Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 7 de agosto de 2018 Páx. 36693

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 19 de xullo de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo sobre o deslindamento parcial realizado entre as comunidades de montes veciñais en man común da Picoña e de Santa María de Salceda, do concello de Salceda de Caselas, ao respecto da estrema común dos seus montes.

Para os efectos previstos no artigo 54 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo adoptado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, no 3 de xullo 2018, en relación co deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común da Picoña e Santa María de Salceda, do concello de Salceda de Caselas, ao respecto da estrema común dos seus montes.

Feitos:

Primeiro. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm. 140, do 23 de xullo), na súa disposición derradeira segunda modifica o artigo 25 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e elimina a obriga da Administración forestal de proceder ao deslindamento e sinalización dos montes veciñais. Por tanto, esta competencia corresponde ás comunidades propietarias consonte os artigos 53 e 54 da Lei de montes de Galicia.

Segundo. Con data do 20.11.2015 as CCMMVMC da Picoña e de Santa María de Salceda comunican ao Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común o acordo sobre a estrema entre ambas as comunidades. A documentación que consta no expediente consonte o artigo 53 da Lei 7/2012 é a seguinte: acto de conciliación no Xulgado de Paz de Salceda de Caselas, certificados de aprobación en asemblea xeral de ambas as comunidades e cartografía dixital.

Terceiro. Con data do 5.2.2016, o xefe da Sección de Topografía informa do seguinte: «Na documentación recibida inclúese un deslindamento da CMVMC da Picoña con propiedades particulares seguindo os marcos do antigo UP número 506. Ao respecto da liña que define a nova estrema entre as dúas comunidades, tamén deslindan propiedades particulares, segundo reflicte a propia documentación recibida e o antigo UP 506. Esta nova estrema cambia o linde definido polo deslindamento mais os marcos do antigo UP 506».

Cuarto. A liña de deslindamento preséntase en dous estudos topográficos:

Parte 1. Redactado polo enxeñeiro operador Julio Piñeiro Barros cos puntos: punto núm. 1: cruz na rocha; punto núm. 2: cruz na rocha; punto núm. 3: cruz na rocha; punto núm. 4: marco novo; punto núm. 5: marco novo; punto núm. 6: marco novo; punto núm. 7: marco monte UP 165. Esta liña continúa no punto núm. 8: marco monte UP 160 e remata no punto núm. 98: marco monte UP 159.

Parte 2. Redactado pola enxeñeira operadora Rita Vázquez cos puntos pedra gravada núm. 1; pedra gravada núm 2; pedra gravada núm. 3; pedra gravada núm. 4 e pedra gravada núm. 5.

Quinto. Descrición da liña poligonal que determina o deslindamento de mutuo acordo entre os montes veciñais en man común da Picoña e de Santa María de Salceda (UTM ETRS89):

Punto núm. 1 cruz na rocha X: 536918,2670 Y: 4664834,778 Z: 435,75

Punto núm. 2 cruz na rocha X: 537006,2240 Y: 4664599,335 Z: 416,98

Punto núm. 3 cruz na rocha X: 537037,298 Y: 4664449,975 Z: 379,42

Punto núm. 4 marco novo X: 537082,5691 Y: 4664338,697 Z: 326,70

Punto núm. 5 marco novo X: 537118,6239 Y: 4664394,147 Z: 328,92

Punto núm. 6 marco novo X: 537161,8490 Y: 4664364,469 Z: 304,70

Punto núm. 7 marco monte UP 165 X: 537150,3320 Y: 4664315,318 Z: 300,62

Punto núm. 8 marco monte UP 160

Punto núm. 9 marco monte UP 159

Pedra gravada núm. 1

Pedra gravada núm. 2

Pedra gravada núm. 3

Pedra gravada núm. 4

Pedra gravada núm. 5

Por todo o exposto, o Servizo de Montes emite informe favorable ao deslindamento solicitado, sempre que se exclúa a liña de deslindamento entre o punto núm. 7 marco monte UP 165 e o punto núm. 8 marco monte UP 160, xa que esta liña divide propiedades privadas tal e como consta na planimetría presentada.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, regula nos artigos 52 e 54 o procedemento de deslindamento de montes veciñais en man común e establece, entre outras, a obriga de publicar a resolución do Xurado no Diario Oficial de Galicia.

Segunda. Da documentación fornecida polas comunidades e do informe técnico do Servizo de Montes desta xefatura territorial, conclúese que a avinza entre as CCMMVMC da Picoña e de Santa María de Salceda é congruente coas respectivas resolucións de clasificación e coas estremas nelas descritas.

Revisada a liña de deslindamento presentada, a documentación achegada e o informe técnico do Servizo de Montes da xefatura territorial da Consellería do Medio Rural de Pontevedra e en atención ao disposto nos artigos 53, 54 e na disposición transitoria décimo cuarta da Lei 7/2012, de montes de Galicia, este xurado provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Primeiro. Aprobar o deslindamento parcial realizado entre as CCMMVMC da Picoña e Santa María de Salceda, respecto da súa estrema común, nos termos indicados no antecedente de feito cuarto e quinto, e de acordo cos planos topográficos achegados e validados mediante informe técnico do Servizo de Montes.

Segundo. Notificar este acordo ás comunidades propietarias afectadas e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e cos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 19 de xullo de 2018

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra