Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Xoves, 25 de outubro de 2018 Páx. 47112

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e rede de distribución para subministración á Cañiza (Pontevedra), promovido por Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2016/20-0).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Gas Galicia SDG, S.A. (actualmente, Nedgia Galicia, S.A.), con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Feitos.

Primeiro. O 14.3.2016, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal da Cañiza (expediente IN627A 2015/4-0), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 25.4.2012 e no Boletín Oficial da Provincia do 11.4.2016.

Segundo. O 7.7.2016 a sociedade Gas Galicia SDG, S.A. solicitou a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución correspondente á planta satélite de almacenamento e regasificación de GNL e rede de distribución para subministración á Cañiza (Pontevedra).

Posteriormente, o 19.5.2017 presentou, en substitución do proxecto inicial, un novo proxecto denominado modificación do proxecto de planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e rede de distribución para subministración á Cañiza (Pontevedra), co obxecto de proxectar a instalación da planta de GNL nunha nova parcela consensuada co Concello da Cañiza e ampliar a capacidade de almacenamento (pasando de 10 a 40 m3). Segundo consta neste novo proxecto:

– A planta de GNL instalarase na parcela de referencia catastral 36009A042000860000ZL, situada no lugar da Uceira-Oroso (A Cañiza).

– A planta de GNL disporá dun tanque de almacenamento horizontal de 40 m3 de capacidade, unidade de descarga de cisternas, módulos de regasificación, regulación, medida, odorización e sistemas auxiliares, con saída do gas natural a 3,5 bar de presión.

– A rede de distribución partirá da planta de GNL ata chegar aos puntos de consumo dentro do núcleo urbano da Cañiza, realizarase en tubaxe de polietileno tipo PE-100 e SDR 17,6/SDR 17 en varios diámetros (110, 90 e 63 mm), e acadará unha lonxitude total de 3.664 m.

Este proxecto someteuse, baixo o número de expediente IN627A 2016/20-0, aos procedementos de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución.

Terceiro. O 19.6.2017, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución denominado modificación do proxecto de planta satélite de almacenamento e regasificación de GNL e rede de distribución para subministración á Cañiza (Pontevedra), promovido por Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2016/20-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 23.10.2017, no Boletín Oficial da Provincia do 16.11.2017 e nos xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo do 6.10.2017, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello da Cañiza.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de execución non se presentaron alegacións.

Quinto. O 30.6.2017, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou as separatas técnicas do citado proxecto de execución (modificación do proxecto de planta satélite de almacenamento e regasificación de GNL e rede de distribución para subministración á Cañiza), para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades titulares de bens ou dereitos afectados por ela: Ministerio de Fomento, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Axencia Galega de Infraestruturas, Deputación Provincial de Pontevedra, Concello da Cañiza, Unión Fenosa Distribución, S.A., Telefónica de España e Vodafone-Ono.

As entidades que contestaron presentaron os seus respectivos escritos en que manifestaron a súa conformidade e/ou fixaron o seu condicionado técnico, dos cales se deu traslado a Nedgia Galicia, S.A., quen presentou a súa conformidade con eles.

As restantes entidades (Axencia Galega de Infraestruturas, Deputación Provincial de Pontevedra, Concello da Cañiza, Unión Fenosa Distribución, S.A. e Vodafone-Ono) non contestaron a petición de informe, nin a súa reiteración. En consecuencia, enténdese a súa conformidade, de acordo co disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural.

Sexto. O 1.3.2018, a sociedade Nedgia Galicia, S.A. presentou unha addenda ao citado proxecto, co obxecto de cumprir coa exixencia do Concello da Cañiza de situar a planta de GNL nunha nova posición dentro da parcela proxectada (referencia catastral 36009A042000860000ZL).

Sétimo. Os servizos técnicos da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiron, con data 27.2.2018, informe favorable sobre o citado proxecto de execución (modificación do proxecto de planta satélite de almacenamento e regasificación de GNL e rede de distribución para subministración á Cañiza) e, con data 2.5.2018, informe favorable sobre a súa addenda.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regulan o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 30.11.1999, sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; coa Lei 39/2015, do 1 de decembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e rede de distribución para subministración á Cañiza (Pontevedra), promovida por Nedgia Galicia, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da citada infraestrutura gasista.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura gasista que se autoriza realizarase de acordo coas especificacións e planos que figuran nos seguintes documentos técnicos que conforman o proxecto de execución, presentados pola empresa promotora, Nedgia Galicia, S.A.:

• Modificación do proxecto de planta satélite de almacenamento e regasificación de GNL e rede de distribución para subministración á Cañiza (Pontevedra), datado en maio de 2017, con referencia GDO415160400055105, asinado polo enxeñeiro industrial Ángel Casas Bachiller (colexiado nº 9.735 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid), no que figura un orzamento de 317.837,53 €.

• Addenda á modificación do proxecto de planta satélite de almacenamento e regasificación de GNL e rede de distribución para subministración á Cañiza (Pontevedra), datada en febreiro de 2018, con referencia GDO415160400054611 e asinada polo enxeñeiro industrial citado.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os regulen, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten no ámbito estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Cuarta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Quinta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura gasista e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora realizará os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sexta. A empresa promotora deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos da competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarias para realizar a citada infraestrutura gasista.

Oitava. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas