Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 13 de novembro de 2018 Páx. 48748

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 6 de novembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito das drogodependencias e os trastornos adictivos, e atención ás persoas con maior vulnerabilidade pola infección polo VIH, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas.

As subvencións con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF constitúen unha vía esencial de sostemento das axudas públicas para a realización de programas de interese xeral, que en Galicia permitiu a execución, no ano 2017, de investimentos e programas cun financiamento superior aos 11 millóns de euros, o que permite concluír que esta actividade subvencional da Administración constitúe na nosa comunidade un verdadeiro instrumento de vertebración social no marco da asignación tributaria que a cidadanía realiza na súa declaración anual da renda.

A concesión de subvencións a entidades do terceiro sector con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas é unha medida consolidada no tempo e arraigada na sociedade española, e constitúe unha vía esencial para a realización de actuacións de interese xeral. Ata o exercicio 2016 estas axudas eran xestionadas pola Administración xeral do Estado e estruturábanse en función duns eixes prioritarios de actuación, definidos no Real decreto lei 7/2013, do 28 de xuño, de medidas urxentes de natureza tributaria, orzamentaria e de fomento da investigación, o desenvolvemento e a innovación, cuxas bases reguladoras foron aprobadas mediante o Real decreto 536/2013, do 12 de xullo.

Con todo, en virtude da xurisprudencia constitucional, desde o pasado exercicio 2017 é xestionado polas comunidades autónomas o tramo autonómico das subvencións a entidades do terceiro sector con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas. Así, na Comunidade Autónoma de Galicia aprobouse a Orde do 22 de setembro de 2017, pola que se establecían as bases reguladoras e se convocaba o procedemento para conceder subvencións destinadas a realizar programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á citada asignación tributaria.

De conformidade co Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, corresponden a esta as competencias en materia de sanidade, de acordo co Estatuto de autonomía para Galicia e nos termos sinalados pola Constitución española.

O Servizo Galego de Saúde, organismo autónomo de carácter administrativo, foi creado pola Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, e está adscrito á Consellería de Sanidade. A estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde regúlase no Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, e os fins e funcións regúlanse no capítulo I do título VI da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, a través da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e da súa Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, ocúpanse da programación, coordinación e xestión de accións e medidas dirixidas a reducir a demanda do consumo de drogas, a facilitar a prestación de servizos asistenciais e a promover a incorporación social de pacientes drogodependentes. Así mesmo, a dita subdirección é o órgano encargado de asesorar, coordinar e supervisar as directrices e accións que, respecto da materia obxecto da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, se desenvolvan no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Entre outros, ten o obxectivo xeral de colaborar e cooperar con institucións públicas e privadas nas distintas vertentes da problemática das drogodependencias e de desenvolver, xestionar e coordinar os programas asistenciais e de incorporación social do consumo de drogas en Galicia. Asumirá as funcións asistenciais que lle asignan ao Comisionado do Plan de Galicia sobre drogas no Decreto 254/1997, do 10 de setembro, polo que se procede á creación do Comisionado do Plan de Galicia sobre drogas, así como colaborar na implantación e seguimento de programas de reinserción de pacientes drogodependentes que se leven a cabo na Comunidade Autónoma.

A actual rede de asistencia de drogodependencias que forma parte da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, segundo a Orde do 12 de marzo de 2007 pola que se regula a integración funcional dos centros de alcoholismo e de atención ás drogodependencias non alcohólicas no Servizo Galego de Saúde, colabora con asociacións sen ánimo de lucro que están a desenvolver programas de incorporación social. Estas entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre drogas, deberán estar inscritas no rexistro creado polo Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, polo que se crea o Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, e se regula o procedemento para a súa declaración de interese, modificado polo Decreto 58/2005, do 24 de febreiro.

A planificación estratéxica vixente en Galicia en materia de trastornos adictivos segue, ademais, as prioridades e liñas de actuación definidas tanto pola Estratexia nacional sobre drogas como pola Estratexia da Unión Europea en materia de loita contra a droga.

O tratamento das adiccións non só reduce os danos sociais e sobre a saúde asociados ao consumo de substancias e a determinadas condutas adictivas, senón que tamén diminúe o seu consumo e os custos asociados. A investigación científica e a práctica clínica demostran o valor da atención continuada, integral e multidisciplinar no tratamento da adicción, entendendo por integral a atención que aborda simultaneamente os aspectos biolóxicos, psicolóxicos e sociais da adicción.

O tratamento da adicción debe axudar ás persoas para deixar de consumir drogas, ou evitar a conduta adictiva e, polo menos, reducir os danos asociados a ese consumo ou conduta, e lograr un funcionamento produtivo na familia, no traballo e na sociedade.

Entre as liñas de actuación prioritarias descritas na Estratexia nacional de adiccións 2017-2024 atópanse as actuacións en prevención e redución do risco, atención integral e multidisciplinar, redución de danos e incorporación social. Esta estratexia anima tamén a fomentar a participación e a coordinación incluíndo as organizacións non gobernamentais na loita contra este problema de saúde pública.

Nesta orde establécense as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Existe crédito dispoñible para esta finalidade na Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

Na súa virtude, en uso das facultades que me atribúen os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e procedemento

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar as axudas para a realización de programas de interese xeral que atenden a fins de carácter sociosanitario no ámbito das drogodependencias e outros trastornos adictivos, e a atención ás persoas con maior vulnerabilidade pola infección da VIH con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas xestionado pola Consellería de Sanidade (código de procedemento SA463H).

O contido dos programas, que se desenvolverán durante o ano 2019, deberá axustarse ás liñas de actuación sinaladas no artigo 3, de conformidade coa tipoloxía de cada programa recollido no anexo I.

Artigo 2. Normativa aplicable

As solicitudes, a súa tramitación e a resolución axustaranse ao previsto nesta orde.

Aos aspectos non contidos nesta orde aplicaráselles o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; así como a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; e demais normativa de aplicación.

Artigo 3. Financiamento e programas subvencionables

1. Para o financiamento desta convocatoria destínase, con cargo á anualidade 2018, crédito por importe total de 456.000 €, consignado na aplicación orzamentaria 50.01.413A.481.30 con código de proxecto 201800005, en función das seguintes liñas de actuación subvencionables e os seus importes:

Liña I. Programas de prevención dos trastornos adictivos e de redución do dano asociado.

76.000 €

Liña II. Programas de incorporación social e inserción sociolaboral de persoas con trastornos adictivos.

115.000 €

Liña III. Programas de atención integral as persoas con trastornos adictivos.

175.000 €

Liña IV. Atención as persoas con máis vulnerabilidade pola infección polo VIH.

90.000 €

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

No caso das liñas I e IV, o número máximo de proxectos que poderán recibir subvención será de catro (4), de acordo coa orde de prelación establecida tras a aplicación dos criterios de baremación.

Se dentro dunha mesma liña non se esgotase o crédito dispoñible para ela, o crédito sobrante poderase destinar ao financiamento dos proxectos das entidades que se atopen en reserva segundo a orde de prelación acadada tras a baremación, e sempre que acaden a puntuación mínima exixida, nesta orde de prioridade: liña II, III, I e IV.

Se aínda así queda crédito sen asignar nunha das liñas, este poderase destinar á outra liña de axudas seguindo o criterio anteriormente establecido.

A contía máxima subvencionable por proxecto non superará os 60.000 euros.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas, as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e outras organizacións, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas, polo menos, con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico. A/as entidade/s solicitante/s deberá/n de estar inscrita/s no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) e no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas creado polo Decreto 74/2002, do 28 de febreiro. O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración. Este requisito entenderase cumprido coa presentación da solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes establecido no artigo 7.3. En todo caso, a entidade deberá estar debidamente inscrita no momento de pagamento da subvención.

b) Carecer de ánimo de lucro.

c) Ter o seu domicilio social ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Ter entre os seus fins institucionais recollidos nos seus estatutos a realización das actividades consideradas subvencionables.

f) As entidades que formen parte dunha federación ou persoa xurídica similar de ámbito autonómico deberán de solicitar as axudas a través destas.

g) Desenvolver as súas actividades de xeito efectivo, contando con medios persoais e materiais necesarios, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

2. Dentro dos límites da lexislación autonómica tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica nos seguintes termos:

a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no punto anterior.

b) Deberán indicar os compromisos asumidos por cada un dos seus membros e o importe da subvención que se aplicará a cada un deles.

c) Deberán nomear unha persoa en representación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.

d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. No caso de que algunha das entidades solicitantes sexa unha federación, confederación ou persoa xurídica similar que integre no seu seo varias entidades, poderá propoñer de entre estas unha ou varias entidades para executar os programas, as cales actuarán no nome e por conta da entidade solicitante.

4. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Para os efectos desta orde, consideraranse como gastos subvencionables os que conten coas seguintes características:

a) Que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada ao abeiro do correspondente programa e resulten estritamente necesarios.

b) Que se efectúen durante o ano 2019 e sexan efectivamente pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación establecido no artigo 23.

c) Que teñan a seguinte natureza:

1º. Gastos do persoal laboral da entidade: custo total que abranguerá as retribucións e os custos de Seguridade Social correspondentes á empresa.

As retribucións estarán limitadas polas contías determinadas para os diferentes grupos de cotización á Seguridade Social segundo a seguinte táboa salarial, referidos a catorce pagas anuais para unha xornada semanal de corenta horas:

Grupo I

31.619,06 €

Grupo II

25.295,45 €

Grupo III

22.133,14 €

Grupo IV

18.970,83 €

Grupo V

15.809,53 €

Grupo VI

12.647,22 €

Grupo VII

10.539,35 €

Para xornadas inferiores ás corenta horas realizarase o cálculo proporcional.

2º. Gastos do persoal contratado en réxime de arrendamento de servizos: retribucións. Esta modalidade, de carácter excepcional, admitirase unicamente nos casos en que, polas especiais características do programa, non resulte axeitado o desenvolvemento das actividades concretas de que se trate polo persoal suxeito á normativa laboral.

Estas retribucións quedarán tamén afectadas, con carácter xeral, polas limitacións sinaladas no punto anterior.

3º. Axudas de custo e gastos de viaxe, en función das contías fixadas para o grupo 2 no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que non superen no seu conxunto o 3 por 100 do importe total subvencionable do programa, agás que, en atención á súa natureza, sexa autorizada outra porcentaxe na resolución de concesión da axuda.

4º. Gastos de xestión e administración directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa, incluíndo os custos xerais de estrutura necesarios e indispensables para a súa axeitada preparación ou execución, sempre que non superen o 15 por 100 do importe total subvencionable do programa. Poderán imputarse os derivados de auditorías externas sobre a xestión do/dos programa/s por parte da entidade.

5º. Outros gastos correntes directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa.

2. Non serán subvencionables os gastos orixinados polas actividades realizadas na condición de membros das xuntas directivas ou consellos de dirección das entidades.

3. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde por propia iniciativa ou a petición de calquera das entidades solicitantes.

Artigo 6. Subcontratación

Enténdese que unha entidade subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto desta subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a entidade para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A entidade beneficiaria poderá subcontratar ata o 50 % da contía total concedida, e en ningún caso concertará a execución parcial ou total das actividades subvencionadas con persoas ou entidades que tivesen recibido outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación.

Artigo 7. Compatibilidade das axudas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, agás aquelas da mesma natureza que outorgue a Administración xeral do Estado en virtude das súas competencias e sen prexuízo daqueles gastos que poidan ser imputables ás subvencións que se concedan nos respectivos ámbitos.

2. O importe da subvención concedida non poderá ser en ningún caso de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos supere o custo do correspondente programa. En caso contrario, esta subvención reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

3. No caso de solicitantes que sexan perceptoras doutras axudas para a mesma finalidade concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. En todo caso, deberá/n facerse constar de forma clara o/os concepto/s de gasto/s afectado/s, así como o/os importe/s imputados/s a cada unha delas. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 8. Iniciación do procedemento. Solicitudes

1. As entidades deberán achegar a solicitude segundo o modelo normalizado que figura como anexo II dirixida á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, que se acompañará da documentación complementaria indicada no artigo seguinte. A súa presentación implica a aceptación da totalidade de prescricións previstas nesta orde, así como na demais normativa aplicable.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.

4. Na solicitude (anexo II) asinada polo/a representante da entidade, deberán figurar datos identificativos e acreditativos de determinados aspectos sinalados nesta orde e demais normativa aplicable:

a) Identificación do solicitante, do/da representante, enderezo electrónico para notificacións, datos bancarios.

b) Os datos do/dos programa/s respecto do/dos cales se solicita subvención: denominación, liña e importe solicitado.

c) Declaracións sobre:

1º. Outras subvencións solicitadas ou concedidas, veracidade dos datos, inexistencia de causa que implique prohibición para ser beneficiario, cumprimento de requisitos, coñecemento de obrigas e acordo coas actuacións de control.

2º. Que todo o persoal contratado que vai participar no proxecto non foi condenado por sentenza firme por ningún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, que inclúe a agresión e o abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por trata de seres humanos, en aplicación do artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código civil e da Lei de axuizamento civil, así como que as persoas voluntarias que van participar no proxecto e que están relacionadas con menores de idade non teñen antecedentes penais non cancelados por delitos de violencia doméstica ou de xénero, por atentar contra a vida, a integridade física, a liberdade, a integridade moral ou a liberdade e indemnidade sexual do outro cónxuxe ou dos/das fillos/as, ou por delitos de tráfico ilegal ou inmigración clandestina de persoas, ou por delitos de terrorismo en programas cuxas persoas destinatarias fosen ou poidan ser vítimas destes delitos, en aplicación do previsto no artigo 8.4 da Lei 45/2015, do 14 de outubro, de voluntariado.

d) Indicación da documentación complementaria que se xunta e, se é o caso, constancia dos datos relativos a documentos achegados anteriormente con indicación do tipo, órgano administrativo ante o cal se presentou, código de procedemento e data de presentación e/ou manifestación da oposición á consulta dos documentos sinalados no artigo 9.1.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Unicamente para o caso previsto no punto 2 do artigo seguinte, os documentos sinalados no seu punto 1.

b) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro administrativo da Comunidade Autónoma ou que no dito rexistro esta se atribúa a persoa distinta á designada.

c) Documento dos compromisos de execución asumidos por cada membro, e importe da subvención que se aplicará a cada un no caso das agrupacións sen personalidade xurídica.

d) Memoria explicativa de cada programa respecto do cal se solicita subvención, segundo o modelo do anexo III.

e) Documento específico para valoración das entidades (anexo IV).

f) Documento específico para valoración dos programas (anexo V).

g) Estatutos da entidade debidamente dilixenciados.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa de protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado sobre cumprimento de obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes de concesión das subvencións será o de concorrencia competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde. A Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, a través do Servizo de Saúde Mental e Asistencia a Drogodependencias realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación de datos que deben motivar a proposta de resolución.

3. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, se do exame da documentación presentada se comproba que non cumpre os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación obrigatoria que debe presentarse contén erros ou é insuficiente, farase un único requirimento á entidade solicitante para que no prazo de de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer nun prazo de dez días hábiles, se considerará que desistiu da súa solicitude, logo de resolución que así o declare, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Transcorrido o prazo de emenda e determinadas aquelas solicitudes que se admiten por reuniren os requisitos exixidos nesta orde, estas serán sometidas aos criterios obxectivos de valoración das entidades solicitantes que se relacionan no número 1 do artigo 14.

Solicitarase a presenza dunha persoa en representación da Dirección Xeral de Saúde Pública, para os efectos de asesoramento e coordinación naqueles aspectos que se refiran ao desenvolvemento de programas en materia de saúde pública levados a cabo polas entidades solicitantes, correspondentes á liña I (programas de prevención dos trastornos adictivos e de redución do dano asociado) e á liña IV (atención ás persoas con máis vulnerabilidade pola infección polo VIH).

5. Durante a instrución do procedemento, constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que examinará as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos de valoración dos programas establecidos no número 2 do artigo 14.

Esta comisión de valoración será a encargada de emitir o informe en que se concrete o resultado final da avaliación das solicitudes efectuada conforme os dous tipos de criterios citados, de conformidade co parágrafo II do artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. A comisión de valoración comunicará este informe ao órgano instrutor, que formulará a proposta de resolución e a elevará ao órgano competente para resolver.

Artigo 13. Comisión de valoración e proposta de resolución

1. A comisión estará integrada polos/as seguintes membros:

a) A persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, que actuará como presidente/a. De ser o caso, será substituída pola persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación Asistencial e Innovación Organizativa.

b) A persoa que desempeñe a xefatura do Servizo de Saúde Mental e Asistencia a Drogodependencias. Se for o caso, será substituída pola persoa que desempeñe a xefatura do Servizo de Xestión Sociosanitaria.

c) Dous/dúas técnicos/as do Servizo de Saúde Mental e Asistencia a Drogodependencias, asumindo un/unha deles/as a secretaría. De ser o caso, serán substituídos por técnicos/as do Servizo de Xestión Sociosanitaria.

A comisión de valoración solicitará a presenza de dúas persoas técnicas en representación da Dirección Xeral de Saúde Pública, para os efectos de asesoramento e coordinación naqueles aspectos que se refiran ao desenvolvemento de programas en materia de saúde pública levados a cabo polas entidades solicitantes, correspondentes á liña I (programas de prevención dos trastornos adictivos e de redución do dano asociado) e á liña IV (atención ás persoas con máis vulnerabilidade pola infección polo VIH).

No caso de ausencia dalgunha/s das persoas que a integran, serán substituídas pola/s persoa/s designada/s polo/a presidente/a.

Na composición da comisión de valoración procurarase acadar una presenza equilibrada de homes e mulleres.

2. A orde de prelación para a concesión das subvencións determinarase en función da puntuación obtida por valoración dos criterios establecidos no artigo 14, sen que se poida conceder subvención ás solicitudes que non obteñan unha puntuación mínima global de 50 puntos.

Para a determinación do importe da axuda que corresponde a cada un dos programas que supere o limiar de puntuación mínima previsto no punto anterior, procederase do seguinte modo:

– A comisión de valoración determinará cal é o orzamento subvencionable de cada programa, que será igual á axuda solicitada con exclusión daqueles gastos que non sexan elixibles ou que non sexan estritamente necesarios para acadar a finalidade da subvención.

– Dentro de cada unha das liñas de actuación, ordenaranse os programas segundo a puntuación total acadada, de maior a menor.

– En caso de que o importe total subvencionable dos programas dunha liña de actuación supere o importe consignado na convocatoria nesa liña, a comisión de valoración procederá ao rateo do crédito global da liña entre as entidades susceptibles de recibir a axuda, en proporción á puntuación total obtida e ao importe solicitado.

– A contía máxima subvencionable por programa non superará os 60.000 euros.

3. No caso de que, tras calcular o importe que correspondería a cada unha das entidades que poden obter a condición de beneficiaria, quede saldo de crédito dispoñible e sexa insuficiente o previsto noutras liñas segundo o establecido no artigo 3, o importe resultante poderá reasignarse a esta liña, co fin de financiar programas a través deste/s último/s.

Artigo 14. Criterios de valoración

Para a adxudicación das subvencións teranse en conta os criterios obxectivos de valoración, das entidades solicitantes e dos programas, e a ponderación deles que a seguir se relacionan:

1. Criterios obxectivos de valoración das entidades solicitantes:

a) Implantación (máximo de 10 puntos): valorarase o maior ámbito territorial das actuacións e programas realizados pola entidade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia nos últimos dous anos. Para estes efectos, outorgaranse:

1º. Ás entidades que desenvolvan actuacións en dúas provincias: 5 puntos.

2º. Ás entidades que desenvolvan actuacións en tres provincias: 7,5 puntos.

3º. Ás entidades que desenvolvan actuacións en catro provincias: 10 puntos.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta o seu ámbito territorial.

b) Experiencia na xestión e execución de programas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia: (máximo 10 puntos): valorarase a especialización e experiencia na xestión e execución de programas sociais de similar natureza aos programas para os cales solicita subvención nos cinco anos anteriores á publicación da convocatoria. Para estes efectos outorgaranse:

1º. Ás entidades que teñan unha experiencia dun ano: 2 puntos.

2º. Ás entidades que teñan unha experiencia de dous anos: 4 puntos.

3º. Ás entidades que teñan unha experiencia de tres anos: 6 puntos.

4º. Ás entidades que teñan unha experiencia de catro anos: 8 puntos

5º. Ás entidades que teñan unha experiencia de cinco anos: 10 puntos.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a experiencia da propia confederación, federación ou agrupación, ou a das entidades que a integren, tendo en conta neste último caso que para acadar a puntuación anterior deben contar coa experiencia exixida en cada un dos tramos anteriores un mínimo do 30 % das entidades integrantes.

c) Calidade na xestión da entidade (máximo de 1,5 puntos): valoraranse con 1,5 puntos as entidades que conten con certificados de calidade en vigor con base na norma ONG con calidade, ISO 9001:2015, EFQM ou outros sistemas de calidade que garantan o control de procesos e programas.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, a máxima puntuación outórgase cando estas ou todas as entidades que as integran teñan o certificado. Noutro caso a puntuación outorgase de acordo co seguinte criterio:

1º. Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan co certificado: 0,5 puntos.

2º. Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan co certificado: 1 punto.

3º. Máis do 70 % das entidades contan co certificado: 1,5 puntos.

d) Auditoría externa (máximo de 1,5 puntos): valorarase con 1,5 puntos a entidade que conte con auditoría externa de contas.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, a máxima puntuación outórgase cando estas ou todas as entidades que as integran estean sometidas a auditoría externa. Noutro caso a puntuación outorgase de acordo co seguinte criterio:

1º. Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades están sometidas a auditoría: 0,5 puntos.

2º. Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades están sometidas a auditoría: 1 punto.

3º. Máis do 70 % das entidades están sometidas a auditoría: 1,5 puntos.

e) Orzamento (máximo de 4 puntos): valorarase o volume do orzamento da entidade no último ano, ou da súa delegación na Comunidade Autónoma de Galicia cando esta sexa de ámbito nacional, de acordo coa seguinte distribución:

1º. Orzamento anual de importe superior a 25.000,00 euros e igual ou inferior a 100.000,00 euros: 1 punto.

2º. Orzamento anual de importe superior a 100.000,00 euros e igual ou inferior a 250.000,00 euros: 2 puntos.

3º. Orzamento anual de importe superior a 250.000,00 euros e igual ou inferior a 500.000,00 euros: 3 puntos.

4º. Orzamento anual de importe superior a 500.000,00 euros: 4 puntos.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a suma do orzamento de todas as entidades que as integran.

f) Financiamento obtido doutras institucións (máximo de 1 punto): valorarase o volume de ingresos procedente do financiamento obtido doutras entidades públicas ou privadas, de acordo cos seguintes tramos:

1º. 0,5 puntos ás entidades con, cando menos, o 5 por cento e ata o 10 por cento do seu orzamento obtido con financiamento alleo.

2º. 1 punto ás entidades con, cando menos, o 10 por cento do seu orzamento obtido con financiamento alleo.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a porcentaxe de financiamento obtido por todas as entidades que a integran respecto do orzamento total de todas elas.

g) Participación social e voluntariado: (máximo de 3 puntos). Valorarase o maior número de persoas voluntarias inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia por parte da entidade solicitante, sempre e cando a dita entidade actúe nas mesmas áreas de actividade obxecto desta orde, de acordo co seguinte criterio:

1º. De 1 a 20 persoas voluntarias: 1 punto.

2º. De 21 a 50 persoas voluntarias: 1,5 puntos.

3º. De 51 a 100 persoas voluntarias: 2 puntos.

4º. De 101 a 200 persoas voluntarias: 2,5 puntos.

5º. Máis de 200 persoas voluntarias: 3 puntos.

Para tal efecto, teranse en conta os datos de inscrición no dito rexistro na data de publicación desta orde.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a suma do número de voluntarios con que contan todas as entidades que as integran, sempre e cando as ditas entidades actúen nas mesmas áreas de actividade obxecto desta orde.

h) Adecuación de recursos humanos (máximo de 9 puntos): valorarase o persoal contratado pola entidade solicitante no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme os seguintes criterios:

1º. Volume de recursos humanos: valorarase o número de persoal contratado pola entidade solicitante no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

– De 3 e ata 10 traballadores: 1,5 puntos.

– Máis de 10 e ata 50 traballadores: 2 puntos.

– Máis de 50 e ata 100 traballadores: 2,5 puntos.

– Máis de 100 traballadores: 3 puntos.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta o número total de traballadores de todas as entidades que as integran.

2º. Proporción do persoal asalariado con contrato indefinido da entidade.

– Ata o 50 %: 0,5 puntos.

– Máis do 50 % e ata o 70 %: 0,75 puntos.

– Máis do 70 %: 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a porcentaxe de contratos indefinidos de todas as entidades en relación co cadro de persoal laboral de todas elas.

3º. Proporción do emprego de persoas con discapacidade en relación co número total de persoas remuneradas.

– Desde o 2 % ata o 10 %: 0,5 puntos.

– Máis do 10 % e ata o 20 %: 0,75 puntos.

– Máis do 20 %: 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a porcentaxe de persoas con discapacidade contratadas por todas as entidades en relación co cadro de persoal laboral de todas elas.

4º. Emprego de persoas perceptoras de Risga ou que se atopen en situación ou risco de exclusión social conforme o artigo 3 da Lei de inclusión social de Galicia: outorgarase 1 punto ás entidades que teñan contratada cando menos unha persoa que se atope nas circunstancias indicadas.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, a puntuación máxima outórgase cando todas as entidades que as integran teñan contratada, cando menos, unha persoa en situación ou risco de exclusión social. Noutro caso a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:

– Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 0,50 puntos.

– Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 0,75 puntos.

– Máis do 70 % das entidades contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 1 punto.

5º. Emprego de mulleres vítimas de violencia de xénero que non estean en situación ou risco de exclusión social conforme o artigo 3 da Lei de inclusión social de Galicia: outorgarase 1 punto ás entidades que teñan contratada, cando menos, unha persoa que se atope nas circunstancias indicadas.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, a puntuación máxima outórgase cando todas as entidades que as integran teñan contratada, cando menos, unha muller vítima de violencia de xénero. Noutro caso a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:

– Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan cunha muller vítima de violencia de xénero: 0,50 puntos.

– Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan cunha muller vítima de violencia de xénero: 0,75 puntos.

– Máis do 70 % das entidades contan cunha muller vítima de violencia de xénero: 1 punto.

6º. Emprego de maiores de 45 anos: valoraranse as contratacións destas persoas nos últimos dous anos sobre o total das contratacións realizadas, de acordo con criterios seguintes:

– Máis do 10 % e ata o 23 % de de contratos realizados a persoas maiores de 45 anos nos últimos dous anos en relación co número total de contratos da entidade: 0,5 puntos.

– Máis do 23 % de contratos realizados a persoas maiores de 45 anos nos últimos dous anos en relación co número total de contratos da entidade: 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións para a puntuación terase como referencia o número de contratacións de empregados maiores de 45 anos realizados por todas as entidades que as integran en relación co total de contratacións dos últimos dous anos.

7º. A existencia nas entidades de plans de igualdade nos termos previstos na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, que recollan, entre outras medidas, o fomento da conciliación da vida persoal, familiar e laboral, valorarase con 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, a máxima puntuación outorgarase cando todas as entidades que as integran contan con plans de igualdade. Noutro caso, a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:

– Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan con plan de igualdade: 0,50 puntos.

– Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan con plan de igualdade: 0,75 puntos.

– Máis do 70 % das entidades contan con plan de igualdade: 1 punto.

2. Criterios obxectivos de valoración dos programas:

a) Calidade técnica do programa (ata 41 puntos):

1º. Pertinencia e necesidade: ata 6 puntos. Valorarase que o programa conte cunha avaliación da necesidade a cubrir e da pertinencia do seu desenvolvemento e a súa fundamentación.

2º. Obxectivos do programa: ata 10 puntos. Valoraranse os obxectivos que pretende acadar a entidade solicitante, o impacto do proxecto, o número de usuarios e a poboación á van dirixidos.

3º. Contido técnico do programa: ata 20 puntos. Valorarase o contido técnico do programa e a súa adecuación ao obxectivo proposto, a descrición das actividades concretas que se pretenden realizar, o calendario de realización, a adecuación dos recursos humanos, dos medios estruturais, materiais e técnicos para o desenvolvemento e xestión do programa, así como os indicadores de control e avaliación deste.

4º. Innovación: ata 5 puntos. Valoraranse os programas innovadores, especialmente cando se dirixan a atender necesidades emerxentes non cubertas ou cando incorporen novas tecnoloxías ou sistemas de organización e xestión que sumen un maior valor ao programa.

b) Ámbito do programa (ata 14 puntos):

1º. Ámbito temporal: ata 10 puntos. Valoraranse con 2 puntos por cada ano aqueles programas que, sendo continuidade doutros financiados nalgún dos últimos cinco anos anteriores no marco destas subvencións ao abeiro do IRPF, garantan a continuidade de atención ás persoas destinatarias cando, pola súa vulnerabilidade, a súa interrupción poida provocar situacións de grave empeoramento da súa situación persoal, social ou económica.

2º. Ámbito territorial: ata 4 puntos. Valorarase o ámbito territorial da actuación que se vai realizar, conforme a seguinte escala:

– As actuacións que se desenvolvan en dúas provincias: 1 punto.

– As actuacións que se desenvolvan en tres provincias: 2 puntos.

– As actuacións que se desenvolvan en catro provincias: 3 puntos.

No caso de que os programas se desenvolvan en áreas rurais e/ou áreas rurais de alta dispersión de acordo co Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento (DOG núm. 63, do 30 de marzo) outorgarase 1 punto.

c) Cofinanciamento do programa: valoraranse con 3 puntos os programas que conten con outras fontes de financiamento público e/ou privado.

d) Corresponsabilidade no financiamento do programa: valoraranse con 2 puntos os programas cofinanciados pola propia entidade.

Artigo 15. Resolución

1. As resolucións que procedan ao abeiro desta orde serán ditadas pola persoa titular da Consellería de Sanidade e presidente/a do Servizo Galego de Saúde por proposta das persoas titulares das direccións xerais correspondentes, segundo o previsto no artigo 13.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o dito prazo sen que se dite resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude por silencio administrativo.

3. En aplicación do disposto no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe da axuda da proposta de resolución sexa inferior ao que figura na solicitude, poderase instar a entidade beneficiaria a que, nun prazo de dez días, reformule a solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención proposta e/ou formule as alegacións que coide pertinentes. En calquera caso, a reformulación deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos e que deron lugar ao seu outorgamento. Así mesmo, a dita reformulación non poderá comprometer a viabilidade do programa, polo que se deberán manter os gastos necesarios para o seu correcto desenvolvemento.

Artigo 16. Publicación e notificacións

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Sanidade.

2. Así mesmo, as notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse complementariamente só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada, e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionárense por medios electrónicos.

5. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez (10) días hábiles a súa aceptación, comprometéndose a executar a acción subvencionada nas condicións establecidas na presente convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase formular por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Os importes que, se é o caso, resultaren sobrantes por causa de renuncia poderán destinarse ao outorgamento de máis subvencións segundo o determinado nos artigos 13, 14 e 15.

4. Unha vez recibida a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez (10) días a súa aceptación. No caso de non comunicala, entenderase tacitamente aceptada en todas as súas condicións.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas puideren impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Así mesmo, conforme o citado artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a consellería concedente publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, entidade beneficiaria, cantidade concedida e finalidade da subvención.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19. Réxime de recursos

1. A resolución do procedemento pon fin á vía administrativa e contra ela as entidades interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ante a persoa titular da Consellería de Sanidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución á entidade.

2. Igualmente procederá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xuño, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación se a resolución é expresa; se non for así, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

3. De presentarse recurso potestativo de reposición, non se poderá acudir á vía contencioso-administrativa ata que este sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación presunta.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión

1. De acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, segundo o previsto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido sempre que se respecte a actuación subvencionable e non dea lugar á execución deficiente e/ou incompleta. Será de aplicación o seguinte:

a) A solicitude deberá presentarse antes de que conclúa o prazo para a realización da actividade, e a esta xuntarase:

1º. Memoria xustificativa.

2º. Relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

3º. Orzamento modificado, se é o caso.

b) Poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros.

c) Non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

d) Cando implique modificación do importe total concedido, tramitarase conxuntamente coa do expediente de gasto.

3. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Consellería de Sanidade por proposta das persoas titulares das correspondentes direccións xerais, logo da correspondente tramitación e, se é o caso, con audiencia da entidade interesada.

4. Cando a entidade beneficiaria da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non afecten esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen ter dado lugar á modificación da resolución téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa, o órgano concedente poderá aceptar a xustificación presentada, sempre que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación polo órgano concedente non exime a entidade beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle de conformidade coa citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. A Administración poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia de erro material, de feito ou aritmético.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán obrigadas a:

a) Executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención e cumprir o seu obxectivo.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou a adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real, de acordo co establecido no artigo 23.

c) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

d) Comunicar ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Conservar os documentos xustificativos orixinais da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

h) Incorporar de forma visible no material de difusión dos programas subvencionados o seu financiamento público.

i) Ter subscrito unha póliza de seguro de accidentes e de enfermidade e de responsabilidade civil a favor do persoal voluntario que participe nos programas subvencionados conforme o previsto nos artigos 7.g) e 11.i) da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

j) Cumprir coa obriga de subministración de información nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

k) Calquera outra obriga imposta ás beneficiarias na normativa estatal ou autonómica aplicable, así como nesta orde.

2. Os servizos da Consellería de Sanidade poderán efectuar as comprobacións que consideren oportunas canto ao cumprimento por parte das entidades dos requisitos exixidos.

Artigo 22. Pagamento

O pagamento do 100 % do importe da subvención concedida realizarase dunha soa vez en concepto de anticipado, que se fará efectivo unha vez notificada a resolución e, en todo caso, na anualidade 2018.

Artigo 23. Xustificación: obxecto, prazo e documentación

1. O programa e actuacións que abrangue deberá coincidir co contido da resolución de concesión da subvención e, se é o caso, coas modificacións autorizadas e deberase acreditar o cumprimento das obrigas establecidas na normativa aplicable.

2. Só será subvencionable o gasto realizado que fose efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación determinado no punto seguinte respecto do cal se xustifique o pagamento, segundo o disposto no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, mediante extractos ou certificacións bancarias asinados e selados en que deberán constar claramente identificados o receptor e emisor do pagamento, o número de factura e a súa data.

3. A documentación xustificativa presentarase ante a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde con data límite do 15 de febreiro de 2020.

4. A documentación que deberá achegarse será a seguinte, en función do importe da subvención:

a) As entidades a que se lles concedera por importe igual ou superior a 50.000 € realizarán a xustificación a través de conta xustificativa con achega de informe de auditoría, de acordo co regulado no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A verificación que debe realizar a auditoría de contas, en todo caso, terá o seguinte alcance:

1º. O cumprimento por parte das entidades beneficiarias das obrigas establecidas nesta orde e no resto da normativa que lle é de aplicación na xestión e aplicación da subvención.

2º. A adecuada e correcta xustificación da subvención por parte das entidades beneficiarias.

3º. A realidade e a regularidade das operacións que, de acordo coa xustificación presentada polas entidades beneficiarias, foron financiadas coa subvención.

4º. O adecuado e correcto financiamento das actividades subvencionadas.

5º. Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, fotocopias, captura de pantallas) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

b) As entidades a que se lles concedese por importe inferior a 50.000 € poderán optar, á súa elección, por realizaren a xustificación a través de conta xustificativa con achega de informe de auditoría nos termos previstos no punto a) ou a través da conta xustificativa con achega de xustificantes de gasto, regulada no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Neste último caso, deberán xuntar:

1º. Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención.

2º. Relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a de pagamento.

3º. Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, orixinais ou copias compulsadas, do total dos gastos realizados xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento.

4º. Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, fotocopias, captura de pantallas) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

5º. Se o importe do gasto subvencionable supera as contías establecidas para o contrato menor na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2104, copia compulsada do expediente de contratación, de ser o caso, e como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, agás que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou que o gasto fose realizado con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 24. Incumprimento, reintegro, infraccións e sancións

1. Ás entidades beneficiarias das subvencións recollidas na presente orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para estes efectos, oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento e en función do seguinte:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da axuda concedida.

b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos no artigo 23 desta orde: reintegro do 2 % da axuda concedida no caso de que o atraso na presentación sexa de ata 10 días, do 10 % no caso de que o atraso sexa superior a 10 días e inferior a 20 días, e do 100 % da axuda concedida no caso de que o atraso na presentación sexa igual ou superior a 20 días.

c) Non dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento nos termos establecidos na letra i) do artigo 21: reintegro do 2 % da axuda concedida.

d) Aplicación da subvención a conceptos de gasto e a ámbitos territoriais doutras comunidades autónomas ou a programas diferentes aos que figuran na solicitude: reintegro do 100 % da axuda concedida.

e) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable e non recollido nos puntos anteriores: reintegro de ata o 100 % da axuda concedida.

3. Igualmente, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

4. As cantidades que teñan que reintegrar as entidades beneficiarias terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 14.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.

5. De conformidade co previsto no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o beneficiario poderá realizar devolución voluntaria de cantidades indebidamente percibidas mediante ingreso na conta habilitada da Facenda Pública galega. O importe da devolución incluirá os xuros de demora. No documento de ingreso deberá identificarse o número do expediente, o concepto da devolución, e o nome e NIF do beneficiario. Unha vez ingresado, deberase informar a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria da devolución voluntaria realizada.

Artigo 25. Comprobación, inspección e control

1. A Consellería de Sanidade poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta orde, e realizará, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta orde. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, que presentará ao órgano competente xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitar ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

2. Ademais, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 26. Información ás entidades interesadas

Sobre este procedemento poderase obter información a través do teléfono 012, do enderezo electrónico saudemental.drogodependencias@sergas.es, na Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, e na Dirección Xeral de Saúde Pública.

Artigo 27. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia, Consellería de Sanidade, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Sanidade.

Disposición derradeira primeira. Órgano responsable

A Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria adoptará as medidas oportunas para o seguimento, a avaliación, a difusión e a execución dos proxectos seleccionados, previstos nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2018

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Actuacións destinadas a programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito das drogodependencias e outros trastornos adictivos, e atención ás persoas con máis vulnerabilidade pola infección polo VIH

Liña I. Prevención dos trastornos adictivos e de redución do dano asociado.

Enténdense por prevención e redución do dano as actuacións que fomentan a conciencia social sobre a importancia que teñen os problemas, os danos e os custos persoais derivados do consumo de substancias psicoativas. Ademais, tamén teñen esta consideración as actividades que buscan aumentar as capacidades e habilidades de resistencia á oferta destas substancias e aos comportamentos problemáticos derivados delas.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Programas de prevención escolar universal.

b) Programas de sensibilización, información e apoio a familias.

c) Programas comunitarios de prevención de consumo de drogas na poboación xuvenil.

d) Programas de atención a drogodependentes en situación de emerxencia social.

Liña II. Incorporación social e inserción sociolaboral de persoas con trastornos adictivos.

Enténdese por incorporación social o proceso de socialización personalizado e flexible, constituído por accións e intervencións que pretenden implicar activamente, responsabilizar, promover e facilitar ás persoas a súa autonomía, desenvolvemento e benestar social, participación e capacidade crítica coa súa contorna. Neste sentido, inclúe diferentes ámbitos ou dominios (persoal, familiar, laboral, etc.), nos cales o laboral é importante, pero non o principal ou o único.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Programas de incorporación social como apoio ao tratamento das persoas diagnosticadas dun trastorno adictivo realizados en vivendas supervisadas. Estes programas se desenvolveranse coordinadamente cos equipos das unidades asistenciais de drogodependencias.

b) Programas dirixidos á procura de emprego das persoas cun trastorno adictivo, mediante a adquisición de valores, competencias e habilidades.

c) Programas de inserción social e laboral destinados a persoas reclusas ou exreclusas con trastornos adictivos.

d) Programas de incorporación social de apoio ao tratamento e reinserción de pacientes estabilizados.

Liña III. Atención integral ás persoas con trastornos adictivos.

O tratamento das adiccións non só reduce os danos sociais e sobre a saúde asociados ao consumo de substancias e a determinadas condutas adictivas, senón que tamén diminúen o seu consumo e os custos asociados. A investigación científica e a práctica clínica demostran o valor da atención continuada, integral e multidisciplinar no tratamento da adicción, entendendo por integral a atención que aborda simultaneamente os aspectos biolóxicos, psicolóxicos e sociais da adicción.

O tratamento da adicción debe axudar ás persoas para deixar de consumir drogas, ou evitar a conduta adictiva e, polo menos, reducir os danos asociados a ese consumo ou conduta, e lograr un funcionamento produtivo na familia, no traballo e na sociedade.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Os destinados fundamentalmente ao tratamento e á rehabilitación (recuperación funcional) de persoas con trastornos adictivos que precisan atención de forma intensiva, en unidades de día e comunidades terapéuticas. Atendendo ao grao de especialización, o acceso de pacientes a estes dispositivos debe ser coordinado cos dispositivos especializados na atención ás condutas adictivas.

b) Aqueles que favorezan unha atención integral e de calidade mediante a incorporación dalgunha das seguintes actuacións:

• A coordinación da rede de tratamento de adiccións co sistema sociosanitario.

• A mellora no tratamento e no seguimento realizado por parte dos servizos sanitarios e sociais das persoas con adiccións crónicas e de maior idade.

• O desenvolvemento de programas dirixidos a poboación vulnerable en coordinación co sistema de servizos sociais e outras institucións.

c) Aqueles que consoliden a atención ás novas adiccións (con e sen substancia).

d) Os que implementen recursos e programas para a atención a patoloxía dual.

e) Os que fomenten a atención integral ás persoas con adiccións incorporando os condicionantes de xénero e que promovan os tratamentos centrados nas mulleres con trastornos adictivos e aos seus perfís de consumo, con base en intervencións integrais que, no caso dos psicofármacos, consideren aspectos ligados á prescrición e alternativas de tratamento non farmacolóxico.

f) Os centrados en mellorar a atención sociosanitaria prestada aos menores con trastornos adictivos e as súas familias.

Liña IV. Atención as persoas con máis vulnerabilidade pola infección polo VIH.

As persoas que viven co VIH en situación de máis vulnerabilidade, así como a súa contorna familiar, adoitan ter necesidades de asistencia sociosanitaria que dificilmente pode ser prestada polo sistema asistencial ordinario. Por esta razón os programas de entidades sen ánimo de lucro que traballan con estes pacientes e as súas familias van proporcionar un apoio moi importante en aspectos relacionados coa adherencia aos tratamentos, acompañamentos aos dispositivos sanitarios e sociais e fortalecemento das medidas de prevención e resolución de problemas de integración do medio familiar.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Programas de prevención e asistencia sociosanitaria dirixidos ás persoas máis vulnerables á infección polo VIH, así como á súa contorna familiar.

b) Programas de loita contra a estigmatización das persoas que viven co VIH.

c) Programas de formación e inserción laboral de persoas co VIH.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file