Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Mércores, 31 de outubro de 2018 Páx. 47532

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 24 de outubro de 2018 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra con domicilio na rúa Colón, nº 26, en Vigo (Pontevedra).

Feitos:

1. O 13 de xuño de 2018 Hipólito Cabezas Gómez, presidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra constituíse en escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 20 de marzo de 2018, ante o notario Miguel Lucas Sánchez, co número de protocolo 705, por Hipólito Cabezas Gómez que actúa no seu propio nome e dereito.

Esta escritura emendouse por outra outorgada na mesma localidade o 26 de setembro de 2018, ante o notario Julio Manuel Díaz Losada, co número 1.755 do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto promover as actividades da Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra e a súa escola tanto formativas como de exhibición, ademais de contribuír á conservación e dignificación da música galega así como os seus instrumentos.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Hipólito Cabezas Gómez como presidente; José García Costas como vicepresidente; Avelino Manuel San Luís Costas como secretario; e Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa, Antonio Rodríguez Lijó, Carlos León Justo Guisado e Francisco Gustavo Izquierdo Martínez como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Turismo.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 23 de outubro de 2018.

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura e Turismo.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Previamente e con carácter potestativo poderase interpoñer recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza