Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Luns, 20 de agosto de 2018 Páx. 38680

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2018, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se concede a Nedgia Galicia, S.A. a autorización administrativa e a aprobación do proxecto da rede de distribución para subministración de gas natural en MOP 150 mbar á urbanización El Polvorín, na cidade de Ourense (expediente IN627A 2017/01-3).

Vista a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto presentada o 31 de marzo de 2017 pola sociedade Gas Galicia SDG, S.A., con domicilio para os efectos de notificacións en Área Central, rúa Lisboa, s/n, local 31-HIJ, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, esta xefatura territorial ten en conta os seguintes:

Feitos.

1. Antecedentes.

– Orde do 3 de maio de 1995, da Consellería de Industria e Comercio que outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a concesión administrativa para a prestación do servizo público da subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais no termo municipal de Ourense, concesión que derivou en autorización, conforme establecía a disposición transitoria décimo quinta da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos.

– O 30 de enero de 2018 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. comunicoulle á Dirección Xeral de Enerxía e Minas que pasou a denominarse Nedgia Galicia, S.A., mantendo o mesmo domicilio fiscal e o mesmo CIF.

2. Situación e características.

A solicitude vén acompañada do preceptivo proxecto que comprende as instalacións necesarias para a execución da rede de distribución de gas natural ao barrio de El Polvorín, dentro do concello de Ourense, proxecto que foi redactado polo enxeñeiro industrial David Núñez Fernández, colexiado número 1534 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (COEIG), que presenta declaración responsable de habilitación e competencia asinada na Coruña o 1 de marzo de 2017. As súas características técnicas son as seguintes:

Características das instalacións: conexión coa rede de gas natural existente na rúa As Laxas-Ourense, mediante a instalación de tubaxe de PE100, SDR 17,6/17 de 90 e 63 mm de diámetro, para a execución dunha rede de distribución, en MOP 150 mbar de 476 m de lonxitude, para subministración á urbanización El Polvorín, dentro do mesmo concello.

Orzamento: 2.543,14 €.

3. Xustificación.

O proxecto de construción da instalación de referencia, sobre o cal emitiron informe favorable os servizos técnicos desta xefatura territorial, xustifícase polo incremento da demanda de gas natural en Ourense, concello onde ten a concesión de subministración Gas Galicia SDG, S.A., actualmente Nedgia Galicia, S.A.

4. Tramitación.

Dentro do trámite de condicionados foron trasladas separatas técnicas do proxecto aos seguintes organismos/empresas: Concello de Ourense, Viaqua, S.A., Unión Fenosa Distribución, S.A., Telefónica de España, S.A., Conferación Hidrográfica do Miño-Sil, e R Cable y Telecomunicaciones Galicia, S.A., pola súa condición de entidades titulares de bens e dereitos afectados pola mencionada instalación e para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

As entidades que contestaron presentaron os seus respectivos escritos manifestando a súa conformidade ao fixaren o seu condicionamento técnico, do cal se deu traslado á empresa promotora da instalación proxectada, quen presentou a súa conformidade.

O Concello de Ourense non contestou a petición de informe nin a súa reiteración, e, en consecuencia, entendeuse a súa conformidade, de acordo co disposto no artigo 80 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; todo isto sen prexuízo da autorización que, se for o caso, lle corresponda outorgar.

O 5 de abril de 2017 esta xefatura territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública o proxecto, a cal foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 17 de novembro, e no Boletín Oficial da provincia de Ourense do 2 de novembro. Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de autorización administrativa non se presentaron alegacións.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Esta xefatura territorial é competente para resolver a solicitude presentada, con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma Galega en materia de Industria, Enerxía e Minas; no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999, sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites regulamentarios, e o proxecto é conforme coa normativa de aplicación na materia e, en especial, co regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11, aprobado polo Real decreto 919/2006, do 28 de xullo.

Terceiro. Consta que non se ven afectados bens de propiedade privada.

Xa que logo, vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación,

RESOLVO:

Primeira. Conceder á empresa Nedgia Galicia, S.A. a autorización administrativa e a aprobación do proxecto da rede de distribución para subministración de gas natural en MOP 150 mbar á urbanización O Polvorín, na cidade de Ourense, conforme o definido no proxecto presentado.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten no ámbito estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no campo do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta xefatura territorial.

Cuarta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Una vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante esta xefatura territorial, quen deberá expedila despois de realizadas as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Quinta. No tocante aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura gasista e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora realizará os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sexta. A empresa promotora deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice o acta de posta en marcha.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para realizar as obras das instalacións autorizadas.

Oitava. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condiciones estipuladas, pola entrega de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.

Ourense, 20 de febreiro de 2018

Santiago Álvarez González
Xefe territorial de Ourense