Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 22 de outubro de 2018 Páx. 46662

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 2 de agosto de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Mouriños, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas (A Coruña) e promovido por Renovables Aragón, S.L.U. (expediente IN661A 2011/10-1).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Renovables Aragón, S.L.U. en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Mouriños (en diante, o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico Mouriños, cunha potencia de 33 MW e promovido por Gestamp Eólica, S.L.

Segundo. O 28.6.2011, Gestamp Eólica, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a inclusión no réxime especial, a aprobación do proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública para o parque eólico Mouriños.

Terceiro. O 10.2.2016, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas tomou razón da subrogación nos dereitos e obrigas asumidos por Gestamp Eólica, S.L. con respecto á instalación do parque eólico Mouriños a favor da sociedade filial unipersoal Renovables Aragón, S.L.U., de acordo coa redacción vixente nese momento do artigo 36.1.e) da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Cuarto. O 24.5.2016, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas tomou razón do cambio de accionariado en Renovables Aragón, S.L.U. (en adiante, a promotora).

Quinto. O 3.10.2016, a promotora solicitou a renuncia parcial da potencia adxudicada recollida no antecedente de feito primeiro, conxuntamente coa autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a aprobación do proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública para o parque eólico, sendo a potencia final de 9,61 MW.

Sexto. Mediante a Resolución do 8 de maio de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, aceptouse a renuncia parcial de potencia do parque eólico Mouriños, quedando o parque eólico admitido a trámite por 9,61 MW.

Sétimo. Polo Acordo do 19 de xuño de 2017, da Xefatura Territorial da Coruña (en diante, a xefatura territorial), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do parque eólico Mouriños.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 4.7.2017, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 22.6.2017 e no xornal La Voz de Galicia do 29.6.2017. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Cabana de Bergantiños e Zas), da xefatura territorial, e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública, recollidas no anexo desta resolución:

– Poñen de manifesto unha ampla relación de valores naturais da zona incluídos na Rede Natura 2000 e na Rede galega de espazos protexidos, entre eles: ZEPVN Costa da Morte, ZEPVN Costa da Morte (norte), ZEC Costa da Morte e ZEPA Costa da Morte (norte). Expoñen que os aeroxeradores afectan algúns destes espazos.

– Que a potencia que se evacuará do parque eólico é de 9,61 MW, non de 10 MW.

– Solicitude de modificación do trazado dunha vía de acceso.

– Existencia do permiso de investigación Regalados, núm. 7099 de que é titular a comunidade de herdeiros de Eliseo Xullo Mato Abelenda.

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados, maioritariamente en relación coa titularidade dos predios afectados, coas referencias catastrais das parcelas, coas superficies afectadas, cos tipos de cultivos e coa clasificación do solo.

– Solicitudes de compensacións económicas polos bens e dereitos afectados.

– Solicitan que emita informe a Consellería do Medio Rural sobre os valores forestais e silvícolas da zona afectada e as súas repercusións; Turismo, en relación co impacto no turismo verde ou interior dos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas e a súa área de afección; Augas de Galicia, en relación coa captación de augas e de vertedura; Paisaxe, en relación cos impactos na paisaxe da área afectada; o Igape, sobre a viabilidade económico-financeira do proxecto eólico; e Natureza, en relación coa conectividade ecolóxica.

– Solicitan que se baralle a posibilidade da situación deste proxecto noutros concellos nos cales xa existen outros parques eólicos ou se opte por repotenciar outros existentes.

– Solicitan que emita informe a Administración sobre as medidas de seguridade e o risco de incendios forestais.

– Solicitan que se rexeite o proxecto pola súa incompatibilidade coa paisaxe, medio ambiente, turismo e montes.

– Solicitan que a empresa analice os impactos directos e indirectos sobre a poboación e as distancias ás poboacións máis próximas.

– Solicitan medidas para compensar os efectos adversos sobre o ambiente.

– Presentan queixas sobre a limitación de acceso ao expediente en fase de información publica ao non poder facelo por medio da web institucional.

– Solicitan a mellora dos estudos de risco de mortaldade de aves e quirópteros, así como do programa de vixilancia ambiental do parque eólico proxectado, e a determinación dos obxectivos de conservación da biodiversidade.

– Manifestan a prevalencia da protección ambiental, paisaxística e forestal sobre o interese público da garantía de subministración eléctrica na avaliación do impacto dos parques eólicos.

– Solicitan que se revise a normativa sectorial para evitar unha desmesurada ocupación do territorio polos eólicos en detrimento dos valores paisaxísticos, turísticos, ambientais e forestais.

– Alegan que non existe un interese público polo parque eólico, que o proxecto é prescindible, que non houbo intento de acordo cos afectados para evitar a expropiación, que o lugar elixido non é o apropiado, que se vulneran distintas directivas europeas de conservación de hábitats e aves, que provoca un impacto económico negativo para a economía dos veciños, efectos negativos sobre os campos electromagnéticos da liña de evacuación, sabotaxe do aforro enerxético, que continúa coas políticas de promoción enerxética fronte á xestión da demanda, ausencia de aceptación social do proxecto, cómpre buscar unha mellor alternativa co ambiente para este parque eólico.

– Solicitan que a empresa avalíe e cuantifique os efectos previsibles directos e indirectos acumulativos e sinérxicos do proxecto sobre a poboación, a saúde, a flora, a fauna, a biodiversidade, a xeodiversidade, o solo, o subsolo, o aire, a auga, o clima, a paisaxe, o patrimonio cultural, os bens inmateriais e a interacción entre todos os ditos factores durante todas as fases do parque eólico.

– Solicitan que se paralice o proceso de autorización mentres non se aprobe o catálogo de protección da paisaxe da Costa da Morte e as súas directrices, e que se rexeite a solicitude por non ser autosuficiente e non revestir un carácter global ao non ter en conta todos os aspectos e infraestruturas necesarios para a posta en funcionamento do parque eólico.

– Manifestan a ausencia do trámite de aceptación social do proxecto e que falta a análise das posibles afeccións á veciñanza afectada.

Oitavo. O 14.6.2017, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou as instalacións do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

Noveno. O 21.6.2017, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Cabana de Bergantiños, Retegal, Unión Fenosa Distribución, S.A., Retevisión, Concello de Zas, Deputación Provincial da Coruña e Augas de Galicia.

Décimo. O 12.7.2017, o Concello de Cabana de Bergantiños informou sobre o parque eólico. O 18.8.2017, a promotora deu resposta ao mencionado informe. O 14.9.2017, o Concello de Cabana de Bergantiños emitiu un novo informe. O 19.10.2017, a promotora manifestou a súa conformidade.

Décimo primeiro. O 14.7.2017, Retegal emitiu o correspondente condicionado. O 3.8.2017, a promotora manifestou a súa conformidade.

Décimo segundo. O 21.7.2017, Unión Fenosa Distribución, S.A. emitiu o correspondente condicionado. O 18.8.2017, a promotora deu resposta ao mencionado condicionado. O 26.10.2017, Unión Fenosa Distribución, S.A. emitiu un novo condicionado. O 29.11.2017, a promotora manifestou a súa conformidade.

Décimo terceiro. O 11.8.2017, Retevisión emitiu o correspondente condicionado. O 11.9.2017, a promotora manifestou a súa conformidade.

Décimo cuarto. O 19.9.2017, a xefatura territorial reiterou a solicitude da emisión do correspondente condicionado técnico ao Concello de Zas.

Décimo quinto. O 19.9.2017, a xefatura territorial reiterou a solicitude da emisión do correspondente condicionado técnico á Deputación Provincial da Coruña.

Décimo sexto. O 5.10.2017, Augas de Galicia emitiu o correspondente condicionado. O 10.11.2017, a promotora manifestou a súa conformidade.

Décimo sétimo. O 5.9.2017, o Sección de Minas da xefatura territorial informou sobre a existencia no perímetro do parque eólico do permiso de investigación Regalados, núm. 7099 (outorgado) e do permiso de investigación Grafo, núm. 6919 (caducado).

Décimo oitavo. O 13.11.2017, de acordo co establecido na disposición transitoria terceira da Lei 5/2017, do 19 de outubro, a promotora solicitou a tramitación do expediente de acordo co procedemento establecido pola dita lei.

Décimo noveno. O 26.10.2017, a promotora solicitou a declaración de interese especial para o parque eólico. O 21.12.2017, o Consello da Xunta de Galicia declarou o parque eólico como proxecto de interese especial.

Vixésimo. O 22.12.2017, a xefatura territorial emitiu o informe sobre o proxecto do parque eólico. Coa mesma data, remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento.

Vixésimo primeiro. O 25.1.2018, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que fai referencia o artigo 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro.

Vixésimo segundo. O 1.2.2018, a promotora achegou nova documentación para os efectos da valoración ambiental da modificación do modelo de aeroxerador. Esta modificación implica a eliminación do aeroxerador M1, e o aumento da potencia nominal dos outros tres ata os 3.450 kW, fronte aos 2.500 kW do modelo inicial. Posteriormente, o 16.2.2018, achegou o documento Addenda II ao proxecto de execución. Parque eólico Mouriños. Febreiro 2018, co fin de incorporar ao proxecto de execución as modificacións derivadas do cambio do modelo do aeroxerador.

Vixésimo terceiro. O 4.4.2018, a Sección de Minas da xefatura territorial informou sobre a existencia no perímetro do parque eólico modificado do permiso de investigación Regalados, núm. 7099 (outorgado) e do permiso de investigación Grafo, núm. 6919 (caducado).

Vixésimo cuarto. O 19.4.2018, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en relación coa modificación de modelo do aeroxerador proxectado, ratificou o contido do informe do 25.1.2018, entendendo que a citada modificación non ten incidencia no cumprimento das distancias reguladas no punto 3.1 do Plan sectorial eólico de Galicia.

Vixésimo quinto. O 23.4.2018, en aplicación do disposto no número 3 do artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas acordou a apertura do trámite de audiencia outorgándolles aos titulares do permiso de investigación Regalados, núm. 7099 (outorgado) un prazo de 15 días para que alegasen e presentasen os documentos e xustificacións que considerasen oportunos.

Vixésimo sexto. O 27.4.2018, a comunidade de herdeiros de Eliseo Xullo Mato Abelenda, titulares do permiso de investigación Regalados, núm. 7099, recibiron a notificación relativa ao trámite de audiencia e non presentaron ningunha alegación durante o citado prazo de 15 días.

Vixésimo sétimo. O 7.5.2018, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou as instalacións do parque eólico modificado, establecendo o correspondente condicionado.

Vixésimo oitavo. O 11.6.2018, Renovables Aragón, S.L.U. declarou que se considera que non se producirán afecciones diferentes ás xa consideradas por Augas de Galicia cando emitiu o condicionado a que se fai referencia no antecedente de feito décimo sexto desta resolución.

Vixésimo noveno. O 15.6.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas remitiu, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas modificadas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retevisión, Retegal, Deputación Provincial da Coruña e Unión Fenosa Distribución, S.A.

Trixésimo. O 19.6.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas remitiu, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas modificadas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos: Concello de Cabana de Bergantiños e Concello de Zas.

Trixésimo primeiro. O 28.6.2018, Retevisión emitiu o correspondente condicionado. O 23.7.2018, a promotora manifestou a súa conformidade.

Trixésimo segundo. O 29.6.2018, a comunidade de herdeiros de Eliseo Xullo Mato Abelenda, titular do permiso de investigación Regalados, núm. 7099, achegou unha alegación en relación coa afección do parque eólico ao dito dereito mineiro.

Trixésimo terceiro. O 4.7.2018, a xefatura territorial emitiu o informe sobre a compatibilidade do parque eólico cos dereitos mineiros afectados, de conformidade co número 4 do artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. Neste informe determínase que non existe incompatibilidade do parque eólico con ningún dereito mineiro vixente.

Trixésimo cuarto. O 10.7.2018, Retegal emitiu o correspondente condicionado. O 19.7.2018, a promotora manifestou a súa conformidade.

Trixésimo quinto. O 16.7.2018, a promotora deu resposta á alegación presentada pola comunidade de herdeiros de Eliseo Xullo Mato Abelenda o 29.6.2018.

Trixésimo sexto. O 17.7.2018, en vista da alegación presentada polos titulares do permiso de investigación Regalados nº 7099 o 27.4.2018 e da resposta da promotora do 16.7.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas solicitoulle á xefatura territorial a ratificación do informe sobre a compatibilidade ou incompatibilidade cos dereitos mineiros afectados emitido o 4.7.2018. O 30.7.2018, a xefatura territorial ratificou o informe do 4.7.2018, recollido no antecedente de feito trixésimo terceiro.

Trixésimo sétimo. O 17.7.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas reiterou as solicitudes dos correspondentes condicionados técnicos á Deputación Provincial da Coruña, a Unión Fenosa Distribución, S.A. e aos concellos de Zas e de Cabana de Bergantiños.

Trixésimo oitavo. O 19.7.2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante a Resolución do 24 de xullo de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Trixésimo noveno. O 19.7.2018 e o 26.7.2018, Unión Fenosa Distribución, S.A. emitiu os correspondentes condicionados técnicos. O 31.7.2018, a promotora comunicou a súa conformidade.

Cuadraxésimo. O 31.7.2018, o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética emitiu informe en relación coa Addenda II ao proxecto de execución. Parque eólico Mouriños. Febreiro 2018.

Cuadraxésimo primeiro. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha potencia de 9,61 MW, de acordo co informe do xestor da dita rede.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e no artigo 34.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, consonte a disposición transitoria terceira da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. En relación coa titularidade e coas características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas e corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento,...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

2. Co obxecto de aclarar as alegacións de carácter ambiental (valores naturais, paisaxísticos, turismo, augas,...) presentadas en relación cos procedementos realizados durante a tramitación do proxecto, así como os posibles efectos acumulativos ou sinérxicos, cabe indicar que este proxecto foi sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental que corresponde, resultado do cal a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático o 19.7.2018, formulou a declaración de impacto ambiental, con carácter previo á autorización do parque eólico, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que pode desenvolverse o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias. En concreto, tal e como se reflicte na citada declaración de impacto ambiental, o proxecto conta cos informes favorables do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia Turismo de Galicia, da Dirección Xeral do Patrimonio Natural, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e de Augas de Galicia.

3. No que respecta á alegación relativa á modificación do trazado da servidume afectada, considérase o número 3 do artigo 153 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. No dito número ponse de manifesto a necesidade de acreditar na solicitude de variación do trazado a conformidade previa dos novos propietarios pola dita variación, debidamente documentada, así como o compromiso formal de sufragar todos os gastos que ocasione a súa realización.

4. No que respecta á compatibilidade ou incompatibilidade e, de ser o caso, a prevalencia entre o parque eólico e os dereitos mineiros e/ou os aproveitamentos forestais afectados, esta determinarase na resolución correspondente ao procedemento de declaración de utilidade pública, de acordo co previsto no artigo 45.5 e 45.6 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

5. Con respecto á limitación de acceso a información á cidadanía, cumpriuse o trámite de información pública segundo a normativa sectorial correspondente, a Lei 8/2009, do 22 de decembro, e segundo a normativa ambiental, a Lei 21/2013, do 9 de decembro. No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar, e así se reflicte na declaración de impacto ambiental, que a normativa que rexe este procedemento incorpora as disposicións previstas no Convenio de Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa para o parque eólico Mouriños, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas (A Coruña) e promovido pola sociedade Renovables Aragón, S.L.U., para unha potencia de 9,61 MW.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución do parque eólico composto polos seguintes documentos, todos eles asinados polo enxeñeiro industrial Javier Regueira Miguéns, colexiado nº 2938 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG):

– Parque eólico Mouriños. Proxecto de execución. Setembro 2016.

– Parque eólico Mouriños. Anexo I ao proxecto de execución. Decembro 2017.

– Parque eólico Mouriños. Anexo II ao proxecto de execución. Decembro 2017.

– Addenda II ao proxecto de execución. Parque eólico Mouriños. Febreiro 2018.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Renovables de Aragón, S.L.U.

Domicilio: avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña.

Denominación: parque eólico Mouriños.

Potencia admitida a trámite: 9,61 MW.

Potencia a evacuar: 9,61 MW.

Concellos afectados: Cabana de Bergantiños e Zas (A Coruña).

Produción media anual neta estimada: 44.840 MWh/ano.

Orzamento de execución material: 8.356.196,20 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:

P.E. Mouriños

Vértices poligonal

Coordenadas UTM

(ETRS89, fuso 29)

X

Y

1

503.374,50

4.783.785,60

2

505.617,50

4.783.785,60

3

505.617,50

4.779.285,60

4

503.374,50

4.779.285,60

Localización dos aeroxeradores:

Coordenadas UTM (ETRS89, fuso 29)

Nº aeroxerador

X

Y

M2

504.908,00

4.782.781,00

M3

504.816,53

4.781.892,64

M4

504.408,024

4.780.843,83

Características técnicas das instalacións:

– 3 aeroxeradores V-Vestas 126 de 3,45 MW de potencia máxima unitaria con xerador asíncrono, montados sobre fuste tubular metálico, cunha altura ata a buxa de 87 m e un diámetro de rotor de 126 m.

– 3 centros de transformación de potencia unitaria 4.000 kVA, con relación de transformación de 0,65/20 kV, instalados no interior dos aeroxeradores coa súa correspondente aparamenta de seccionamento, manobra e protección.

– Rede eléctrica soterrada a 20 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e o centro de seccionamento e interconexión do parque eólico proxectado, composta por 3 circuítos con condutores tipo RHZ1 12/20 kV H16 (Al).

– Rede de terras deseñada como un sistema único para todo o parque eólico proxectado, que inclúe os aeroxeradores e o centro de seccionamento proxectados.

– Centro de seccionamento do parque eólico proxectado, onde se instalarán as correspondentes celas de media tensión, así como os seus elementos de protección, manobra e medida.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Renovables Aragón, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en 74.579 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De conformidade coa disposición transitoria cuarta, número 3, da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

5. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, que lle resulten de aplicación.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións a promotora deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia e, así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, xunto coa solicitude de autorización de explotación das instalacións a promotora deberá presentar ante a dita xefatura territorial o certificado do fabricante en que conste a limitación de potencia das máquinas, que garanta que a potencia instalada non supera en ningún momento a potencia autorizada por esta resolución.

7. Previamente ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral un estudo ambiental de sinerxías que inclúa as infraestruturas de evacuación, así como as posibles afeccións a infraestruturas próximas.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 19.7.2018 pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

9. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal de televisión directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Renovables Aragón, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolver a recepción do sinal ás anteriores condicións de calidade.

10. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderá dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

11. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

12. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

1. Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito sétimo:

José Martínez Fuentes, o 8.7.2017; Carmen Insua Muñiz, o 12.7.2017; Mª Fátima Ares Arias, o 19.7.2017; Unión Fenosa Distribución, S.A., o 19.7.2017; Sociedade Galega de Historia Natural, o 21.7.2017; Asociación Ambiental Cova Crea, o 26.7.2017; Asociación Amigos e Amigas dos Bosques «O Ouriol do Anllóns», o 26.7.2017; Asociación Autonómica Cultural e Ambiental Petón do Lobo, o 26.7.2017; Asociación Autonómica Cultural e Ambiental Petón do Lobo e Asociación Amigos e Amigas dos Bosques «O Ouriol do Anllóns», o 27.7.2017; Emilia Nicole Díaz Rodríguez, o 1.8.2017; Luis Alfonso Rieiro Noya, o 1.8.2017; Juan José Martínez Collazo, o 2.8.2017; María Josefa Santos Blanco, o 3.8.2017; Mª Ángela Castro Fernández, o 3.8.2017; Esperanza Pose Fariña, o 3.8.2017; Manuel Varela García, o 4.8.2017; Ramón Avelino López Verdini, o 4.8.2017; Asociación Ecologista y Pacifista Arco Iris, o 7.8.2017; Rosa María Varela Parga, o 7.8.2017; Javier Rivera Martínez, o 7.8.2017; Jesús Maroñas Cousillas, o 8.8.2017; Josefa Fuentes Gabín, o 8.8.2017; Iñaki Varela Pérez, o 9.8.2017; Asociación ecoloxista Verdegaia, o 9.8.2017; Olalla Villaronga Seoane, o 9.8.2017; Manuel Ramos Castro, o 10.8.2017; Pablo David Gómez Ramos, o 14.8.2017; Iván Mato Rama, o 14.8.2017; Jacinto Alejandro Rivera Fariña, o 14.8.2017; Cristina Rivera Martínez, o 14.8.2017; Asociación de defensa ambiental Salvemos Cabana, o 16.8.2017; Dolores Rivera Espandín, o 16.8.2017; Emilio Varela Lamela, o 16.8.2017; Partido Ecologista Equo Galicia, o 16.8.2017 e o 17.8.2017; Verónica Crecente Cabana, o 17.8.2017; Saleta Docampo Crecente, o 17.8.2017; Xoana Docampo Crecente, o 17.8.2017; Tamara Eiroa Canosa, o 17.8.2017; Bruno Figueiras Castro, o 17.8.2017; Lucía García Martínez, o 17.8.2017; Estefanía Martínez Varela, o 17.8.2017; Concepción Meitín Álvarez, o 17.8.2017; Amancio Nodar Juste, o 17.8.2017; María Paz Díaz, o 17.8.2017; Alejandro Rivera Bernárdez, o 17.8.2017; Martiño Rivera Dourado, o 17.8.2017; Purificación Rivera Pose, o 17.8.2017; Martín Senande Rivera, o 17.8.2017; Martín Senande Vázquez, o 17.8.2017; Divina María Souto, o 17.8.2017; Asociación Suma Justicia, o 17.8.2017; Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), o 17.8.2017; Adega LUGO, o 17.8.2017; Asociación Salvemos Catasós, o 17.8.2017; Asociación Víctimas de la Justicia Jurisdiccional, o 17.8.2017; José Mª Casal Gómez, o 17.8.2017; Roberto Trigo Real, o 17.8.2017; Perfecto Lema Suárez, o 18.8.2017; Comité de Defensa das Rías Altas, o 18.8.2017; Francisco Enrique Blanco Ameijenda, o 18.8.2017; Nery Zoe Cantero Prieto, o 18.8.2017; Nery Díaz Prieto, o 18.8.2017; Fernando García Fernández, o 18.8.2017; Juan Benito Martín Díaz, o 18.8.2017; Aixamar Martín Louro, o 18.8.2017; Adriana Ramos Mouzo, o 18.8.2017; Mª del Carmen Sarmiento Marqués, o 18.8.2017; José Antonio Fernández Rodríguez, o 21.8.2017; Antón García Fernández, o 21.8.2017; Ana Mª Rodríguez Freire, o 21.8.2017; David Cancela García, o 21.8.2017; Sergio Caamaño Maroñas, o 21.8.2017; Asociación Autonómica Cultural e Ambiental Petón do Lobo, Asociación Amigos e Amigas dos Bosques «O Ouriol do Anllóns» e Asociación Ambiental Cova Crea, o 22.8.2017; Asociación de Defensa Medioambiental Salvemos Monteferro, o 22.8.2017; Asociación A Terra Non Se Vende (ATNSV), o 22.8.2017; Mª Filomena Domínguez Velay, o 22.8.2017; Mª Teresa Dourado Martínez, o 22.8.2017; Carlos Fariña Romero, o 22.8.2017; Osvaldo Santos Lobelos, o 22.8.2017; Xan Carlos Sar Oliveira, o 22.8.2017; Luz Susana Seoane López, o 22.8.2017; Manuela Marina Valiña Domínguez, o 22.8.2017; Comunidade de Augas Fonte do Rechabo de Corcoesto, o 28.8.2017.