Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 2 de novembro de 2018 Páx. 47880

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan a Norvento Eólica, S.L.U. as autorizacións administrativas previa e de construción e se declara, en concreto, a utilidade pública para a infraestrutura eléctrica denominada LMT 30 kV evacuación PE Cadeira, nos concellos de Riotorto, Lourenzá, Mondoñedo e A Pastoriza (expediente IN408A/2017/36).

Logo de examinar o expediente instruído por petición da empresa Norvento Eólica, S.L.U., con domicilio para os efectos de notificacións na rúa Ramón María Aller Ulloa, 23, 27003 Lugo, en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción, e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a LMT 30 kV evacuación PE Cadeira (en diante, LAT PE Cadeira) resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 24.11.2017, Norvento Eólica, S.L.U. (en diante, o promotor) solicitou a tramitación do expediente do parque eólico Cadeira e o das súas infraestruturas de evacuación de acordo co procedemento establecido na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. O 28.11.2017 o promotor solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial da LAT PE Cadeira.

Terceiro. O 21.12.2017 o Consello da Xunta de Galicia declarou de especial interese o proxecto do parque eólico Cadeira e o da súa liña de evacuación.

Cuarto. O 24.1.2018 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Quinto. O 13.3.2018 o promotor achegou a documentación técnica e ambiental actualizada, co obxecto de incorporar ao proxecto da LAT PE Cadeira as infraestruturas de obra civil asociadas ao centro de interconexión previsto, as cales estaban recollidas inicialmente na documentación correspondente á solicitude de modificación non substancial do parque eólico Cadeira.

Sexto. Mediante oficios do 6.4.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas remitiu as correspondentes separatas do proxecto de execución, para os efectos de obter os respectivos condicionados técnicos, ás seguintes administracións, organismos e empresas de servizo público ou de servizo de interese xeral: Concello de Riotorto, Concello de Lourenzá, Concello de Mondoñedo, Concello da Pastoriza, Augas de Galicia, Deputación Provincial de Lugo e Red Eléctrica de España, S.A.U.

Sétimo. O 17.4.2018 a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, a Xefatura Territorial) informou de que o trazado da LAT PE Cadeira non afecta dereitos mineiros en vigor, polo que non procede ningún trámite de compatibilidade.

Oitavo. O 23.4.2018 o Concello da Pastoriza comunicou que non ía establecer ningún condicionado en relación coa separata do proxecto da LAT PE Cadeira.

Noveno. O 2.5.2018 a Deputación Provincial de Lugo emitiu informe establecendo o correspondente condicionado técnico. O 2.7.2018 o promotor achegou a súa resposta.

Décimo. O 4.5.2018 Augas de Galicia emitiu informe establecendo o correspondente condicionado técnico. O 6.7.2018 o promotor achegou a súa resposta.

Décimo primeiro. O 15.5.2018 o Concello de Riotorto estableceu o correspondente condicionado técnico. O 2.7.2018 o promotor manifestou a súa conformidade.

Décimo segundo. O 6.6.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorizacións administrativas previa e de construción, de declaración de utilidade pública, en concreto, e de aprobación do proxecto sectorial da LAT PE Cadeira. Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 20.7.2018 e no xornal El Progreso do 19.7.2018, e estivo exposta nos taboleiros de anuncios da Xefatura Territorial e dos concellos afectados (Riotorto, Lourenzá, Mondoñedo e A Pastoriza). Durante o mencionado período de información pública presentáronse as alegacións que se indican no anexo desta resolución. A seguir resúmese o contido das alegacións presentadas:

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados (RBDA), maioritariamente en relación coa titularidade e tipo de aproveitamento das parcelas, cos enderezos para os efectos de notificación e coas superficies afectadas.

– Nalgúns casos maniféstase desacordo coa parte das parcelas que se pretende expropiar, posto que a localización das instalacións na parte central daquelas supón a imposibilidade de continuar co seu aproveitamento madeireiro na maior parte da súa superficie. Solicítase a modificación do trazado adaptándoo ao deslindamento das leiras, o que reduciría os prexuízos ocasionados. Nalgún caso solicítase, de non ser posible a modificación do trazado, a indemnización total das parcelas.

Décimo terceiro. Mediante oficios do 8.6.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas reiterou a solicitude de condicionado técnico ao Concello de Lourenzá, ao Concello de Mondoñedo e a Red Eléctrica de España, S.A.U.

Décimo cuarto. O 29.6.2018 Red Eléctrica de España, S.A.U. presentou un escrito en que manifesta a súa conformidade coa concesión da autorización administrativa á LAT PE Cadeira.

Décimo quinto. O 3.8.2018 a Dirección Xeral de Ordenación Forestal remitiu o informe do 18.6.2018 do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería do Medio Rural, en que se conclúe que o proxecto afecta varias parcelas do monte veciñal de Carracedo, Rioseco e Chao das Louxeiras, pertencente á comunidade de Santa María Maior.

Décimo sexto. O 8.8.2018 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe de impacto ambiental da LAT PE Cadeira, que se fixo público mediante Acordo do 10 de agosto de 2018 da mesma dirección xeral (DOG núm. 167, do 3 de setembro).

Décimo sétimo. O 14.9.2018 a Xefatura Territorial informou, en relación co disposto nos artigos 58 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, e 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, de que non se aprecia limitación para a expropiación de terreos e imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica nas parcelas que se describen na relación de bens e dereitos afectados polo proxecto.

Décimo oitavo. O 19.9.2018, en vista das alegacións recibidas durante o período de información pública e das negociacións en curso para a ocupación de varios predios afectados polo proxecto, o promotor achegou unha relación de bens e dereitos afectados actualizada, recollida no documento I1101-17 V03.00 declaración de utilidade pública LMT 30 kV evacuación PE Cadeira 2ª actualización. Setembro - 18. Nesta actualización exclúense da relación de necesaria expropiación as parcelas pertencentes á comunidade de montes veciñais en man común mencionada no informe do Servizo de Montes do 18.6.2018.

Décimo noveno. O 20.9.2018 a Xefatura Territorial emitiu un informe técnico favorable sobre o proxecto da LAT PE Cadeira.

Vixésimo. O 24.9.2018 o promotor achegou o documento I1101-17 V04.00 declaración de utilidade pública LMT 30 kV evacuación PE Cadeira (3ª actualización). Setembro - 18, no cal inclúe unha nova actualización da relación de bens e dereitos afectados, reducindo o número de parcelas de necesaria expropiación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, en virtude da disposición adicional terceira da mesma lei, introducida pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no capítulo IV do título II da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Resolución do 19 de febreiro de 2014 da Consellería de Economía e Industria pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como na demais normativa de aplicación. Así mesmo, cumpríronse as disposicións establecidas na Lei 8/2009, do 22 de decembro, que resultan de aplicación a este procedemento, en virtude da disposición adicional terceira da mesma lei.

Terceiro. En relación coas alegacións mencionadas no antecedente de feito décimo segundo, e recollidas no anexo desta resolución, visto o seu contido e as respostas efectuadas polo promotor, cómpre manifestar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas (titularidade das parcelas, superficies afectadas, enderezos para os efectos de notificación, tipo de aproveitamento, ...). Non obstante, corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles. No caso de que non se chegue a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

No que respecta ás solicitudes de modificación do trazado da liña para minimizar os prexuízos no uso e aproveitamento das parcelas, o promotor manifestou a súa vontade de acadar o acordo máis satisfactorio posible para todas as partes.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a Norvento Eólica, S.L.U. a autorización administrativa previa da LMT 30 kV evacuación PE Cadeira, nos concellos de Riotorto, Lourenzá, Mondoñedo e A Pastoriza (Lugo).

Segundo. Outorgar a Norvento Eólica, S.L.U. a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da liña eléctrica, composto polo documento proxecto de execución LMT 30 kV evacuación PE Cadeira. Febreiro 2018, asinado polo enxeñeiro industrial do ICAI Pablo Fernández Castro (colexiado nº 985/201).

As características principais das instalacións recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Norvento Eólica, S.L.U.

Denominación: LMT 30 kV evacuación PE Cadeira.

Orzamento de execución por contrata (IVE incluído): 1.808.473,45 euros.

Finalidade: evacuación da enerxía eléctrica producida no parque eólico Cadeira.

Concellos afectados: Riotorto, Lourenzá, Mondoñedo e A Pastoriza (Lugo).

Características técnicas da infraestrutura eléctrica:

a) Centro de interconexión que aloxa no seu interior 3 celas de interruptor automático, unha cela de medida e un cela de servizos auxiliares, todas illadas en SF6, ademais de equipamento de baixa tensión, de comunicacións e de control. Este centro de interconexión tamén aloxará o tramo de condutor dúplex que unirá a cela de protección xeral co apoio 1-PAS, con condutor RHZ1 18/30 kV 400 mm2 Al + H 25 mm2.

b) Tramo aéreo composto por unha liña en dobre circuíto con orixe no apoio 1-PAS adxacente ao centro de interconexión do PE Cadeira e final no apoio 18-PAS, de 4.432 metros de lonxitude, con condutor LA-280 símplex por cada circuíto e apoios metálicos de celosía.

c) Tramo subterráneo composto por unha liña dúplex con orixe no apoio 18-PAS e final na subestación do PE Carracedo, cunha lonxitude de 4.906 metros con condutor RHZ1 18/30 kV 400 mm2 Al + H 25 mm2.

O tramo subterráneo discorrerá polas canalizacións do PE A Pastoriza e PE Carracedo, propiedade de Norvento.

d) Ampliación de celas na subestación Carracedo: ampliaranse o número de celas da subestación para permitir a conexión do PE Cadeira incluíndo unha nova cela de posición de liña e unha cela de remonte con medida para a conexión ao embarrado existente.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto da LMT 30 kV evacuación PE Cadeira, segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Norvento Eólica, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se poidan causar ao ambiente e do custo da restauración correspondente á fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en 11.209 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza correspondente á fase de desmantelamento e abandono das instalacións.

2. A instalación eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto que por esta resolución se autoriza.

3. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

4. En todo momento se deberá cumprir canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro; o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio; así como as demais normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación.

5. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e debe comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

6. O prazo para solicitar a autorización de explotación será de tres anos, contados a partir do presente outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción. En caso de incumprimento, poderá producirse a súa revogación nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, ou norma que a substitúa.

Unha vez solicitada a autorización de posta en servizo, a Xefatura Territorial será a encargada de emitila a seguir das comprobacións técnicas que considere oportunas.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no cal conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións da liña eléctrica.

8. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

9. Esta resolución emítese sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

10. A presente resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Lugo, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito décimo segundo:

María Dolores Gavín Loureiro, o 10.7.2018; Valentín Cortón Lombardero, o 10.7.2018; Enrique Ramallal Freire, o 11.7.2018; Manuel López Andía, o 12.7.2018; José Luis Souto Espiñeira, o 13.7.2018; Remedios Comendeiro Ramallal, o 13.7.2018; María Dolores Reigosa López, o 16.7.2018; José Antonio Muíño Moirón, o 18.7.2018; Tania Pérez Pértega, o 6.9.2018.