Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Martes, 14 de agosto de 2018 Páx. 38014

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta, do 26 de xullo de 2018, polo que se declara a utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia sobre diversos aproveitamentos forestais, do parque eólico Monte Tourado-Eixe, sito no concello de Vimianzo e promovido por Fenosa Wind, S.L. (expediente IN661A 2011/20-1).

En cumprimento do disposto no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, faise público o Acordo do Consello da Xunta, do 26 de xullo de 2018, polo que se declara a utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia sobre diversos aproveitamentos forestais, do parque eólico Monte Tourado-Eixe, sito no concello de Vimianzo (A Coruña) e promovido por Fenosa Wind, S.L. (expediente IN661A 2011/20-1).

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta, do 26 de xullo de 2018, polo que se declara a utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia sobre diversos aproveitamentos forestais, do parque eólico Monte Tourado-Eixe, sito no concello de Vimianzo (A Coruña) e promovido por Fenosa Wind, S.L. (expediente IN661A 2011/20-1)

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Fenosa Wind, S.L. (en diante, o promotor) en relación coa declaración de utilidade pública do parque eólico Monte Tourado-Eixe (en diante, o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, cunha potencia de 36 MW.

Segundo. O 20.6.2011 o promotor solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a aprobación do proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública, en concreto, para o parque eólico.

Terceiro. O 3.4.2012 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria (en diante, a xefatura territorial) informou sobre os dereitos mineiros afectados polo parque eólico. De acordo co citado informe, existían dous dereitos mineiros outorgados: a autorización de recursos da sección A) Maceiras núm. 163, e a concesión de explotación da sección C) Bibi e John núm. 6159.

Cuarto. Mediante a Resolución do 25 de xuño de 2012, da xefatura territorial, someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a aprobación do proxecto de execución, do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e do estudo de impacto ambiental referidos ao proxecto do parque eólico.

Quinto. A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 6 de agosto de 2012, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 12 de xullo (corrección de erros no BOP do 7 de setembro) e no xornal La Voz de Galicia do 12 de xullo. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios do concello afectado (Vimianzo), da xefatura territorial e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Durante o período de información pública presentáronse alegacións co contido que se resume a continuación:

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados (RBDA) maioritariamente, en relación coa titularidade das parcelas, coas superficies afectadas, coa clasificación do solo, cos enderezos para os efectos de notificación, co tipo de aproveitamento, coa comprobación das superficies afectadas e das disposicións das afeccións sobre os predios, etc. Así mesmo, nalgunhas alegacións maniféstase a vontade de negociación para evitar a expropiación, desacordo coa expropiación parcial ou solicitude de inclusión na RBDA como titulares de dereitos de aproveitamento sobre determinados predios.

– Manuel Maceiras Hermida, como titular do dereito mineiro Maceiras núm. 163, presentou alegacións propias do trámite de compatibilidade entre o dereito mineiro e o parque eólico. Ademais, manifesta que o estudo económico do proxecto do parque eólico non recolle os gastos de adquisición dos terreos, e que o estudo de impacto ambiental ignora a existencia do dereito mineiro, polo que non se tiveron en conta os efectos sobre o medio socioeconómico de forma correcta.

– A Sociedade Galega de Historia Natural, na súa alegación, efectuou diversas consideracións de carácter ambiental.

Sexto. O 7.10.2014 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas autorizou a continuación da tramitación do expediente incorporando a modificación de proxecto motivada por informes sectoriais, consistente de forma xeral na recolocación do aeroxerador núm. 12, unha vez comprobado que esta modificación non influía na relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010, aprobada pola Resolución do 20 de decembro de 2010.

Sétimo. O 18.3.2015, para os efectos de continuar coa tramitación do expediente, o promotor presentou a addenda ao proxecto de execución e a relación de bens e dereitos afectados actualizada, nos cales se recollen as modificacións autorizadas pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas o 7.10.2014.

Oitavo. Mediante a Resolución do 27 de xullo de 2015, da xefatura territorial, someteuse a información pública a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, das novas afeccións do proxecto do parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 20 de agosto de 2015, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 7 de agosto e no xornal La Voz de Galicia do 10 de agosto. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios do concello afectado (Vimianzo) e da xefatura territorial, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Durante o período de información pública non se presentaron alegacións.

Noveno. O 2.3.2016, o Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial actualizou o informe sobre os dereitos mineiros afectados polo parque eólico. De acordo con este informe, o único dereito mineiro vixente é a autorización de recursos da sección A) Maceiras núm. 163. Coa mesma data, a dita xefatura acordou iniciar o trámite de compatibilidade de utilidades públicas concorrentes no espazo territorial proxectado para o parque eólico, e notificar mediante oficios do 3.3.2016 o dito acordo ao titular do dereito mineiro mencionado e ao promotor do parque eólico.

Décimo. O 6.6.2016 a xefatura territorial emitiu o informe de compatibilidade entre o parque eólico e o dereito mineiro Maceiras núm. 163. No citado informe considerábase que existía incompatibilidade entre ambos os aproveitamentos.

Décimo primeiro. O 11.7.2016 a xefatura territorial remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo segundo. O 30.6.2017 a Subdirección Xeral de Recursos Minerais comunicou que o 6.6.2016 a xefatura territorial iniciara o procedemento de caducidade do dereito mineiro Maceiras núm. 163.

Décimo terceiro. O 25.9.2017, para os efectos de continuar coa tramitación do expediente, o promotor presentou a addenda núm. 2 ao proxecto de execución e o proxecto sectorial modificado.

Décimo cuarto. O 26.10.2017, de acordo co establecido na disposición adicional primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, introducida pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor solicitou a declaración de proxecto de interese especial para o parque eólico.

Décimo quinto. O 13.11.2017, de acordo co establecido na disposición transitoria terceira da mencionada Lei 5/2017, do 19 de outubro, o promotor solicitou a tramitación do expediente de acordo co procedemento establecido pola dita lei.

Décimo sexto. O 21.12.2017 o Consello da Xunta de Galicia declarou o parque eólico como proxecto de interese especial.

Décimo sétimo. O 26.1.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas autorizou a continuación da tramitación do expediente e incorporar a modificación de proxecto motivada polo cambio no modelo de aeroxerador, consistente de forma xeral na recolocación dos aeroxeradores núm. 1 e 2 e na eliminación do aeroxerador núm. 9, unha vez comprobado que esta modificación non influía na relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 aprobada pola Resolución do 20 de decembro de 2010.

Décimo oitavo. O 27.3.2018 o promotor achegou a relación de bens e dereitos afectados actualizada a fin de continuar coa tramitación do procedemento de declaración de utilidade pública.

Décimo noveno. Mediante oficios do 16.4.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas notificou ás persoas afectadas as modificacións introducidas na relación de bens e dereitos afectados. Posteriormente, para as parcelas de titular descoñecido, así como para aquelas notificacións que non foi posible efectuar, publicouse anuncio no Diario Oficial de Galicia do 19 de xullo de 2018 e no BOE do 25 de xullo. En relación con estas notificacións non se recibiu ningunha alegación.

Vixésimo. O 9.5.2018, en aplicación do disposto no número 3 do artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas acordou a apertura do trámite de audiencia e outorgou aos titulares dos aproveitamentos forestais afectados un prazo de 15 días para que alegasen e presentasen os documentos e xustificacións que estimasen oportunos.

Vixésimo primeiro. O 15.5.2018 as comunidades de MVMC de Rasamonde e Cubes e de Arxomil e Areosa recibiron a notificación relativa ao trámite de audiencia. Ningunha delas presentou alegacións no prazo outorgado.

Vixésimo segundo. O 18.5.2018 a xefatura territorial emitiu informe actualizado sobre os dereitos mineiros afectados polo parque eólico, no que se recolle que as posicións 3 e 5 se situan dentro do perímetro autorizado o 6.9.2010 para o aproveitamento de recursos da sección A) Maceiras núm. 163. Non obstante, tendo en conta que o mencionado dereito mineiro caducou o 1.11.2017, conclúese que na data actual non existe incompatibilidade do parque eólico con ningún dereito mineiro vixente.

Vixésimo terceiro. O 15.6.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas outorgou as autorizacións administrativas previa e de construción para o parque eólico (DOG núm. 126, do 3 de xullo de 2018).

Vixésimo cuarto. O 11.7.2018 a Dirección Xeral de Ordenación Forestal informou, no marco do establecido no artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, que non existe obxección á declaración de prevalencia da utilidade pública do parque eólico sobre o interese xeral dos montes veciñais en man común recollidos no antecedente de feito vixésimo primeiro.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 45.6 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, de aplicación ao expediente de referencia de acordo co establecido na disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, consonte a disposición transitoria terceira da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo desta resolución, visto o seu contido e as respostas efectuadas polo promotor, cómpre manifestar o seguinte:

1. No que respecta ás alegacións relacionadas coa solicitude de declaración de utilidade pública (titularidade e características dos bens e dereitos afectados, magnitude das afeccións, solicitudes de negociación, etc.) cómpre indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas. Non obstante, corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles. No caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

2. En relación coas alegacións sobre a afección do parque eólico ao dereito mineiro Maceiras núm. 163, cómpre manifestar que o 1.11.2017 se ditou resolución de caducidade do mencionado dereito mineiro, polo que non resultou procedente a instrución do trámite de compatibilidade establecido no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

3. Con respecto ás alegacións de carácter ambiental, estas tivéronse en conta na resolución de outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico Monte Tourado-Eixe, segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

Segundo. Declarar a prevalencia da utilidade pública do parque eólico Monte Tourado-Eixe sobre o interese xeral dos aproveitamentos forestais afectados, en conformidade co informe da Dirección Xeral de Ordenación Forestal do 11.7.2018, ao que fai referencia o artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña, de acordo co establecido no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra este acto, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

ANEXO

Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito quinto:

Germán Graíño Martínez, en representación da CMVMC Arxomil, Areosa e Treos, o 26.7.2012 e o 6.8.2012; Felisa Lema Canosa, o 8.8.2012; Mª Esther Pais Mourelle, o 30.5.2012; José Antonio Taibo Rey, en representación de Norte Forestal, S.A., o 9.11.2012; María Sanmartín Pérez, o 12.7.2012; María Cruz Mouzo Castiñeira, o 6.7.2012; Emilio Pérez Santos, actuando en nome propio e no da comunidade hereditaria de Clarisa Santos, o 13.7.2012; Zulema Santos Caamaño, o 19.7.2012; María Isabel Ramos Martínez, o 20.7.2012; Dulzura Freire Sanmartín, o 1.8.2012; Manuel Maceiras Hermida, o 11.7.2012 e o 9.8.2012; Esperanza Pose Rioboo, o 17.8.2012; Beatriz Pose Vidal, o 11.8.2012; Jenaro Saiz García, o 16.7.2012; Clarisa Arias Canosa, o 26.7.2012; Serafín González Prieto, en representación da Sociedade Galega de Historia Natural, o 9.8.2012.