Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 7 de agosto de 2018 Páx. 36697

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 19 de xullo de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo sobre o deslindamento parcial realizado entre as comunidades de montes veciñais en man común de Freixo e Rebordechán, do concello de Crecente, ao respecto da estrema común dos seus montes.

Para os efectos previstos no artigo 54 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo adoptado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, o 3 de xuño 2018, en relación ao deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común de Freixo e Rebordechán, do concello de Crecente, ao respecto da estrema común dos seus montes.

Feitos:

Primeiro. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG número 140, do 23 de xullo), na súa disposición derradeira segunda modifica o artigo 25 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e elimina a obriga da Administración forestal de proceder ao deslindamento e sinalización dos montes veciñais. Por tanto, esta competencia corresponde ás comunidades propietarias consonte os artigos 53 e 54 da Lei de montes de Galicia.

Segundo. Con data do 10.4.2014, as comunidades de montes veciñais en man común (en diante CCMMVMC) de Freixo e Rebordechán, ambas do concello de Crecente, achegan o expediente de deslindamento consonte o artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño (DOG núm. 140, do 23 de xullo).

Terceiro. Con data do 13.10.2015 notifícase o requirimento da acta de conciliación levantada no xulgado de paz ou primera instancia correspondente. Con data do 9.2.2016, notifícase o requirimento do certificado do secretario da aprobación en asemblea xeral a ambas as comunidades.

Cuarto. A sentenza xudicial 163/10 do Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Ponteareas do procedemento ordinario 420/2007, de deslindamento entre as CCMMVMC de Angudes e Rebordechán, considerada polo Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra o 3.10.2011, modifica a liña divisoria entre ambas as comunidades: «o trazado da liña que se inicia no marco situado na Cruz de Requiáns na que tamén conflúen as parroquias de Crecente e de Couto seguen en liña ata chegar ao nacente do regueiro de Chedeiro ou Riobó e desde aquí discorre a divisoria polo curso deste río ou regueiro ata o río Miño, onde remata o límite...».

A resolución dos montes Requiáns, Castelete e Repolín a favor dos veciños da parroquia de Freixo indica que estrema polo norte cos montes de Rebordechán.

A resolución dos montes Coutada, Pobanza e San Sebastián a favor dos veciños da parroquia de Rebordechán indica que linda polo sur cos montes de Angudes e Freixo.

Por todo o exposto, o único punto de condición de estremas entre as CCMMVMC de Freixo e de Rebordechán é no marco da Cruz de Requiáns, coas coordenadas ETRS 89 X:564.804,13 e Y:4.670.334,42.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, regula nos artigos 52 e 54 o procedemento de deslindamento de montes veciñais en man común e establece, entre outras, a obriga de publicar a resolución do Xurado no Diario Oficial de Galicia.

Segunda. Da documentación fornecida polas comunidades e do informe técnico do Servizo de Montes desta xefatura territorial conclúese que a avinza entre as CCMMVMC de Freixo e de Rebordechán é congruente coas respectivas resolucións de clasificación, coa sentenza 163/10 ditada polo Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Ponteareas e coas estremas nelas descritas.

Revisada a liña de deslindamento presentada, a documentación achegada e o informe técnico do Servizo de Montes da xefatura territorial da Consellería do Medio Rural de Pontevedra, e en atención ao disposto nos artigos 53, 54 e na disposición transitoria décimo cuarta da Lei 7/2012, de montes de Galicia, este xurado provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Primeiro. Aprobar o deslindamento parcial realizado entre as CCMMVMC de Freixo e Rebordechán, ao respecto da súa estrema común, nos termos indicados no antecedente de feito cuarto, e de acordo cos planos topográficos achegados e validados mediante o informe técnico do Servizo de Montes.

Segundo. Notificar este acordo ás comunidades propietarias afectadas e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e cos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 19 de xullo de 2018

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra