Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Xoves, 4 de outubro de 2018 Páx. 44812

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 28 de setembro de 2018 pola que se modifica a Orde do 12 de setembro de 2018, pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas, xestionado por esta consellería.

BDNS (Identif.): 416153.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social e a Cruz Vermella Española, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico. A/as entidade/s solicitante/s deberá/n estar inscrita/s no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), no Rexistro de Entidades Xuvenís ou ben no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración. Este requisito entenderase cumprido coa presentación da solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes establecido no artigo 7.3. En todo caso, a entidade deberá estar debidamente inscrita ao tempo de pagamento da subvención.

b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos acreditarase que non reparten beneficios, que en caso de liquidación ou disolución desta, o seu patrimonio destinarase a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

c) Ter o seu domicilio social ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas devanditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Ter entre os seus fins institucionais recollidos nos seus estatutos a realización das actividades consideradas subvencionables de acordo co establecido no artigo 5.

f) As entidades que formen parte dunha federación ou persoa xurídica similar de ámbito autonómico deberán solicitar as axudas a través destas.

g) Desenvolver as súas actividades de maneira efectiva, contando con medios persoais e materiais necesarios, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data na que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado. Dentro dos límites da lexislación autonómica tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica nos seguintes termos:

a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no parágrafo anterior.

b) Deberán indicar os compromisos asumidos por cada un dos seus membros e o importe da subvención para aplicar a cada un deles.

c) Deberán nomear unha persoa en representación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.

d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. No caso de que algunha das entidades solicitantes sexa unha federación, confederación ou persoa xurídica similar que integre no seu seo a varias entidades, poderá propoñer de entre estas unha ou varias entidades para executar os programas, as cales actuarán en nome e por conta da entidade solicitante.

4. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

Segundo. Obxecto

Modificación da Orde do 12 de setembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas, xestionado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Engádese un punto 6º na letra c) da epígrafe 1, do artigo 6, da Orde do 12 de setembro de 2018, pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas, xestionado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, como se indica:

«6º. Outros gastos correntes directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa».

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 12 de setembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas, xestionado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Orde do 28 de setembro de 2018 pola que se modifica a Orde do 12 de setembro de 2018, pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas, xestionado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Cuarto. Contía

Para o financiamento desta convocatoria destínase, con cargo á anualidade 2018, crédito por importe total de dez millóns cincocentos setenta e nove mil cento cincuenta euros (10.579.150 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Amplíase o prazo para a presentación das solicitudes computando o prazo dun mes a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2018

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social