Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 2 de novembro de 2018 Páx. 47899

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de setembro de 2018, polo que se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos dereitos mineiros e a prevalencia sobre diversos aproveitamentos forestais da modificación do parque eólico Cadeira, nos concellos de Trabada, Riotorto, A Pontenova, Lourenzá e Mondoñedo (Lugo) e promovido pola sociedade Norvento Eólica, S.L.U. (LU-11/127-EOL).

En cumprimento do disposto no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de setembro de 2018, polo que se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos dereitos mineiros e a prevalencia sobre diversos aproveitamentos forestais da modificación do parque eólico Cadeira, emprazado nos concellos de Trabada, Riotorto, A Pontenova, Lourenzá e Mondoñedo (Lugo) e promovido pola sociedade Norvento Eólica, S.L.U. (LU-11/127-EOL).

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta, do 27 de setembro de 2018, polo que se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos dereitos mineiros e a prevalencia sobre diversos aproveitamentos forestais da modificación do parque eólico Cadeira, emprazado nos concellos de Trabada, Riotorto, A Pontenova, Lourenzá e Mondoñedo (Lugo) e promovido pola sociedade Norvento Eólica, S.L.U. (LU-11/127-EOL)

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Norvento Eólica, S.L.U. (en diante, o promotor), en relación coa declaración de utilidade pública, en concreto, da modificación do parque eólico Cadeira (en diante, o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, cunha potencia de 18 MW.

Segundo. O 22.2.2011, o promotor solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a aprobación do proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a inclusión no réxime especial para o parque eólico.

Terceiro. O 7.3.2012 e o 3.7.2012, o Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial informou sobre os dereitos mineiros afectados polo parque eólico, indicando que a área definida pola poligonal do parque eólico afecta os seguintes dereitos mineiros outorgados: aproveitamento da sección A Chao Grande nº 333 e a concesión de explotación da sección C Patricia Fracción 2ª nº 5760.2.

Cuarto. O 20.7.2012 e o 23.7.2012, a xefatura territorial acordou a incoación do trámite de compatibilidade, respectivamente, entre o parque eólico e o aproveitamento da sección A Chao Grande nº 333, e entre o parque eólico e a concesión de explotación Patricia Fracción 2ª nº 5760.2, dando audiencia aos interesados.

Quinto. O 1.2.2013, en relación coa concesión Patricia Fracción 2ª nº 5760.2, e o 21.6.2013, en relación co aproveitamento da sección A Chao Grande nº 333, a xefatura territorial emitiu os correspondentes informes de compatibilidade.

Sexto. O 11.6.2014, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública pola Resolución do 8 de xullo de 2014 da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 81, do 28 de abril de 2016).

Sétimo. O 15.6.2015, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe previsto na Lei 8/2009, do 22 de decembro , pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Oitavo. O 19.6.2015, o Servizo de Montes de Lugo emitiu o informe previsto no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Noveno. O 19.5.2016, en vista das modificacións introducidas no proxecto do parque eólico durante a tramitación ambiental, a xefatura territorial emitiu os informes de compatibilidade entre o parque eólico Cadeira e os dereitos mineiros Patricia Fracción 2ª nº 5760.2 e Chao Grande nº 333. Nos citados informes, considerábase a compatibilidade entre o parque eólico e o dereito mineiro Patricia Fracción 2ª nº 5760.2, así como a necesidade de dar trámite de audiencia ao titular do dereito mineiro afectado Chao Grande nº 333.

Décimo. O 30.5.2016, en aplicación do disposto na Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas acordou a apertura do trámite de audiencia outorgándolle ao titular do dereito mineiro afectado Chao Grande nº 333 un prazo de 15 días para que alegase e presentase os documentos e xustificacións que estimase oportuno.

Décimo primeiro. En resposta ao trámite de audiencia, o 15.6.2016 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia de Lugo un escrito do titular do dereito mineiro afectado Chao Grande nº 333. Nel solicitábase a remisión dos informes de compatibilidade do 21.6.2013 e do 19.5.2016, así como a suspensión do prazo de 15 días do trámite de audiencia. En resposta á súa solicitude, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas outorgoulle unha ampliación de prazo de 7 días para que alegase e presentase os documentos e xustificacións que estimase pertinentes, de conformidade co establecido no artigo 49.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Décimo segundo. O 22.7.2016, o titular do dereito mineiro afectado Chao Grande nº 333 presentou as alegacións relativas ao trámite de compatibilidade entre o parque eólico e o dereito mineiro afectado.

Décimo terceiro. O 31.8.2016, deuse traslado do expediente do trámite de audiencia á xefatura territorial. O 21.2.2017, a xefatura territorial emitiu o informe de compatibilidade entre o parque eólico e o dereito mineiro Chao Grande nº 333.

Décimo cuarto. O 24.2.2017, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais comunicou que a concesión de explotación Patricia Fracción 2ª nº 5760.2 e a autorización de aproveitamento de recurso da sección A) Chao Grande nº 333 localizadas dentro da área xeográfica do parque eólico, son compatibles coa construción e explotación deste.

Décimo quinto. O 21.4.2017, tomouse razón da solicitude presentada por María Fernández Castro relativa á subrogación de Norvento Eólica, S.L.U., sociedade filial unipersoal de Norvento, S.L., en todos os dereitos, obrigas e activos relacionados co parque eólico Cadeira, solicitude presentada o 14.7.2016, e completada o 16.11.2016 e o 17.4.2017.

Décimo sexto. O 4.5.2017, o Consello da Xunta acordou autorizar as instalacións, aprobar o proxecto de execución e declarar a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos dereitos mineiros do parque eólico. O dito acordo fíxose público pola Resolución do 16 de maio de 2017 da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 76, do 19 de abril de 2018).

Décimo sétimo. O 24.11.2017, de acordo co establecido na disposición transitoria terceira da Lei 5/2017, do 19 de outubro, o promotor solicitou a tramitación do expediente de acordo co procedemento establecido pola dita lei.

Décimo oitavo. O 19.12.2017, o promotor presentou unha modificación do proxecto do parque eólico, solicitando o seu recoñecemento como non substancial.

Décimo noveno. O 21.12.2017, o Consello da Xunta declarou de interese especial o parque eólico referido, o que ten como efectos a tramitación de forma prioritaria e con carácter de urxencia e a redución á metade dos prazos necesarios na instrución do procedemento.

Vixésimo. O 17.4.2018, o promotor solicitou a modificación da utilidade pública do parque eólico, de acordo coas modificacións solicitadas o 19.12.2017, achegando a correspondente relación de bens e dereitos afectados.

Vixésimo primeiro. Mediante escritos do 23.5.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, notificou ás persoas interesadas as modificacións introducidas na relación de bens e dereitos afectados. En relación con estas notificacións, recibiuse unha alegación presentada o 19.6.2018 por Manuel Gutiérrez Domínguez, en representación do Monte Veciñal en Man Común de Vilaouruz.

Para aqueles casos en que non foi posible efectuar a notificación, o 10.7.2018 e o 13.7.2018 publicáronse os correspondentes anuncios no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado, respectivamente, co fin de realizar a notificación por comparecencia. Transcorrido o prazo establecido no dito anuncio non compareceu ningún interesado.

Vixésimo segundo. Mediante oficios do 28.5.2018, e de acordo co disposto no artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas efectuou o trámite de audiencia ás Comunidade de Montes Veciñais de Santo Estevo, Vilaformán, Vilaouruz e Vilapena e ao Servio de Montes da Xefatura Territorial do Medio Rural de Lugo. No prazo outorgado para o efecto recibiuse unha alegación presentada o 21.6.2018 por Manuel Gutiérrez Domínguez, en representación do Monte Veciñal en Man Común de Vilaouruz.

Vixésimo terceiro. O 1.6.2018, o Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial informou que as modificacións solicitadas para o parque eólico non alteran as condicións de compatibilidade establecidas nos informes emitidos o 19.5.2016 e o 21.2.2017.

Vixésimo cuarto. O 28.6.2018, o promotor achegou a documentación acreditativa do acceso e punto de conexión á rede de transporte ou distribución para a potencia adicional derivada da modificación do parque eólico, de acordo co establecido no artigo 38.3.a) da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Vixésimo quinto. Mediante a Resolución do 4 de xullo de 2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas recoñeceu como non substancial a modificación do parque eólico.

Vixésimo sexto. O 21.9.2018, a Dirección Xeral de Ordenación Forestal, en cumprimento do previsto no artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, remitiu o informe do Servizo de Montes de Lugo do 21.9.2018.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 45.6 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. Tal e como se recolle no antecedente de feito vixésimo terceiro, o 1.6.2018, o Servizo de Enerxía e Minas de Lugo informou que as modificacións solicitadas para o parque eólico non alteran as condicións de compatibilidade establecidas nos informes emitidos o 19.5.2016 e o 21.2.2017. Polo tanto, procede declarar a compatibilidade nos mesmos termos que o Acordo do Consello da Xunta do 4.5.2017.

Cuarto. No que respecta á alegación a que fai referencia o antecedente de feito vixésimo primeiro, nela maniféstase a existencia de erros nas superficies afectadas pertencentes á comunidade de Vilaouruz, posto que algunhas das parcelas atribuídas a outras comunidades de montes veciñais en man común son de titularidade desta, achegando a correspondente documentación acreditativa. Así mesmo, indican que existe un erro na identificación da persoa representante da comunidade, indicando os datos de identificación correctos.

En vista do contido desta alegación, e da resposta efectuada polo promotor, cómpre manifestar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos achegados pola comunidade de Vilaouruz. Non obstante, corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiatorio, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

De acordo con todo o que antecede, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións da modificación do parque eólico Cadeira, segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

Segundo. Declarar a compatibilidade da modificación do parque eólico Cadeira cos dereitos mineiros Patricia Fracción 2ª nº 5760.2 e Chao Grande nº 333, nos termos previstos no Acordo do Consello da Xunta do 4.5.2017.

Terceiro. Declarar a prevalencia da utilidade pública da modificación do parque eólico Cadeira sobre o interese xeral dos aproveitamentos forestais afectados, de conformidade co informe do Servizo de Montes de Lugo do 21.9.2018 e remitido pola Dirección Xeral de Ordenación Forestal o 21.9.2018, a que fai referencia o artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Lugo, de acordo co establecido no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra este acto, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.