Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 22 de outubro de 2018 Páx. 46677

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción ao parque eólico Monciro, sito nos concellos de Castroverde e Pol (Lugo) e promovido pola sociedade Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. (expediente 118-EOL).

Examinado o expediente instruído por solicitude de Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U., (en adiante, a promotora) en relación coa autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción, do parque eólico Monciro (en adiante, o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 30 de abril de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se publica a relación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais, admitiuse a trámite o parque eólico, cunha potencia de 41 MW promovido por Total Fina (Eólica Galaico Asturiana, S.A.).

Segundo. O 26.7.2010, Eólica Galaico Asturiana, S.A. presenta a solicitude de autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, declaración de impacto ambiental, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e recoñecemento de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica das instalacións do parque eólico.

Terceiro. O 13.7.2011, a Secretaría Xeral de Calidade Ambiental emitiu informe de alcance onde indica que a promotora deberá someter o proxecto á declaración de impacto ambiental, notificando este a promotora o 19.7.2011.

Cuarto. O 1.3.2012, a promotora presenta o estudo de impacto ambiental ademais da documentación técnica actualizada, solicitando a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, declaración de impacto ambiental, a declaración de utilidade pública, en concreto, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e recoñecemento de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica das instalacións do parque eólico. Dentro da documentación presentada, a promotora comunica a fusión por absorción de Total Fina (Eólica Galaico Asturiana, S.A.) por parte de Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U.

Quinto. O 29.5.2012, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, tomou razón da operación de fusión por absorción entre Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. e Eólica Galaico Asturiana, S.A.

Sexto. O 16.12.2015, a promotora presentou unha modificación da solicitude do 1.3.2012 para a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, declaración de impacto ambiental, a declaración de utilidade pública, en concreto, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e recoñecemento de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica das instalacións do parque eólico. Entre a documentación achegada inclúese o documento Proxecto de execución modificado II do parque eólico Monciro. Novembro 2015.

Sétimo. O 23.2.2016, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria en Lugo (en diante, a xefatura territorial) informou desfavorablemente o documento mencionado no punto anterior, posto que as coordenadas correspondentes aos vértices da poligonal e aos aeroxeradores non coinciden coas recollidas na Resolución do 30 de abril de 2010, mencionada no antecedente de feito primeiro.

Oitavo. O 11.3.2016, a promotora presentou o documento parque eólico Monciro. Modificado II proxecto de execución. Anexo I: información complementaria. Marzo 2016. O obxecto deste anexo é corrixir as coordenadas dos vértices da poligonal, así como xustificar as modificacións introducidas nas posicións dos aeroxeradores con respecto ás recollidas na resolución mencionada no antecedente de feito primeiro.

Noveno. O 19.4.2016, a xefatura territorial informou desfavorablemente o documento mencionado no punto anterior, por entender que un anexo a un proxecto técnico non debe introducir cambios nel, como sucede neste caso cos vértices da poligonal, e que non se xustifican adecuadamente as modificacións das posicións dos aeroxeradores con respecto ás recollidas na reiterada Resolución do 30 de abril de 2010.

Décimo. O 12.5.2016, o Instituto Enerxético de Galicia informou que as modificacións propostas pola promotora cumpren cos requisitos técnicos mínimos exixidos na Orde do 20 de xaneiro de 2010, polo que de térense presentado estas novas posicións á dita convocatoria, o parque tería sido seleccionado igualmente.

Décimo primeiro. O 21.6.2016, a promotora presentou o documento Addenda nº 1: proxecto de execución modificado II do parque eólico Monciro. Xuño 2016. A finalidade deste documento é propoñer un trazado alternativo para algúns tramos dos viais do parque eólico, de xeito que se eviten afeccións a diversos bens de interese arqueolóxico.

Décimo segundo. O 14.10.2016, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, en vista da documentación técnica contida no expediente e do informe do Instituto Enerxético de Galicia do 12.5.2016 sobre as modificacións propostas pola promotora, informou que esta cumpre cos requisitos regulamentarios podendo continuar cos trámites previstos na Lei 8/2009, do 1 de decembro, para a autorización administrativa. Así mesmo, no dito informe estímase conveniente refundir nun único documento o proxecto, o anexo e a addenda achegados pola promotora ata ese momento, para os efectos dunha maior claridade durante o trámite de información pública e de solicitude de condicionados ás administracións, organismos e empresas de servizo público ou de servizo de interese xeral que poidan resultar afectadas,

Décimo terceiro. Por Resolución do 23 de decembro de 2016, da Xefatura Territorial de Lugo, someteuse a información pública para autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de utilidade pública, en concreto, e aprobación do seu estudo de impacto ambiental e do correspondente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, as instalacións relativas ao modificado II do parque eólico (expediente 118-EOL).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 13.2.2017, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 25.1.2017 e no xornal La Voz de Galicia do 20.1.2017. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios da Xefatura Territorial de Lugo e nos concellos afectados de Castroverde e Pol.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública:

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados (RBDA), maioritariamente en relación coa titularidade das parcelas, coas superficies afectadas, coa clasificación do solo, co tipo de aproveitamento, cos enderezos para os efectos de notificacións, etc.

– Solicítase a modificación do trazado do camiño cara o aeroxerador A14 para evitar a afección a un muro histórico, considerado como ben de interese cultural non catalogado. Existe cara o leste un camiño que permitiría dar servizo durante a construción e posterior mantemento das instalacións do parque eólico, sen afectar ao mencionado muro.

– Maniféstase a imposibilidade de continuar co aproveitamento forestal, único uso economicamente rendible, como consecuencia da futura cualificación dos terreos como de especial protección de infraestruturas, o que supón ademais unha diminución no valor das parcelas afectadas.

– Alégase que non se incluíu na RBDA a afección por protección eólica, tendo en conta que no proxecto sectorial defínese como superficie afectada a correspondente a un radio de 200 metros arredor de cada aeroxerador. Solicítase que estas superficies afectadas pola nova cualificación urbanística se inclúan na RBDA.

– Algunhas das persoas alegantes solicitan planos nos que se reflictan con exactitude as afeccións sobre as súas parcelas.

– Solicítase que os terreos correspondentes ás plataformas dos aeroxeradores non sexan expropiados en réxime de pleno dominio.

– Maniféstase a escasa distancia do aeroxerador A4 á estrada local que une Suegos con Cirio e Xerbolés, o que supón un risco para o paso de vehículos e de persoas.

– Oposición á declaración de utilidade pública.

– Solicitudes de traza sobre o terreo das superficies afectadas.

– Maniféstase que a declaración de utilidade pública deberá ser posterior á autorización administrativa do correspondente proxecto sectorial.

– Maniféstase o perigo que supoñen os aeroxeradores para a realización dos labores de aproveitamento por parte dos propietarios dos terreos por posible abatemento dos aeroxeradores, lanzamento de xeo, risco de electrocución, etc. Así mesmo, manifestan as afeccións ambientais tales como o impacto visual, contaminación acústica e electromagnética, contaminación dos acuíferos, afeccións sobre a fauna, mortaldade de aves e sobre o aproveitamento cinexético.

– A Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza-Lugo e Ricardo Gómez Polín e outros doce (12) máis achegaron alegacións separadas cun contido similar nas que manifestan o seguinte:

• Existencia de patrimonio hidrolóxico, vexetal, animal, etnolóxico, monumental e arqueolóxico na zona do parque eólico, e a necesidade da súa protección mediante o desprazamento das infraestruturas do parque eólico. En concreto en varias das alegacións ponse de manifesto o impacto que xerarían as instalacións do parque eólico sobre as zonas húmidas (lagoas) ou sobre os puntos de interese patrimonial e ambiental. Así mesmo, poñen de manifesto a necesidade dun maior rigor no estudo de impacto ambiental.

• Desconformidade coa cualificación da zona de protección eólica como de solo rústico de especial protección de infraestruturas, por ser moi superior á superficie de voo que figura na RBDA e por afectar a elementos do patrimonio cultural e natural.

• Solicitan que no caso de ter que afectar a plantacións autóctonas, estas se restitúan por conta da superficie destinada a especies foráneas de eucalipto ou piñeiro.

• Solicitan que se realice o oportuno traballo de campo e investigación arqueolóxica tendente a localizar e catalogar a totalidade dos restos arqueolóxicos detectados no alto da Serra de Monciro.

• Solicitan que se teña en conta na avaliación ambiental a proximidade á futura ampliación da Rede Natura.

• Solicitan a catalogación previa de todas as fontes naturais radicadas na Serra de Monciro e territorio afectado polas obras do parque eólico, protexendo esta riqueza hidrolóxica de toda interferencia urbanística e ambiental.

• En relación cos accesos e vías internas solicitan a realización previa do pertinente estudo arqueolóxico, a racionalización da distribución das vías de comunicación baseada no aproveitamento das existentes, evitar unha pendente superior ao 10 % en pistas novas así como un control rigoroso no seu deseño para evitar interferencias co curso continuo ou descontinuo das augas, que se teña en conta a reserva de pasos naturais que faciliten a comunicación segura da fauna silvestre e que as vías de comunicación se afasten o máximo posible da contorna da Lagoa Grande e máis da Pequena.

• Solicitan que o parque eólico se dote da última tecnoloxía co fin de evitar a morte de aves e morcegos, logo de estudo de detalle sobre as súas especies e as medidas correctoras máis apropiadas, e que o traballo de campo e análise da fauna se faga extensivo e co suficiente rigor ás distintas especies de anfibios.

• En relación coa rede de evacuación de electricidade, solicitan que se incorpore esta ao estudo de impacto ambiental e se efectúe o oportuno estudo de exposición, e que non se dea trámite ao dito estudo mentres non se resolvan estas carencias.

• Solicitan que se elimine o camiño forestal que estrangula a área de expansión da Lagoa Grande e que se afaste a pista forestal próxima á Lagoa Pequena ou do Medio, recuperando o dito espazo natural como parte intrínseca do propio humidal.

• Finalmente solicitan a relocalización dos aeroxeradores A9-A10-A11-A16 e A19 e da subestación proxectada e da zona de abastecemento, que se rexeite o estudo de impacto ambiental en tanto non se resolvan os aspectos substanciais manifestados e que se analicen e se teñan en consideración as restantes alegacións.

Décimo cuarto. O 13.11.2017, a promotora solicitou a declaración de interese especial para o parque eólico. O 21.12.2017, o Consello da Xunta de Galicia declarou o parque Monciro como proxecto de interese especial (DOG núm. 26, do 6 de febreiro de 2018).

Décimo quinto. O 3.1.2018, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe en relación co proxecto sectorial do parque eólico, de acordo co establecido no artigo 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Décimo sexto. O 4.4.2018, Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. presentou a Addenda nº 2 ao proxecto de execución (Modificado nº 2 proxecto de execución parque eólico de Monciro Addenda nº 2. Marzo 2018), na que se recolle o cambio do modelo de aeroxerador e unha redución no seu número (pasando de vinte aeroxeradores a doce). Así mesmo, a promotora achegou o modificado do proxecto sectorial.

Décimo sétimo. O 1.6.2018, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe en relación co proxecto sectorial mencionado no punto anterior.

Décimo oitavo. O 15.6.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas remitiu, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas modificadas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Cellnex, Retegal, REE, Deputación Provincial de Lugo, Instituto Geográfico Nacional e Telefónica Móviles España, S.A.U. e o 29.6.2018 aos concellos de Pol e de Castroverde.

Décimo noveno. O 29.6.2018, Retegal, S.A. emitiu condicionado no que informa da necesidade de compromiso por parte da promotora de adoptar as medidas necesarias para emendar as posibles obstrucións aos sinais de televisión TDT. O 18.7.2018, a promotora achegou a súa resposta na cal manifesta a súa conformidade.

Vixésimo. O 29.6.2018, Retevisión I, S.A. emitiu, en relación coas instalacións do parque eólico, o correspondente condicionado técnico, onde comunica que non desexa manter ningunha oposición ao proxecto e solicita que se lles comunique calquera modificación para avaliar as posibles afeccións. O 18.7.2018, a promotora achegou a súa resposta na cal manifesta a súa conformidade.

Vixésimo primeiro. O 3.7.2018, a Deputación Provincial de Lugo informou, a solicitude do condicionado técnico, da necesidade de resolución expresa por parte dese organismo para a execución do parque eólico.

Vixésimo segundo. O 5.7.2018, o Instituto Xeográfico Nacional emitiu informe de non afección á rede xeodésica nacional. O 18.7.2018, a promotora achegou a súa resposta na cal manifesta a súa conformidade.

Vixésimo terceiro. O 12.7.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas reiterou a solicitude do correspondente condicionado técnico á REE, Deputación Provincial de Lugo e Telefónica Móviles España, S.A.U., e o 19.7.2018 ao Concello de Pol.

Vixésimo cuarto. O 17.7.2018, o Concello de Castroverde informou favorablemente o proxecto. Con data 26.7.2018, a promotora manifesta a súa conformidade.

Vixésimo quinto. O 20.7.2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública por Resolución do 24 de xullo de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Vixésimo sexto. O 23.7.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas emitiu informe sobre o documento: Modificado nº 2 proxecto de execución parque eólico de Monciro Addenda nº 2. Marzo 2018.

Vixésimo sétimo. O 31.7.2018, a promotora presenta informe da Axencia Estatal de Seguridade Aérea onde se indica que con anterioridade e, previo ao inicio das obras de construción do parque eólico de Monciro, deberá contar co preceptivo acordo favorable da Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

Vixésimo oitavo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de transporte para unha potencia de 41,58 MW, segundo informe do xestor da dita rede.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria e no artigo 34.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, consonte a disposición transitoria terceira da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. Con respecto ás alegacións presentadas durante o período de información pública, visto o contido destas e a resposta da promotora, exponse o seguinte:

1. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental e afeccións ao patrimonio vexetal, animal e arqueolóxico, estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático o 20.7.2018, que se fixo pública por Resolución do 24 de xullo de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

2. Cómpre indicar que as alegacións relacionadas coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, así como coas compensacións económicas que poidan percibir os afectados pola eventual expropiación daqueles, serán tidas en conta na resolución do procedemento de declaración de utilidade pública do parque eólico, que non é obxecto desta resolución. Con todo, hai que indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas.

3. Con respecto ás alegacións relativas ao proxecto sectorial, cómpre indicar que estas serán remitidas ao órgano competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo para a súa consideración no informe que deberá emitirse segundo o disposto no artigo 13.3 do decreto 80/2000, do 23 de marzo.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Monciro, sito nos concellos de Castroverde e Pol (Lugo) e promovido pola sociedade Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U., cunha potencia de 39,6 MW.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución das instalacións do parque eólico Monciro, composto polos seguintes documentos:

– Refundido do proxecto de execución modificado II do parque eólico Monciro. Novembro 2016, asinado pola enxeñeira industrial Consolación Alonso Alonso, colexiada número 9746 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid, visado polo dito colexio o 21.11.2016 co número 201504451.

– Modificado nº 2 proxecto de execución parque eólico de Monciro Addenda nº 2. Marzo 2018, asinado pola enxeñeira industrial Consolación Alonso Alonso, colexiada número 9746 do Colegio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid, visado polo dito colexio o 2.4.2018 co número 201504451.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U.

Domicilio social: avda. de Arteixo, 171, 1º esda., 15001 A Coruña.

Denominación: parque eólico Monciro.

Potencia autorizada: 39,6 MW.

Concellos afectados: Castroverde e Pol (Lugo).

Coordenadas dos vértices da poligonal do parque eólico:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

VA

630.875

4.773.786

VB

633.888

4.774.907

VC

634.347

4.773.235

VD

633.685

4.771.209

VE

636.875

4.765.786

VF

631.875

4.765.786

VG

631.875

4.770.786

Coordenadas dos aeroxeradores:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

A01

633.827

4.774.116

A02

633.281

4.773.898

A03

632.909

4.773.908

A04

632.377

4.773.606

A05

632.657

4.771.151

A06

633.127

4.771.066

A07

633.509

4.770.896

A08

633.495

4.770.426

A09

633.790

4.770.131

A10

633.782

4.769.866

A11

634.093

4.768.955

A12

634.249

4.768.677

A posición das torres meteorolóxicas en coordenadas UTM é a seguinte:

Torre

meteorolóxica

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

633.582

4.769.233

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 12 aeroxeradores Gamesa G132 de 3.300 kW de potencia nominal unitaria de 114 m de fuste e 132 m de diámetro de rotor.

– 12 centros de transformación de 3.667 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,65/20 kV, Dyn11, instalados unitariamente no interior da torre de cada aeroxerador coa súa correspondente aparellaxe de manobra e protección.

– 1 torre meteorolóxica autoportante de 115 m de altura, equipada con anemómetros, cataventos, medidores de temperatura e de presión, e logger rexistrador.

– Liñas eléctricas soterradas de 20 kV de tensión nominal en canalización entubada, normalmente baixo vía ou ben en terreo libre, para a evacuación de enerxía xerada e interconectando os centros de transformación 0,65/20 kV e a subestación transformadora 132/20 kV.

– Subestación transformadora intemperie-interior, equipada con transformador de 55 MVA, relación de transformación 132/20 kV e conexión Dyn11, celas de media tensión 20 KV, transformador de servizos auxiliares de 160 kVA e relación 20/0,42-0,23 kV, aparellaxe de medida, protección, telemando e control.

– Obra civil consistente en camiños de acceso a aeroxeradores, torres meteorolóxicas, subestación, edificio de control, cimentacións e plataformas de aeroxeradores.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte ao disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en 297.000 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De conformidade coa disposición transitoria cuarta, apartado 3, da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no apartado 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

5. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia e, así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un planoAs Built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico, de acordo co artigo 132 do Real Decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

6. Previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral, para a súa remisión á Confederación Hidrográfica Miño-Sil e á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a documentación necesaria para dar cumprimento ao punto 3.3.2 da declaración de impacto ambiental. En todo caso, antes do inicio das obras, a promotora deberá contar coa autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, no cal atinxa ás súas respectivas competencias.

Así mesmo, a promotora deberá achegar a documentación establecida na epígrafe 3.10.2 da DIA para a súa remisión á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, debendo obter o informe favorable deste órgano ambiental con carácter previo ao inicio das obras.

7. Antes do inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral un estudo ambiental de sinerxías que inclúa as infraestruturas de evacuación, así como as posibles afeccións a infraestruturas próximas.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo, inspeccionará, a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 20.7.2018 pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

9. En caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, previa audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas. En particular queda condicionada á obtención do acordo favorable da Axencia Estatal de Seguridade Aérea, segundo o artigo 30 do Real decreto 584/1972 modificado polo Real decreto 297/2013.

13. Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas o preceptivo acordo favorable da Axencia Estatal de Seguridade Aérea con anterioridade e previo ao inicio das obras de construción do parque eólico Monciro.

14. Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas o preceptivo acordo favorable da Deputación Provincial de Lugo con anterioridade e previo ao inicio das obras de construción do parque eólico Monciro.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito décimo terceiro:

César Gasalla García, o 10.1.2017; Domingo Candal López, o 12.1.2017; Manuel Antonio Freire Tellado e Eulogio Freire Tellado, o 16.1.2017; José Luis Castedo Carballes, o 24.1.2017; Miguel Ángel Pérez Dubois, en calidade de director xeral da Agader, o 23.1.2017; María Luisa Pérez Vázquez e Ana María Pérez Vázquez, o 3.2.2017; Manuel Otero Rodríguez, en representación dos herdeiros de Hortensio Otero Arias, o 3.2.2017; Ricardo Pérez Gandoy, Manuel Pérez Pérez e Arcadio Pérez Vázquez, o 3.2.2017; Baltasara Teijeiro López, o 13.2.2017; Daniel Labrada Otero, o 13.2.2017; José Ramón Labrada Díaz, o 14.2.2017; José Freire Torres, o 14.2.2017; Pablo Castedo Lence, o 15.2.2017 e o 25.4.2017; Manuel Pérez Puente, o 15.2.2017; José María Díaz Varela, o 15.2.2017; Manuela López Díaz, o 16.2.2017; José Gandoy González, o 17.2.2017; María Luisa Pérez Vázquez, Ana María Pérez Vázquez e Arcadio Pérez Vázquez, o 18.2.2017 (dúas alegacións); Ricardo Gómez Polín e 12 máis, o 21.2.2017; Ricardo Pérez Gandoy, o 23.2.2017; Manuel Labrada López, o 23.2.2017; Manuel Muñiz Besteiro, en representación da Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, o 16.2.2017; Montserrat Lombardía Fernández, en representación da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), o 17.2.2017; Nieves Fernández Veiga, o 27.2.2017; Beatriz Corbo Tellado, o 7.3.2017; Iria García López, o 8.3.2017; María José Santiso Campos e Teresa Santiso Campos, o 15.3.2017; José Antonio Marey Neira, o 22.3.2017 (9 alegacións); Normandía González López, en representación de José Gandoy González, o 21.4.2017; José María Díaz Varela, o 29.4.2017; Arcadio Pérez Vázquez, o 2.5.2017.