Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 30 de xullo de 2018 Páx. 35215

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se acorda a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do fito miriamétrico da antiga Nacional VI en Agüeira, na parroquia de Agüeira, no concello de Becerreá (Lugo).

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao amparo do artigo 149.1.28 da Constitución e a teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, aprobouse a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia que, primeiramente, no seu artigo 8.1, Clasificación dos bens do patrimonio cultural de Galicia, establece que os bens do patrimonio cultural poderán ser declarados de interese cultural ou catalogados e, a continuación, no parágrafo 3 define os bens catalogados como aqueles bens e manifestacións inmateriais, non declarados de interese cultural, que polo seu notable valor cultural sexan incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

Segundo o artigo 87 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, (LPCG), os bens que integran o patrimonio arquitectónico son os inmobles e os conxuntos destes, e as obras da arquitectura e da enxeñaría histórica ás cales se lles recoñeza un papel relevante na construción do territorio e na súa caracterización cultural e sexan testemuño dunha época histórica ou dos cambios na forma de entendela. Ademais, o artigo 88.1.f) establece que se presume que concorre un significativo valor arquitectónico para a súa inclusión dentro dos bens que integran o patrimonio arquitectónico daqueles inmobles e construcións propios das obras públicas e a enxeñaría histórica que aparecen integrados de forma harmónica no territorio formando parte das cidades, núcleos urbanos ou rurais tradicionais e das franxas territoriais que transformaron, axudaron a construír e caracterizan culturalmente. Forman parte da enxeñaría histórica as pontes, os túneles, as estacións e os edificios ferroviarios, as presas, as canles e os abastecementos, os faros e os peiraos, as infraestruturas e os edificios portuarios, e outras construcións que posúan unha significativa dimensión paisaxística, urbana, territorial, técnica e arquitectónica e que fosen construídos antes de 1901. Ademais, o artigo 104.1.d) da mesma lei establece que se presume que concorre un significativo valor arquitectónico para a súa inclusión dentro dos bens que integran o patrimonio industrial daqueles lugares, instalacións, fábricas, edificios e obras de enxeñaría que constitúan testemuño e expresión dos avances técnicos da construción de instalacións e infraestruturas destinadas ás redes de transporte e comunicación ferroviaria, terrestre, marítima e por cable, as redes de abastecemento de auga en ámbitos urbanos ou industriais e as destinadas á produción e transporte da enerxía.

O 28 de abril de 2017, un particular solicitou a protección dun fito miriamétrico sito no lugar de Agüeira, na parroquia de Agüeira, no concello de Becerreá (Lugo). Posteriormente, o 5 de maio de 2017, os servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informaron sobre a relevancia e significación do ben e concluíron que o fito miriamétrico é un elemento de interese histórico digno de conservación e destacaron que este ben está situado na marxe esquerda da antiga estrada Nacional VI en dirección Lugo, con forma prismática e remate curvo superior, ademais da súa base máis larga a modo de plinto que continúa cunha sección cadrada. Ademais de presentar varias inscricións que refiren a distancia que existe tanto a Madrid como a León e Lugo, é un elemento que, pola súa antigüidade e características, é singular e precisa ser protexido.

Este ben é probablemente de finais do século XIX ou principios do XX e a súa localización na citada Nacional VI denota a importancia desta vía que seguiría, con poucas variacións, o trazado do Camiño Real e no cal aparecen outros bens incluídos no catálogo.

Polo tanto, en virtude do manifestado, no cal se acredita o notable interese histórico, arquitectónico e antropolóxico do ben, no exercicio da competencia que me atribúe o artigo 13 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e en virtude do disposto no artigo 28 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Acordar a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do fito miriamétrico da antiga estrada nacional VI, en Agüeira, na parroquia de Agüeira, no concello de Becerreá (Lugo), segundo a descrición do ben que consta no anexo desta resolución.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao concello de Becerreá.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2018

Mª del Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO

Descrición e nivel de protección

1. Denominación: fito miriamétrico da antiga estrada Nacional VI en Agüeira.

2. Descrición: prisma pétreo con remate curvo superior e unha base de maior tamaño a modo de plinto. Por riba desta, a sección é cadrada. Na cara frontal aparece a inscrición «A Madrid 560», no lado dereito pon «A León 176», e no lado esquerdo «A Lugo 51».

3. Localización: lugar de Agüeira. Parroquia de Agüeira. Concello de Becerreá (Lugo).

Coordenadas ETRS 89 Fuso UTM 29: X: 653.766 Y: 4.742.812.

4. Categoría: monumento.

5. Nivel de protección: integral.

6. Contorno de protección: ao tratarse dun elemento existente nunha estrada moi transformada desde a época do Camiño Real, non se considera necesaria a delimitación dun contorno de protección.

7. Fotografía:

missing image file