Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Luns, 20 de agosto de 2018 Páx. 38390

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 3 de agosto de 2018 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas de formación en réxime de empresa tutelada para os/as titulados/as en ciclos formativos de Acuicultura e se procede á súa convocatoria.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, no seu artigo 117 establece que a consellería competente en materia de pesca realizará as actuacións necesarias para o fomento da formación, a capacitación e a reciclaxe das persoas profesionais dos distintos sectores, así como a daquelas persoas que poidan demandar a devandita prestación formativa.

O tránsito á vida laboral é un dos aspectos máis relevantes nos novos enfoques da formación profesional. Dentro das iniciativas que se teñen revelado como máis eficaces para producir con éxito ese tránsito está o modelo de empresa tutelada. Este modelo facilita un período de práctica laboral nun ámbito de empresa simulada, no cal se reproducen os medios e procesos de produción e xestión reais, pero en que a titularidade dos medios de produción é da Administración responsable do proceso de formación.

Resulta de grande interese, no marco dunha formación integral, para os/as titulados/as en ciclos formativos da formación profesional específica en acuicultura participar neste itinerario de perfeccionamento profesional, para desenvolver a actividade práctica de permanencia como traballadores/as en formación dentro das empresas tuteladas durante o tempo que abranguen as axudas obxecto desta convocatoria.

En consecuencia e de acordo co disposto no artigo 30.1.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a convocatoria de bolsas de formación en réxime de empresa tutelada para os/as titulados/as nos ciclos formativos de acuicultura, así como proceder a convocar catro (4) bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, de formación en réxime de empresa tutelada para a realización de prácticas de produción de cría de bivalvos (código do procedemento administrativo PE601C).

Artigo 2. Beneficiarios/as

Poderán ser beneficiarios/as destas bolsas aqueles/as solicitantes que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión dun ciclo formativo de Acuicultura na data de remate do prazo de presentación de solicitudes desta orde de convocatoria. Poden presentarse aqueles/as alumnos/as titulados/as como técnicos/as medios en Operacións de Cultivo Acuícolas/técnicos/as medios en Cultivos Acuícolas e/ou técnicos/as superiores en Produción Acuícola/técnicos/as superiores en Acuicultura.

b) Ter nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea ou ser estranxeiro/a con permiso de residencia en España no momento de solicitar a bolsa e con dominio dalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Non estar incapacitado/a fisicamente ou padecer enfermidade que poida impedir a realización normal da actividade formativa obxecto das bolsas que se convocan.

d) Non ter sido beneficiario/a destas bolsas ou outras similares en anteriores convocatorias.

Artigo 3. Número, duración, importe e lugar de realización das bolsas

1. O número de bolsas será de catro (4), que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 9 desta convocatoria.

2. As bolsas terán unha duración de dous (2) anos, contados desde a data indicada na resolución de concesión da bolsa, e sen posibilidade de prórroga.

3. O importe bruto mensual de cada bolsa será de oitocentos euros (800 euros).

4. Para a concesión destas bolsas destinarase un crédito de oitenta e un mil setecentos vinte euros (81.720,00 euros). O seu financiamento farase con cargo á partida orzamentaria 14 03 422K 4800 (proxecto 2016 332) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2018 (6.400,00 euros), 2019 (38.400,00 euros) e 2020 (32.000,00 euros).

5. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, destinaranse, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social, para continxencias comúns e profesionais para no ano 2018 (320,00 euros), 2019 (2.400,00 euros) e 2020 (2.200,00 euros) con cargo á aplicación orzamentaria 14 03 422K 4840 (proxecto 2016 332) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Con este obxecto, aplícanse as regras de cotización correspondentes aos contratos para a formación e aprendizaxe establecidas na respectiva Lei de orzamentos xerais do Estado e nas súas normas de aplicación e desenvolvemento. O cálculo das cotizacións faise tomando como referencia a cota empresarial para o ano 2018, máis unha cantidade adicional para posibles incrementos producidos por altas e baixas na mesma bolsa e no mesmo mes.

6. Cada bolseiro/a contará con titores/as nomeados/as pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, por proposta do centro.

7. Os/as titores/as elaborarán un plan formativo para os/as bolseiros/as no cal quedarán reflectidos o horario de traballo e as normas de funcionamento do centro onde realiza a súa formación.

8. Non existirá obriga de cotizar pola continxencia de desemprego, así como tampouco ao Fondo de Garantía Salarial nin por formación profesional.

9. Os/as beneficiarios/as realizarán as actividades prácticas de produción de cría de bivalvos nas instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura na Illa de Arousa (Igafa), segundo a programación formulada polo/a titor/a correspondente.

Artigo 4. Presentación das solicitudes, documentación e prazos

1. As solicitudes, xunto coa documentación adicional requirida, presentaranse conforme o modelo oficial que figura como anexo I da convocatoria, por calquera das seguintes vías:

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes.

3. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, sita na rúa Irmandiños, s/n, Salgueiriños, 15701 Santiago de Compostela (A Coruña).

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, acompañada dun índice, e ordenada segundo se indica:

a) Xustificación do pagamento dos dereitos de expedición do título académico non universitario de técnico/a de ciclos formativos correspondente, só no caso de que o título aínda non fose expedido.

b) Poder de representación da persoa representante: a representación acreditarase por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

c) Certificación académica completa dos estudos realizados indicados nesta convocatoria, con detalle das materias cursadas e as cualificacións obtidas.

d) Curriculum vitae da persoa solicitante cos documentos acreditativos dos méritos alegados (debidamente relacionados e paxinados). Non serán computables aqueles méritos alegados que non estean convenientemente xustificados.

e) Unha memoria asinada polo/a aspirante que incluirá os seguintes puntos:

– Unha planificación da produción para cultivar un total de 5 millóns de exemplares de cría de ameixa babosa de 3 mm de tamaño.

– Un estudo sobre as actividades de cultivo por área de produción que se levará a cabo nunha instalación piloto de acuicultura tipo minicriadoiro de bivalvos.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

5. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

7. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro poderalles exixir aos solicitantes a presentación dos orixinais ou copia compulsada dos méritos alegados, que se deberán presentar nun prazo máximo de tres días, contado a partir do momento do seu requirimento.

8. Serán causas de exclusión a demostración da falsidade documental, a non correspondencia cos orixinais e a incorrección na documentación presentada.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou da persoa representante.

b) Título académico (non universitario) de técnico/a de ciclos formativos correspondente.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT (Axencia Estatal de Administración Tributaria).

d) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Atriga (Axencia Tributaria de Galicia).

f) No caso de persoas estranxeiras, certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante.

g) Consulta da condición de bolseiro/a.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Criterios de valoración

1. Teranse en conta os seguintes criterios para a valoración das solicitudes:

a) Expediente académico: máximo 4 puntos.

Puntuarase de acordo co seguinte baremo:

Sobresaliente: 4 puntos.

Notable: 3 puntos.

Ben: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Suspenso: 0 puntos.

Aplicarase a fórmula nº puntos/nº materias + nº de convocatorias

Para efectos de cálculo da nota media non se computarán aquelas materias que consten no expediente académico do alumno como validadas.

b) Curriculum vitae: máximo 2 puntos.

Valorarase:

b.1) Cursos ou formación máis axeitada para o desenvolvemento da bolsa (ata 1,00 punto):

Acuarioloxía: 0,25 puntos.

Mariñeiro/a pescador/a: 0,25 puntos.

Formación básica: 0,25 puntos.

Carné de conducir clase B: 0,25 puntos.

b.2) Certificado oficial acreditativo dos niveis de coñecemento da lingua galega, en particular o Celga 4, e terá a mesma validez o antigo certificado de perfeccionamento: 0,40 puntos.

b.3) Idiomas: ata 0,40 puntos (inglés, 0,30; outros idiomas, 0,10).

b.4) Coñecementos informáticos: ata 0,20 puntos.

c) Valoración da memoria, asinada polo/a aspirante, que incluirá dúas epígrafes: máximo 4 puntos.

c.1) Planificación da produción para cultivar un total de 5 millóns de exemplares de cría de ameixa babosa, de 3 mm de tamaño, nunha instalación tipo minicriadoiro, terá unha puntuación máxima de 2 puntos.

c.2) Estudo no que se recollan todas as actividades de cultivo que se realizarán nunha instalación piloto de acuicultura tipo minicriadoiro de bivalvos, terá unha puntuación máxima de 2 puntos.

2. Só se valorarán aqueles méritos acreditados documentalmente polo/a solicitante xunto coa súa solicitude. A puntuación final obterase da suma do expediente académico, do currículo e da valoración da memoria.

3. No caso de que cos criterios enunciados anteriormente persista a igualdade de puntuación, prevalecerá a solicitude daqueles aspirantes que cursasen os seus estudos nalgún dos centros públicos ou privados situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As persoas candidatas serán ordenadas por orde decrecente da puntuación obtida e as bolsas adxudicaranse ás que acaden maior puntuación.

5. A comisión elaborará unha lista de suplentes por orde decrecente de puntuación, na cal figurarán os/as solicitantes que, cumprindo os requisitos, non acadaron puntuación suficiente para seren adxudicatarios de bolsa.

Artigo 10. Tramitación

1. Os servizos da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e exporase a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, nos taboleiros da Consellería do Mar, na súa páxina web oficial no enderezo (www.mar.xunta.gal) e no taboleiro de anuncios do Igafa. Esta lista estará exposta durante dez días, podendo as persoas interesadas durante ese prazo emendar erros e falta de documentación, ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e achegar, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión procederase conforme o establecido no artigo 68 Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Unha vez completados os expedientes, remitiranse a unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios indicados no artigo 9.

3. Comisión de avaliación.

A selección das persoas candidatas será efectuada por unha comisión que estará integrada por:

– Presidente: o/a subdirector/a xeral de Xestión, Ensino e Relacións Sectoriais ou persoa en quen delegue.

– Secretario/a: actuará como tal un dos membros da comisión.

– Vogais: tres vogais en representación do Igafa e un vogal en representación do Centro de Investigacións Mariñas (Cima) designados pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

4. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de selección teña que examinar as solicitudes, algunha persoa integrante desta non pode asistir, será substituída polo/a funcionario/a que para o efecto designe a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

5. O órgano instrutor fará chegar a correspondente proposta de adxudicación e listaxe de suplentes á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, quen resolverá por delegación da conselleira do Mar, a concesión das bolsas. Na dita resolución figurará unha persoa beneficiaria por cada bolsa, así como unha relación de suplentes con todas as persoas solicitantes admitidas, de maior a menor puntuación, para cubrir as vacantes que se poidan producir. Esta resolución publicarase na páxina web oficial da Consellería do Mar no enderezo (www.mar.xunta.gal). Así mesmo, a resolución determinará de forma expresa a desestimación do resto de solicitudes.

6. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

7. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de 3 meses, contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Artigo 11. Publicidade

A resolución farase pública, para os efectos de notificación ás persoas interesadas, nos taboleiros de anuncios da Consellería do Mar e na súa páxina web oficial enderezo
(www.mar.xunta.gal).

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería do Mar, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta do cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www. xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Artigo 14. Aceptación da bolsa e pagamento

1. Dentro dos dez días naturais seguintes á publicación da resolución de concesión nos taboleiros de anuncios e na páxina web oficial da Consellería do Mar no enderezo (www.mar.xunta.gal), as persoas beneficiarias das bolsas deberán confirmar a súa aceptación mediante documento asinado polo/a bolseiro/a en que se comprometa a cumprir todas as condicións recollidas nas presentes bases. De non facelo no prazo indicado considerarase tacitamente aceptada a bolsa e as condicións recollidas nestas bases de conformidade co artigo 21.5, parágrafo segundo, da Lei de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, presentará declaración responsable en que conste que non realiza traballo remunerado nin desfruta doutro tipo de bolsa ou axuda.

3. Así mesmo, de non comparecer no centro de destino no tempo estipulado, o nomeamento quedará sen efecto e será motivo de exclusión na seguinte convocatoria. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro procederá ao chamamento de suplentes para cubriren estas prazas.

4. A aceptación da bolsa supón o compromiso implícito de manter a confidencialidade da información obtida no desenvolvemento das actividades obxecto destas bolsas, de acordo coa normativa aplicable.

Artigo 15. Pagamento das bolsas e xustificación

1. As bolsas aboaranse mensualmente, por mensualidades completas ou fracción proporcional ao tempo de desfrute da bolsa, para os casos en que o/a bolseiro/a inicie ou remate a súa relación en data que non coincida co primeiro ou co derradeiro día de cada mes respectivamente. É necesario para proceder ao pagamento mensual que o/a director/a do Igafa certifique a actividade dos/das bolseiros/as.

2. O pagamento da última mensualidade quedará pendente ata que o/a bolseiro/a presente o informe final que resuma a actividade realizada por este durante todo o período de aproveitamento da bolsa, co visto e prace da persoa responsable do/da bolseiro/a, así como declaración de todas as bolsas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes, ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. O prazo máximo para a presentación do informe final será dun mes a partir do remate da realización da bolsa.

3. Así mesmo, as persoas beneficiarias das bolsas están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 16. Obrigas dos/das bolseiros/as

a) O persoal bolseiro deberá desempeñar actividades de formación e de colaboración en relación coas tarefas das áreas a que se adscriban.

b) Co fin de facilitar o seu proceso de formación, os/as bolseiros/as contarán co asesoramento, orientación e dirección de dous/dúas titores/as que definirán as tarefas que se realizarán, así como a formación que deberán recibir segundo o plan de formación do centro. A este respecto, será obrigatoria a realización e superación das actividades de formación indicadas.

c) As persoas beneficiarias deberán manter unha actitude participativa, de colaboración e respectuosa cos demais membros do centro, sen obstrución das tarefas encomendadas nos diferentes servizos.

d) Ao final do período de desfrute da bolsa, o/a adxudicatario/a deberá entregar unha memoria de actividades que será supervisada polo/a titor/a.

e) Estas bolsas non implican relación laboral ningunha co centro a que estea adscrito/a o/a beneficiario/a, nin supoñen ningún compromiso de incorporación posterior dos/as bolseiros/as ao seu cadro de persoal, aínda que si a necesaria e natural coordinación co horario, normas e disciplina do centro onde desenvolve a súa formación.

f) O aproveitamento da bolsa será incompatible con calquera outra bolsa que supoña remuneración directa ou axuda financiada con fondos públicos. Tamén será incompatible con salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria do/da interesado/a, salvo os que teñan carácter esporádico cunha duración acumulada inferior a dous meses por ano, sempre que isto non afecte a actividade habitual no exercicio da bolsa, e que se trate de ocupacións non vinculadas directa ou indirectamente co centro.

Artigo 17. Desenvolvemento das bolsas

1. No caso de renuncia á bolsa por parte da persoa beneficiaria, unha vez iniciado o desfrute desta, deberá ser comunicada mediante o correspondente escrito á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro polo menos con dez días de antelación á data en que se solicita que sexa efectiva a súa renuncia.

2. A vacante poderase cubrir polo período de desfrute restante coa persoa candidata suplente correspondente, de acordo coa lista de suplentes elaborada pola comisión de selección.

3. As interrupcións da bolsa por supostos de baixa por incapacidade temporal (enfermidade ou accidente), risco durante o embarazo e descanso por maternidade ou paternidade non darán lugar en ningún caso á posibilidade de recuperar o período interrompido.

4. Por petición dos/das interesados/as, ao remate da bolsa a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, logo de informe favorable dos servizos técnicos coordinadores e entrega dos informes e memorias solicitadas, expedirá certificación acreditativa dela.

5. Unha vez rematado o período de desfrute da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a devolución da documentación achegada. Transcorrido o prazo dun ano, procederase á eliminación da documentación non recollida.

Artigo 18. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación da resolución de concesión.

Artigo 19. Renuncias, revogación, interrupcións, procedemento de substitución e reintegro de cantidades

1. A renuncia á bolsa por parte da persoa beneficiaria, unha vez iniciado o desfrute desta, deberá ser comunicada mediante o correspondente escrito á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, polo menos con dez días de antelación á data en que se solicita que sexa efectiva a súa renuncia. A renuncia dará lugar á devolución das cantidades percibidas en exceso, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non desfrutada.

2. O persoal do Igafa que coordine e dirixa ao persoal bolseiro poderá propor á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a revogación da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das obrigas sinaladas.

3. A vacante poderase cubrir polo período de desfrute restante coa persoa candidata suplente correspondente, de acordo coa lista de suplentes elaborada pola comisión de selección.

4. As interrupcións da bolsa por supostos de baixa por incapacidade temporal (enfermidade ou accidente), risco durante o embarazo e descanso por maternidade ou paternidade non darán lugar en ningún caso á posibilidade de recuperar o período interrompido.

5. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, cando procedan, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Réxime sancionador

As infraccións administrativas cometidas en relación coas bolsas reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Réxime xurídico

Para todos aqueles aspectos non previstos nas presentes bases, aplicarase a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Será de aplicación o Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

Artigo 22. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contado a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Disposición adicional

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar os actos e as instrucións necesarias para a correcta aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2018

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file