Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Mércores, 31 de outubro de 2018 Páx. 47530

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 16 de outubro de 2018 pola que se clasifica de interese sanitario a Fundación Banco Farmacéutico de Galicia.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Banco Farmacéutico de Galicia con domicilio na avenida de Lugo número 115, en Santiago de Compostela (A Coruña).

Feitos:

1. O 10 de agosto de 2018 Noelia Romero Gómez, presidenta do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Banco Farmacéutico de Galicia foi constituída en escritura pública outorgada en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) o 2 de agosto de 2018, ante a notaria Marina González Martínez, co número de protocolo 1.058 por Noelia Romero Gómez, Paula Chapela Bamio, María de los Ángeles Rodríguez González e Jesús Busto Peteiro, que actúan no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación xorde co obxectivo de «dar resposta ás necesidades actuais de acceso aos medicamentos e tratamento das persoas que se atopan en risco de exclusión de Galicia, favorecendo a súa inclusión social a través da mellora da súa saúde».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Noelia Romero Gómez como presidenta, Paula Chapela Bamio como secretaria, María de los Ángeles Rodríguez González como tesoureira, e Jesús Busto Peteiro como vogal.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Banco Farmacéutico de Galicia, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 8 de outubro de 2018,

DISPOÑO:

Clasificar de interese sanitario a Fundación Banco Farmacéutico de Galicia, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Sanidade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza