz Tallón, Celia Díaz Regueiro, Manuel Valín Fernández, Benigno Maside Arias, o 27.3.2017; Juan Luis Viñas Landín, o 31.3.2017; Manuel Vázquez Díaz, o 3.4.2017; José Lago Castro, o 3.4.2017; Manuel Díaz Alfonso, o 3.4.2017; Manuel Díaz Alfonso, no nome e representación da CMVMC Santa María do Monte, o 3.4.2017; Luis Pereira Gago, no nome e representación da CMVMC San Pedro de Ermo, o 3.4.2017; Manuel Lago Torre, o 10.4.2017; Cayetano Maside Pérez, o 11.4.2017; Milagros Bruzos Pérez, o 11.7.2017.