Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Mércores, 31 de outubro de 2018 Páx. 47535

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 26 de outubro de 2018 pola que se establecen as condicións para a repartición do fondo complementario ao Fondo de Cooperación Local para o ano 2018.

O impulso de medidas incentivadoras da xestión eficaz e eficiente dos recursos públicos dos municipios galegos é un dos principais obxectivos da Xunta de Galicia, que ten como finalidade contribuír a que os concellos poidan continuar prestando os debidos servizos á cidadanía, mellorando as condicións de vida que satisfagan as súas necesidades á vez que se reducen os custos que a prestación destes servizos traslada á carga impositiva que soporta a veciñanza. Como unha das medidas máis eficaces para acadar estes obxectivos, a Xunta de Galicia pretende promover e apoiar os proxectos de fusión municipal que inicien os concellos da nosa Comunidade Autónoma.

Nesta liña, a Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018 (DOG núm. 245, do 28 de decembro), establece un fondo complementario do Fondo de Cooperación Local para o ano 2018 con destino exclusivo e finalista aos concellos fusionados.

A dita lei no seu artigo 55.oito dispón que para o ano 2018 dótase un fondo complementario de carácter finalista que se destinará ao cumprimento do sinalado no artigo 13.un, alíneas a) e f), da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia. A repartición deste importe entre as medidas sinaladas realizarase nas condicións que estableza a consellería competente en materia de Administración local.

No mesmo artigo 55 da Lei 8/2017, do 26 de decembro, establécense os criterios de distribución de novos recursos que se integran no fondo. Consonte o acordo acadado na Subcomisión Permanente do Réxime Económico e Financeiro da Comisión Galega de Cooperación Local, entre estes criterios inclúese a participación en procesos de fusión ou de incorporación voluntaria a outros concellos. Este será o criterio determinante na repartición dun fondo complementario ao Fondo de Cooperación Local, nas condicións que estableza a consellería competente en materia de Administración local.

Resulta, pois, preciso establecer e precisar as condicións de repartición do fondo complementario ao Fondo de Cooperación Local do ano 2018, considerando como criterio determinante a participación en procesos de fusión ou de incorporación voluntaria a outros concellos.

Segundo o artigo 1.2 do Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, este é o departamento da Xunta de Galicia ao cal lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de Administración local.

No artigo 22 do mesmo Decreto 74/2018, do 5 de xullo, indícase que o órgano encargado da xestión das competencias que se lle atribúen á Xunta de Galicia en materia de Administración local é a Dirección Xeral de Administración Local.

Xa que logo, de conformidade co establecido no punto catro do artigo 55 da Lei 8/2017, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza é o órgano competente para a determinación das condicións de repartición do fondo complementario ao Fondo de Cooperación Local para o ano 2018.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Por medio desta orde regúlanse as condicións de repartición do fondo complementario ao Fondo de Cooperación Local do ano 2018.

2. O fondo complementario do Fondo de Cooperación Local para o ano 2018, dotado con 1.950.000 euros, destínase na súa totalidade a aqueles concellos resultantes ou que resulten de procesos de fusión municipal ou de incorporación voluntaria a outros concellos.

Artigo 2. Beneficiarios

Serán beneficiarios do fondo complementario todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia resultantes dun proceso de fusión municipal concluído nos cinco anos anteriores.

Artigo 3. Destino

As achegas procedentes do fondo complementario ao Fondo de Cooperación Local terán carácter non finalista e poderán ser aplicadas polos concellos ao financiamento de programas de gasto de natureza produtiva ou xeradora de emprego, obras ou servizos, gastos de persoal, gastos correntes en bens e servizos, amortización de débeda ou calquera outro gasto ou investimento acorde coas competencias municipais.

Artigo 4. Distribución

1. O fondo complementario ao Fondo de Cooperación Local do ano 2018 dotado na aplicación orzamentaria 21.01.811B.460.3 será distribuído pola Consellería de Facenda entre aqueles concellos resultantes dun proceso de fusión municipal.

Estas entidades locais recibirán estas achegas en función da antigüidade que leven fusionados, correspondendo, segundo o caso, un 70 % do importe ás entidades locais fusionadas nos tres últimos anos e un 30 % ás fusionadas entre os cinco e os tres últimos anos.

2. A Dirección Xeral de Administración local comunicará á Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos os concellos que participarán nesta repartición no prazo de tres días desde a publicación desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza