Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Xoves, 30 de agosto de 2018 Páx. 39622

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 14 de xuño de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan a Ferroatlántica, S.A.U. as autorizacións administrativas previa e de construción e se recoñece, en concreto, a utilidade pública da instalación eléctrica cuxo proxecto leva por título LAT DC 220 kV Dumbría-Regoelle, no concello de Dumbría, na provincia da Coruña (expediente IN407A 2014/196-1).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento de Ferroatlántica, S.A.U. (en diante, Ferroatlántica), con enderezo para os efectos de notificación en estrada ao Mirador, s/n, Ézaro, 15297 Dumbría (A Coruña), resultan os seguintes

Feitos.

Primeiro. O 7.11.2014 Ferroatlántica presentou a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LAT DC 220 kV Dumbría-Regoelle, acompañada do proxecto de execución, das separatas técnicas para os organismos afectados e da relación de bens e dereitos afectados (RBDA).

Segundo consta no proxecto de execución, a instalación eléctrica proxectada queda comprendida no termo municipal de Dumbría (A Coruña) e consistirá nunha liña eléctrica aérea a 220 kV en dobre circuíto, de 5.664 m, con orixe na subestación de Dumbría e final na subestación de Regoelle, en condutor LA-455/Hexagonal, que implicará:

• A modificación do tramo entre a subestación de Dumbría e o apoio 161 da liña existente Mesón-Dumbría, transformando a súa actual configuración simple circuíto (en triángulo) a dobre circuíto (hexagonal).

• A instalación dun novo apoio 161 bis que enlazará o tramo anteriormente mencionado coa construción dun tramo de liña novo a 220 kV dobre circuíto coa subestación de Regoelle.

A liña eléctrica proxectada permitirá a conexión da subestación de Regoelle, propiedade de Rede Eléctrica de España, S.A.U. (en diante, REE), coas instalacións actuais e futuras de Ferroatlántica, no ámbito da Costa da Morte, tanto de produción de enerxía eléctrica como de consumo. A este respecto hai que indicar o seguinte:

• A actual liña eléctrica aérea a 220 kV Mesón-Dumbría, propiedade de REE e integrante da rede de transporte, verase substituída por outras dúas liñas eléctricas, que conectarán ambas as subestacións (Mesón e Dumbría) coa nova subestación de Regoelle: unha liña eléctrica Mesón-Regoelle integrante da rede de transporte (propiedade de REE) e outra liña eléctrica Dumbría-Regolle non integrante da rede de transporte (propiedade de Ferroatlántica). Estas dúas novas liñas eléctricas aparecen contempladas no documento Planificación Enerxética. Plan de desenvolvemento da rede de transporte de enerxía eléctrica 2015-2020, aprobado polo Consello de Ministros do 16.10.2015.

• A conexión física entre a subestación de Dumbría (propiedade de Ferroatlántica) e a subestación de Regoelle realizarase mediante a liña eléctrica proxectada, que aproveitará parte da liña Mesón-Dumbría, concretamente ata o punto intermedio entre os apoios 161 e 162, onde se instalará un novo apoio 161 bis.

• A conexión das instalacións de produción e de consumo de Ferroatlántica, que actualmente está localizada na subestación de Dumbría, na súa posición de saída da liña eléctrica Mesón-Dumbría, pasará a estar localizada na subestación de Regoelle, a través de dúas posicións de entrada para os dous circuítos da liña proxectada Dumbría-Regoelle (unha para as instalacións de produción e outra para as de consumo).

Segundo. O 28.9.2015 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, emitiu informe do que se desprende que o proxecto de referencia (LAT DC 220 kV Dumbría-Regoelle), non se atopa entre os supostos previstos nos anexos a que se refire o artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, aos que se debería exixir a presentación dun estudo de impacto ambiental.

Terceiro. O 12.11.2015 a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LAT 220 DC Dumbría-Regoelle no concello de Dumbría (expediente IN407A 2014/196-1).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 30.11.2015, no Boletín Oficial da provincia do 30.11.2015 e no xornal La Voz de Galicia do 16.11.2015; e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do concello de Dumbría durante o preceptivo prazo de 20 días.

Así mesmo, a xefatura territorial practicou notificación individual aos propietarios dos predios afectados pola devandita instalación eléctrica, que aparecen na RBDA incorporada como anexo á citada resolución pola que se realizou o trámite de información pública.

Cuarto. Durante o período en que o proxecto de execución da devandita instalación eléctrica se someteu ao trámite de información pública, presentáronse os seguintes escritos de alegacións (dos que se deu traslado a Ferroatlántica, quen presentou a súa contestación aos mesmos):

Resumo das alegacións

1

Jesús Díaz Martínez, mediante escrito recibido o 3.12.2015, solicita o cambio do propietario indicado na información achegada por Ferroatlántica das parcelas con números 15 e 16, alegando en síntese o seguinte: que estas dúas parcelas son da súa propiedade, non de María Manuela Martínez Castiñeira.

2

María Costa Martínez, mediante escritos recibidos o 14.12.2015, solicita o cambio do propietario indicado na información achegada por Ferroatlántica das parcelas con números 46 e 76, alegando en síntese o seguinte: que estas dúas parcelas son da súa propiedade, non de Dorinda Martínez Castro.

3

Carmen Fernández Sieira, Dorinda Costa Fernández e María Elena Costa Fernández, mediante escrito recibido o 23.12.2015, solicitan o cambio do propietario indicado na información achegada por Ferroatlántica das parcelas con números parcelarios 4, 5 e 21, alegando, en síntese, o seguinte: que estas tres parcelas son da súa propiedade, non de David Costa Martínez; ante a insuficiente información achegada sobre a afección concreta nos seus predios, e a situación de explotación non rendible economicamente que quedaría tras a expropiación parcial que aparentemente se pretende facer, solicitan que Ferroatlántica contacte con eles para obter información exacta da afectación prevista.

4

Esperanza Regueira Burreiros e María Dolores Lema Cerbán, mediante escrito recibido o 22.12.2015, solicitan que con respecto ás parcelas con números 184 e 185, respectivamente, se modifique o seu destino a uso forestal e a demarcación no terreo da superficie afectada, así como as árbores afectadas, alegando en síntese o seguinte: que estas dúas parcelas están destinadas, na data do escrito, a un uso forestal, tal e como certifica o informe pericial achegando.

5

María Capelo Capelo, mediante escrito recibido o 14.1.2016, solicita que se modifique a cualificación do predio con número parcelario 134, debendo figurar como monte plantado e se modifiquen, en consecuencia, as superficies afectadas, alegando, en síntese, o seguinte: que esta parcela non ten un cultivo de pasto senón que se trata, en realidade, dun predio de monte plantado, con piñeiros en fileiras de 10 anos de antigüidade.

Quinto. A xefatura territorial trasladou as separatas técnicas do proxecto de execución da devandita instalación eléctrica, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades con bens ou dereitos afectados: Concello de Dumbría, Red Eléctrica de España, S.A.U., Unión Fenosa Distribución, S.A., Telefónica de España, Servizo de Montes da Coruña, Augas de Galicia, Instituto de Estudos do Territorio e Desarrollos Eólicos Dumbría.

As entidades que contestaron, presentaron os seus respectivos escritos manifestando a súa conformidade e/ou fixando o seu condicionado técnico, dos que se deu traslado a Ferroatlántica, quen presentou a súa conformidade a estes.

A respecto das entidades que non contestaron (Concello de Dumbría e Desarrollos Eólicos Dumbría), sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade coa autorización da instalación eléctrica proxectada, de acordo co disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Sexto. O 20.6.2016 a xefatura territorial solicitou informe á Subdirección Xeral de Ordenación do Territorio, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, para que indicase a incidencia da liña proxectada nos proxectos sectoriais aprobados dos parques eólicos Valsagueiro e Ponte Rebordelo.

O 18.7.2016 recibiuse o informe solicitado, no que se di que a clasificación do solo dos parques é solo rústico de especial protección de infraestruturas. A afección da liña proxectada en cada parque eólico é a seguinte:

• PE Valsagueiro: non se dá a afección.

• PE Ponte Rebordelo: a liña proxectada incide no ámbito do parque. Neste caso, e segundo o artigo 36.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, precísase informe favorable ou autorización do órgano sectorial competente en materia de instalacións de transporte de enerxía (artigo 35.m) da mesma lei).

Sétimo. O 4.10.2016 os servizos técnicos da xefatura territorial informaron favorablemente a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, e a remisión do expediente á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para que se prosiga coa súa tramitación.

A respecto doutros trámites non reflectidos nos feitos anteriores, no devandito informe da xefatura territorial faise constar o seguinte:

• En canto ao proxecto de execución, asinado por Amparo Sánchez Martínez (enxeñeira industrial, colexiada nº 1.956 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia), consta no expediente declaración responsable na que se acredita o cumprimento de toda a normativa que lle é de aplicación ás instalacións recollidas no proxecto, segundo o establecido no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• No expediente consta o informe favorable do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo para os efectos previstos no artigo 35 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 114 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

• Realizada a visita de campo para examinar a localización das instalacións, non se apreciou ningunha das limitacións á constitución de servidume, indicadas no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, nos predios afectados pola expropiación.

Oitavo. O 4.10.2016 a xefatura territorial ditou proposta de resolución para a concesión da autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, da LAT DC 220 kV Dumbría-Regoelle (expediente IN407A 2014/196-1).

Noveno. O 8.11.2016 Ferroatlántica presentou ante a xefatura territorial un conflito de conexión fronte a REE, en relación coa central hidráulica de Ponte Olveira II, por non estar de acordo cos informes de verificación e cumprimento de condicións técnicas de conexión emitidos por REE con data do 28.7.2016, porque condicionan a conexión da dita central á actualización do acceso e conexión de todas as instalacións de xeración e consumo titularidade de Ferroatlántica.

O 10.2.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle a Ferroatlántica que se procederá a continuar coa tramitación do expediente correspondente á LAT DC 220 kV Dumbría-Regoelle no momento en que se resolva o citado conflito, por entender que non se cumpren as condicións necesarias para a autorización desta instalación, establecidas no artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico: «(...) A autorización administrativa de instalacións de xeración non poderá ser outorgada se o titular non obtivo previamente os permisos de acceso e conexión ás redes de transporte ou distribución correspondentes».

O 3.7.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle a Ferroatlántica que se procederá a continuar coa tramitación do expediente de referencia (IN407A 2014/196-1) no momento en que se resolva o citado conflito e quede acreditado que dispoñen de permiso de acceso e conexión na subestación de Regoelle.

O 7.6.2018 Ferroatlántica presentou un escrito no que:

• Informa que solicitou a REE a actualización do dereito de acceso e conexión das súas instalacións de xeración e consumo, e que o 14.3.2018 REE emitiu comunicación de actualización de acceso, na que remitiu os novos informes de verificación e cumprimento das condicións técnicas da conexión, de todas as centrais de xeración (actuais e futuras) e do conxunto fabril de consumo de Ferroatlántica.

• Achega os dous contratos técnicos de acceso, para as centrais de xeración e para o conxunto fabril de consumo, dos que se derivan os seus dereitos de acceso e conexión na subestación de Regoelle.

• Solicita a terminación do conflito de conexión por perda sobrevida do seu obxecto, desistindo das pretensións sostidas neste.

O 11.6.2018 a xefatura territorial ditou resolución pola que se aceptou de plano a desistencia presentada por Ferroatlántica.

Consideracións legais e técnicas.

Primeira. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de Autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común; e coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. Á vista das alegacións presentadas, da contestación as mesmas por parte de Ferroatlántica e ao resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

• A respecto das alegacións relativas aos cambios de titularidade sobre os predios afectados que figuran na Relación de Bens e Dereitos Afectados (RBDA), indicar que a empresa beneficiaria tomou razón delas, non obstante será durante o levantamento de actas previas á ocupación (dentro do procedemento expropiatorio), acto ao que serán oportunamente convocados os afectados, o momento no que se poderá demostrar a titularidade dos predios achegando a documentación acreditativa precisa.

• A respecto das alegacións relativas a erros ou concrecións das afeccións, indicar que a empresa beneficiaria tomou razón delas, non obstante, se é o caso, serán apreciadas no momento procedemental oportuno, isto é, no acto de levantamento das actas previas á ocupación. Neste trámite, para o que serán previamente convocados os afectados, describiranse os bens e dereitos afectados e incorporaranse as súas manifestacións e datos útiles para a correcta determinación das afeccións.

• A respecto das alegacións relativas á valoración económica das afeccións, indicar que non se tomou en consideración por non ser obxecto deste procedemento, senón do procedemento expropiatorio, na súa fase de determinación do prezo xusto. A valoración económica das afeccións substanciarase nesta fase, para o que se tramitarán as correspondentes pezas separadas do prezo xusto, na que se determinará a indemnización que corresponda e na que o afectado poderá presentar a súa folla de aprezo na que concretará o valor que considera lle corresponde polos prexuízos que se lle ocasionen, co fin de que o Xurado de Expropiación de Galicia poida valorar o prezo xusto en cada caso.

Terceira. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución do 19.2.2014 da Consellería de Economía e Industria pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

1. Outorgar a Ferroatlántica, S.A.U. a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica cuxo proxecto leva por título LAT DC 220 kV Dumbría-Regoelle, no concello de Dumbría (A Coruña).

2. Recoñecer, en concreto, a utilidade pública da citada instalación eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución titulado LAT DC 220 kV Dumbría-Regoelle, asinado pola enxeñeira industrial Amparo Sánchez Martínez (colexiada nº 1.956 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia); e no que figura un orzamento de 1.145.511,66 €.

Segunda. Ferroatlántica asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que, en todo momento, se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Terceira. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que diten en aplicación da citada facultade.

Cuarta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, Ferroatlántica deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que consideren oportunas.

Quinta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta instalación eléctrica e adscritos ás distintas Administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, Ferroatlántica procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas