Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Luns, 20 de agosto de 2018 Páx. 38376

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

INSTRUCIÓN 6/2018, do 3 de agosto, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sobre acceso á información pública en materia de minas.

Exposición de motivos.

A Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, sinala no seu preámbulo que «a transparencia, o acceso á información pública e as normas de bo goberno deben ser os eixes fundamentais de toda acción política».

Pola súa banda, a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, parte da importancia do control dos cidadáns e das cidadás sobre a actividade pública nunha democracia para que esta poida ser entendida non só como mecanismo de elección de gobernos mediante sufraxio, senón como un sistema de imperio da lei coas debidas garantías das liberdades e dos dereitos individuais.

A minaría é un ámbito particularmente sensible ás demandas de transparencia dos cidadáns e das cidadás, dadas as repercusións económicas, sociais e ambientais que esta actividade pode chegar a xerar. Constitúe, así mesmo, unha materia de xestión administrativa e técnica complexa, na cal diversidade de procedementos e actuacións se levan a cabo simultánea ou sucesivamente respecto dun mesmo dereito que estende a súa vixencia ao longo de amplos períodos de tempo.

Por outra banda, o réxime xurídico aplicable ao acceso á información non é unívoco senón que, en función dos concretos contidos materiais da información así como do momento procedemental e da posición xurídica da persoa solicitante, a normativa que se vai aplicar será diversa e o procedemento de acceso presentará especialidades, o cal engade complexidade á xestión administrativa.

Neste contexto, a demanda masiva e moitas veces indeterminada de información que afecta múltiples expedientes relativos a un mesmo dereito e incluso simultaneamente múltiples dereitos mineiros e implica un inxente volume de documentación para tratar, boa parte dela de carácter histórico e non dixitalizada, exixe a sistematización e clarificación do procedemento de acceso á información pública, non só para propiciar unha tramitación homoxénea e coordinada polos distintos órganos territoriais competentes, senón fundamentalmente para dotar a actuación administrativa de eficacia, celeridade e seguridade xurídica, en definitiva, para garantir a operatividade e capacidade de resposta da Administración, evitando colapsos na unidade administrativa afectada e, en consecuencia, para asegurar, como obxectivo último a plena efectividade do dereito de acceso á información dos cidadáns.

Tendo en conta o exposto, de conformidade co Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, o director xeral de Enerxía e Minas, órgano que ten atribuídas as competencias e funcións no ámbito da minaría e dos recursos minerais na Comunidade Autónoma de Galicia, logo de informe facultativo da Asesoría Xurídica, dita a seguinte

INSTRUCIÓN:

Sección 1ª. Acceso á Información ao abeiro da normativa xeral de transparencia

Subsección 1ª.1. Cuestións previas

Primeiro. Réxime xurídico

As instrucións que seguen (incluídas nesta sección primeira) son aplicables ás solicitudes presentadas ou que deban ser resoltas ao abeiro da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Segundo. Aspectos conceptuais

O dereito de acceso implica o de obter copias dos documentos cuxo exame sexa autorizado pola Administración, sen prexuízo do pagamento previo das exaccións legalmente establecidas.

Subsección 1ª.2. Solicitude

Terceiro. Remisión ao órgano competente

Cando o órgano que reciba a solicitude non posúa a información requirida remitiralla ao órgano que a posúa e dará conta da remisión ao solicitante, enviándolle unha comunicación informativa ao respecto na cal identificará o órgano a que se lle remite a solicitude e indicará a data en que se remitiu. A dita remisión realizarase de inmediato.

No caso de descoñecerse o órgano competente para tramitar a solicitude, é dicir, o órgano que posúe a información solicitada, ditarase resolución de inadmisión a trámite da solicitude.

Cuarto. Motivación

En ningún caso se lle poderá requirir á persoa ou entidade solicitante que motive a súa solicitude. Non obstante, se aquela explicita a motivación da súa solicitude, poderá ser tida en conta co fin de subministrar a información máis adecuada á finalidade da solicitude, así como para ponderar os diferentes dereitos e intereses que se vexan afectados.

Quinto. Inadmisión da solicitude

Procederá a inadmisión da solicitude nos supostos establecidos no artigo 18 da Lei 19/2013, do 9 de decembro. Nestes casos ditarase resolución de inadmisión no momento inicial de análise da solicitude, dado que a resolución implica a inadmisión da solicitude a trámite, é dicir, trátase dunha inadmisión a limine.

De acordo co indicado artigo, procede a inadmisión nos seguintes supostos:

A) Información que estea en curso de elaboración.

Non se considera información en curso de elaboración un procedemento administrativo en tramitación. Este rexerase en primeiro termo, no tocante ao acceso á información nel contida, polas normas reguladoras dese procedemento administrativo en particular e do procedemento administrativo en xeral. En todo caso, deberá terse en conta o disposto na dita normativa respecto de quen posúa a condición de interesado.

Constitúe información en curso de elaboración o acto administrativo concreto que estea en proceso de redacción e que aínda non está asinado por quen deba ditalo.

B) Información que estea en curso de publicación xeral

Esta causa de inadmisión aplicarase cando resulte preceptiva a publicación dun acto ou dunha información nun momento determinado do procedemento e a solicitude de información se presente con carácter previo á fase na cal corresponda a publicación.

C) Información que teña carácter auxiliar ou de apoio.

Inclúese nesta causa de inadmisión a información contida en notas, borradores, opinións, resumos, comunicacións e informes internos ou entre órganos ou entidades administrativas, incluso cando forme parte dun expediente.

Non se inclúen os informes preceptivos nin tampouco os solicitados ao abeiro do artigo 79 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por xulgalos necesarios para resolver nin, en xeral, aqueles que constitúan fundamento da resolución que se dita.

D) Acción previa de reelaboración.

O dereito de acceso á información e de obtención de copias de documentos non abrangue a reelaboración da información nin a redacción de informes específicos nin a elaboración de estatísticas ou agregados de datos. Tampouco inclúe o asesoramento xurídico sobre interpretación ou aplicación de normas xurídicas. En todos estes supostos inadmitirase a solicitude (art. 18.1.c) da Lei 19/2013, do 9 de decembro).

E) Solicitudes manifestamente repetitivas ou que teñan un carácter abusivo non xustificado coa finalidade de transparencia da lei.

Considéranse repetitivas as solicitudes presentadas por unha mesma persoa que presenten unha identidade substancial en canto á información que se solicita.

O desacordo da persoa solicitante respecto da resolución dunha solicitude previa de acceso non fundamenta a presentación dunha nova solicitude, senón a interposición do recurso ou impugnación que proceda contra a resolución ditada.

Se a nova petición se presenta dentro do prazo para a interposición de recurso ou reclamación na vía administrativa, daráselle este carácter e remitiráselle ao órgano a que corresponda a resolución do recurso ou reclamación.

Os actos de exercicio de calquera dereito, sen ningunha excepción, están sometidos ao límite do abuso de dereito. Concorre abuso de dereito sempre que estean presentes dous elementos: que o seu exercicio supere os límites normais do dereito e que se cause un dano a terceiro. Constitúe dano a terceiro a utilización de recursos humanos, económicos ou técnicos por parte da Administración para atender unha solicitude que supón unha extralimitación respecto dos límites normais do dereito de acceso á información pública.

Aplicarase o criterio interpretativo CI/003/2016 do 14.7.2016 do Consello de Transparencia e Bo Goberno en relación cos supostos en que unha solicitude de información pode entenderse abusiva (punto 2.2.1).

Subsección 1ª.3. Tramitación

Sexto. Representación

Se o solicitante actúa en representación dunha persoa xurídica ou doutra persoa física, resulta de aplicación o establecido no artigo 5.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, que exixe que para formular solicitudes se deberá acreditar a representación. O órgano competente para a tramitación do procedemento deberá incorporar ao expediente a acreditación da condición de representante e dos poderes que ten recoñecidos. Para estes efectos, de ser necesario, remitirá un requirimento ao solicitante e concederalle un prazo de 10 días, e advertiralle que, de non achegar a dita acreditación, se entenderá desistido do procedemento logo da resolución que se dite nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

En todo caso, debe terse en conta o dereito da persoa solicitante a non presentar documentos que xa se encontren en poder das administracións públicas. Non obstante, para o exercicio deste dereito deberá identificar suficientemente o expediente en que se encontra a acreditación da representación. Neste suposto o órgano encargado da tramitación do procedemento incorporará unha copia da documentación ao procedemento a través dunha dilixencia.

Sétimo. Identificación e concreción da información

Se dos termos da solicitude non resultase adecuadamente identificada a información que se solicita ou se a solicitude se formula en termos imprecisos e xenéricos, requirirase a persoa solicitante para que concrete e especifique a información solicitada, nun prazo de dez días, coa indicación de que, de non atender o requirimento, se lle terá por desistido da súa solicitude logo da resolución que se dite nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Cando unha solicitude afecte un número indeterminado de expedientes relativos a unha mesma materia ou a un mesmo dereito, considerarase que a solicitude non identifica adecuadamente a información que solicita, polo que se lle enviará un requirimento á persoa solicitante para que identifique o expediente ou expedientes a que se refire ou, no seu defecto, concrete os aspectos sobre os cales solicita información para que a Administración poida identificar o expediente ou expedientes en que se contén.

Cando unha solicitude abranga un volume de documentación ou información tal que a súa atención impida ou afecte o exercicio das restantes competencias do órgano que deba atendelo, de modo que se poña en risco a efectividade dos dereitos dos restantes administrados e o servizo obxectivo dos intereses xerais, o cal ocorre naqueles supostos en que a atención da solicitude impide a realización de actuacións preceptivas de control ou inspección tendentes a garantir a seguridade no sector industrial ou económico de que se trate, así como a protección ambiental, porase esta circunstancia de relevo no requirimento que se dirixa á persoa solicitante da información para os efectos de que circunscriba a información que solicita. A este respecto, debe terse en conta que o dereito de acceso á información, como calquera outro dereito, non constitúe un dereito ilimitado, senón que atopa o seu límite no exercicio dos demais dereitos.

Oitavo. Pagamento das taxas administrativas

A expedición de copias de documentación comporta o pagamento das taxas establecidas na Lei 6/2003, do 9 de maio, de taxas e prezos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia. O simple acceso ou exame in situ da información solicitada non implica o pagamento de taxa.

De conformidade co artigo 24 da Lei 6/2003, do 9 de maio, «a taxa devindicarase no momento en que se presente a solicitude para a prestación dos ditos servizos administrativos». Polo anterior, nos supostos en que se soliciten copias de documentos, de non achegarse a acreditación do pagamento da taxa xunto coa solicitude, requirirase o solicitante para que a achegue, concederalle para o efecto un prazo de dez días e xuntará co requirimento o impreso de pagamento precuberto. De non ser posible determinar con exactitude a cantidade de documentos ou información que se solicita, o órgano competente realizará para tramitar a solicitude unha valoración estimativa á baixa, tendo en conta as contías mínimas establecidas pola normativa aplicable, sen prexuízo da valoración definitiva que se practique posteriormente. Non será tramitado o expediente sen que se efectúe o pagamento da taxa indicada.

En todo caso, con carácter previo á entrega ou remisión da información, deberá quedar acreditado no expediente o pagamento da cantidade total que resulte da valoración definitiva.

O pagamento da taxa correspondente á copia de documentación é independente do medio de notificación que designe o solicitante, polo que procederá en todo caso cando a notificación se efectúe por medios telemáticos.

Noveno. Economía de trámites

Unha vez analizada a solicitude, remitirase un único requirimento que conteña todas as indicacións necesarias en relación coa emenda da solicitude ou acompañamento de documentos que resulten preceptivos para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo. Apercibimento de declaración de desistencia

De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, o requirimento de emenda da solicitude ou de presentación de documentos preceptivos indicará expresamente que, de non atenderse o requirimento no prazo de dez días concedido, se terá por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Undécimo. Suspensión do prazo para resolver

Sen prexuízo das causas específicas de suspensión do prazo para resolver o procedemento contidas na lexislación reguladora do acceso á información, procederá a suspensión do dito prazo, de conformidade co establecido no artigo 22 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, cando deba requirirse a calquera interesado para a emenda de deficiencias ou a achega de documetos ou outros elementos de xuízo necesarios, polo tempo que medie entre a notificación do requirimento e o seu efectivo cumprimento por parte do destinatario ou, no seu defecto, polo tempo do prazo concedido, sen prexuízo do previsto no artigo 68 da dita lei.

Nos supostos de requirimento a que se refiren os puntos anteriores (de acreditación da representación, de identificación ou concreción da documentación ou información e de acreditación do pagamento da taxa correspondente) o requirimento que se remita expresará que se suspende o prazo máximo para resolver o procedemento consonte o expresado no parágrafo anterior.

Duodécimo. Celeridade

O procedemento tramitarase con celeridade para subministrar a información á persoa solicitante con maior brevidade posible e, en todo caso, con cumprimento dos prazos establecidos na normativa reguladora do acceso á información que se indican na instrución seguinte.

Décimo terceiro. Prazo para resolver

O prazo máximo establecido para resolver e notificar a resolución á persoa solicitante é dun mes desde a recepción da solicitude por parte do órgano competente para resolvela, sen prexuízo dos supostos de suspensión do prazo previstos legalmente.

Este prazo poderá ampliarse por outro mes no caso de que o volume ou a complexidade da información que se solicita o exixan. Deberá ditarse expresamente acordo de ampliación do prazo máximo antes de que transcorra o prazo inicial dun mes especificando as razóns que xustifican a ampliación. A ampliación do prazo notificaráselle á persoa solicitante.

Décimo cuarto. Traslado a terceiros

Se a información solicitada puidese afectar dereitos ou intereses de terceiros, debidamente identificados, concederáselles un prazo de 15 días para que poidan formular alegacións. O escrito de traslado da solicitude a terceiros expresará que se suspende o prazo para ditar resolución ata que se reciban as alegacións ou teña transcorrido o prazo para a súa presentación. A persoa solicitante da información deberá ser informada do traslado que se efectúe, así como da suspensión do prazo para ditar resolución polo tempo indicado.

No traslado a terceiros solicitarase a estes que, de ser o caso, identifiquen e especifiquen os datos e documentos concretos que puidesen resultar afectados por algún dos límites ou excepcións do acceso á información, así como que xustifiquen a concorrencia dos citados límites no caso concreto, con análise das súas circunstancias e do prexuízo efectivo que o acceso á información produce, especificando as razóns da súa prevalencia sobre o dereito a obter información pública. Advertiráselles que, no suposto de formular unha oposición xenérica ou unha mera invocación da concorrencia dalgún dos límites legais, as alegacións que realice poderán non ser tidas en conta.

Décimo quinto. Formato das copias

No suposto de que a documentación que se solicite en formato dixital non estea dixitalizada, advertirase desta circunstancia ao solicitante con carácter inmediato tras a admisión da solicitude en escrito que se lle dirixirá para o efecto ou, de ser o caso, xunto co requirimento de emenda da solicitude que se lle envíe.

Así mesmo, de ser o caso, informaráselle que o órgano competente para tramitar o procedemento non dispón das ferramentas técnicas necesarias para proceder á dixitalización do expediente ou documentación e á expedición de copias coas garantías e requisitos indicados no artigo 27 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, polo que se lle advirte que as copias en formato dixital que se lle faciliten consistirán en simples documentos escaneados, sen constituír copia auténtica.

No escrito que se remita indicaráselle que, de non sinalar no prazo de dez días outro formato diferente, entenderase que presta a súa conformidade á entrega en formato dixital de documentación escaneada.

A dixitalización de expedientes que están en formato papel para atender a solicitude nos termos indicados polo solicitante, inda cando non se produza coas garantías propias da copia dixital auténtica por carecer o órgano administrativo dos medios técnicos necesarios, implica a realización de copias dixitais escaneadas, o que deberá terse en conta para os efectos do pagamento da taxa.

En todo caso, de expedirse copias en papel de expedientes que figuren neste formato, as copias que se entreguen á persoa solicitante estarán sempre compulsadas.

Subsección 1ª.4. Resolución.

Décimo sexto. Aplicación de límites e ponderación de intereses

Para a aplicación de calquera dos límites a que se refire o artigo 14 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, non é suficiente que a información solicitada se inclúa no ámbito material mencionado como límite, dado que este non se aplica automaticamente. Sempre deberán ser analizadas as circunstancias do caso concreto, valorando o prexuízo efectivo que o acceso á información produce. O prexuízo debe concorrer en concreto, non de forma xenérica, é dicir, o acceso á información debe prexudicar o ben xurídico protexido co límite, o cal debe especificarse na resolución.

Así mesmo, e para asegurar a xustificación e proporcionalidade na aplicación dos límites, debe realizarse unha ponderación suficientemente motivada entre o interese público ou privado que xustifique o acceso e os dereitos ou intereses de terceiros que se puidesen ver afectados, expresando as causas da prevalencia do interese que proceda.

En todo caso, os límites aplicaranse de modo restritivo e impedirán o acceso exclusivamente aos datos a que afecten, e deberá concederse o acceso parcial ao resto do documento ou do expediente. Os documentos deberán ser disociados na parte que de forma estrita resulte afectada polo límite.

Décimo sétimo. Datos de carácter persoal

Teñen a consideración de datos de carácter persoal especialmente protexidos os enumerados no artigo 7 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, é dicir, os referentes a ideoloxía, afiliación sindical, relixión e crenzas, orixe racial, saúde e vida sexual. A cesión dos ditos datos precisará sempre o consentimento expreso da persoa afectada.

Respecto dos datos de carácter persoal contidos na información ou documentación que se solicite, a resolución que recoñeza o dereito de acceso disporá expresamente a necesidade da súa anonimización ou disociación, que impedirá, en todo caso, a identificación das persoas afectadas.

Nos supostos en que se demande un volume relevante de información e resulte inoperativa ou ineficiente a técnica da anonimización ou disociación, se a información solicitada non contén datos especialmente protexidos, o órgano a que se dirixa a solicitude concederá o acceso logo de ponderación suficientemente razoada na resolución que dite do interese público na divulgación da información e dos dereitos dos afectados cuxos datos aparezan na información solicitada, en particular o seu dereito fundamental á protección de datos de carácter persoal.

Para realizar a citada ponderación, o órgano tomará particularmente en consideración os seguintes criterios:

– O menor prexuízo dos dereitos dos afectados no caso de que os documentos unicamente conteñan datos de carácter meramente identificativo daqueles.

– A maior garantía dos dereitos dos afectados no caso de que os datos contidos no documento poidan afectar a súa intimidade ou a súa seguridade, ou se refiran a menores de idade.

Se os datos que se conteñen na documentación son meramente identificativos relacionados coa organización, funcionamento ou actividade pública do órgano administrativo, concederase o acceso á información, salvo que prevaleza no caso concreto a protección de datos persoais ou doutros dereitos constitucionalmente protexidos.

Na resolución indicarase que a normativa de protección de datos persoais será de aplicación ao tratamento posterior dos obtidos ou coñecidos a través do exercicio do dereito de acceso.

Décimo oitavo. Competencia para resolver

A competencia para ditar a resolución corresponderá á persoa titular da Dirección Xeral de Enerxía e Minas ou da xefatura do órgano territorial competente.

Décimo noveno. Notificación

A resolución en que se conceda ou denegue o acceso notificaráselle á persoa solicitante. Deberáselle notificar, así mesmo, en todo caso, aos terceiros afectados que así o solicitasen ou que manifestasen a súa oposición ao acceso á información.

Vixésimo. Efectividade do acceso con oposición de terceiros

No caso de que se formulase oposición por terceiros, a resolución indicará, de conformidade co artigo 22.2 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, que o acceso que se concede só terá lugar cando transcorrese o prazo para interpor recurso contencioso-administrativo sen que o terceiro o interpuxese ou fose resolto o dito recurso confirmando o dereito a recibir a información.

Vixésimo primeiro. Réxime de impugnación

Contra a resolución que se dite poderá interporse reclamación ante o Valedor de Pobo nos termos expresados no artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, o cal se lle indicará ao solicitante na notificación da dita resolución.

Sección 2ª. Regulacións específicas en materia de acceso

Vixésimo segundo. Réxime xurídico

As materias respecto das cales exista normativa específica de acceso á información rexeranse por esta e só supletoriamente pola normativa xeral reguladora do acceso á información (disposición adicional primeira da Lei 19/2013, do 9 de decembro).

Subsección 1ª. Acceso á información ambiental

Vixésimo terceiro. Normativa reguladora

En materia ambiental aplicarase a Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente e restante normativa específica.

A Lei 19/2013 e demais normativa xeral reguladora do acceso á información só será de aplicación no non previsto na normativa específica de acceso á información en materia ambiental.

Vixésimo cuarto. Traslado a terceiros

Segundo o artigo 10.1 da Lei 27/2006, as solicitudes de información ambiental tramitaranse de acordo cos procedementos que se establezan para o efecto, polo que, de conformidade co artigo 19.3 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, así como co artigo 8 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se lles comunicará a tramitación do procedemento de acceso á información aos titulares de dereitos ou intereses lexítimos e directos que poidan resultar afectados pola resolución que se dite, polo que, aínda de tratarse dunha solicitude de documentación exclusivamente de carácter ambiental, se procederá conforme o disposto na instrución décimo cuarta.

Vixésimo quinto. Prazo máximo para resolver

O prazo máximo para resolver o procedemento é dun mes contado desde a recepción da solicitude no rexistro do órgano competente para resolvela.

Non obstante, se debido ao volume e á complexidade da información resulta imposible cumprir o prazo antes indicado, o prazo máximo será de dous meses. Deberá ditarse expresamente acordo de ampliación do prazo máximo antes de que transcorra o prazo inicial dun mes con especificación das razóns que xustifican a ampliación. Do acordo que se dite deberá informarse ao solicitante.

Vixésimo sexto. Documentos achegados por terceiro

De conformidade co establecido no artigo 13 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, a solicitude de acceso á información poderá denegarse se a revelación da dita información pode afectar negativamente os intereses ou a protección dun terceiro que teña facilitado voluntariamente a información solicitada sen estar obligado pola lexislación vixente, do cal se deduce, sensu contrario, que se debe conceder o acceso á información ambiental contida en documentos achegados polo interesado en cumprimento dunha exixencia legal.

Vixésimo sétimo. Réxime de recursos

Consonte o artigo 20 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, contra a resolución que se dite poderán interporse os recursos administrativos regulados na Lei 39/2015, do 1 de outubro, así como, de ser o caso, o recurso contencioso-administrativo.

Vixésimo oitavo. Documentación de carácter ambiental

Incardínanse no ámbito ambiental, tendo en conta a súa propia natureza e obxecto, os seguintes documentos:

– Estudo de impacto ambiental.

– Declaración ambiental efectuada polo órgano ambiental e toda a documentación específica de tramitación da dita declaración.

– Plan de restauración do espazo afectado polas actividades mineiras.

– Informes de seguimento ambiental.

Subsección 2ª. Acceso dos interesados no procedemento

Vixésimo noveno. Acceso dos interesados

O acceso de quen teña a condición de interesado nun procedemento administrativo en curso aos documentos que o integren rexerase pola normativa reguladora do procedemento administrativo.

As solicitudes de acceso á información correspondente a un procedemento no cal se ditou resolución firme rexeranse pola normativa específica aplicable ao acceso por razón da materia ou, no seu defecto, pola normativa xeral de acceso á información pública, sen prexuízo de que o solicitante posúa un dereito ou interese lexítimo que, de terse constituído como parte no procedemento antes da súa finalización, lle puidesen ter conferido a condición de interesado.

Sección 3ª. Publicidade activa

Trixésimo. Publicidade activa

Para garantir a transparencia da súa actividade e facilitar o acceso á información á cidadanía, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, tendo en conta as súas posibilidades materiais e técnicas, publicará na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria os documentos de carácter ambiental que formen parte dos expedientes das explotacións mineiras a medida que vaian sendo obxecto do tratamento de dixitalización procedente.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas