Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Luns, 29 de outubro de 2018 Páx. 47363

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Nigrán

ANUNCIO da modificación singular número 25 das normas subsidiarias do planeamento deste concello referida a medidas de rexeneración, rehabilitación e renovación urbana.

Número de expediente: 16/0673 U.

Código: 2016002149.

Asunto: modificación singular número 25 das normas subsidiarias do planeamento do Concello de Nigrán referida a medidas de rexeneración, rehabilitación e renovación urbana.

Trámite: información pública.

1. O Pleno municipal, na sesión que tivo lugar o 27 de setembro de 2018, acordou aprobar inicialmente o documento denominado Modificación singular número 25 das normas subsidiarias do planeamento do Concello de Nigrán referida ás medidas de rexeneración, rehabilitación e renovación urbana, redactado polo arquitecto municipal.

En cumprimento do artigo 60.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e dos artigos 144.6 e 207 do seu regulamento (Decreto 143/2016), o expediente sométese a información pública polo prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da última publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia ou nun dos xornais de maior difusión na provincia, para que as persoas interesadas poidan consultalo e formular, de ser o caso, as alegacións que consideren oportunas.

O expediente administrativo da modificación singular pódese consultar presencialmente nas dependencias municipais, en horario laborable, de luns a venres, ou de xeito telemático a través da sede electrónica do Concello de Nigrán (sede.nigran.org, sección Normativa municipal, subsección Normas en tramitación).

2. Igualmente, para os efectos do establecido no artigo 47.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, faise público que no referido acordo plenario do 27 de setembro de 2018 se adoptou a seguinte decisión:

«Segundo. Acordar a suspensión dos procedementos de outorgamento de licenzas en todo o termo municipal de Nigrán, de conformidade co previsto nos arts. 47.2 e 83.5 da LSG e 86 do RSG.

Esta suspensión terá unha duración máxima de dous anos contados da presente aprobación e, en calquera caso, extinguirase coa aprobación definitiva da modificación singular.

A suspensión non afectará as seguintes actuacións:

a) As obras de mantemento, conservación e reforma, salvo no caso de obras de rehabilitación integral que sexan equiparables á reconstrución total do edificio non xustificadas en razóns de urxencia ou que supoñan un aumento do volume edificado.

b) As licenzas de primeira ocupación.

c) Os proxectos que cumpran simultaneamente as NNSS en vigor e a modificación singular aprobada inicialmente. Para tal efecto, os proxectos incorporarán na súa memoria unha xustificación específica do dito cumprimento simultáneo.

d) Os actos suxeitos ao trámite de comunicación previa, sempre e cando se trate de obras ou actos para a implantación de usos ou actividades autorizados na modificación singular».

Nigrán, 5 de outubro de 2018

Juan A. González Pérez
Alcalde