Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Xoves, 26 de xullo de 2018 Páx. 34994

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 11 de xullo de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se comunica aos posibles titulares de dereitos e intereses o acordo adoptado por este xurado relativo ao monte de Anafreita, no concello de Friol (expediente 44/73).

Na sesión celebrada polo xurado provincial o día 14 de xuño de 2018, figura o seguinte acordo:

Monte de Anafreita (expediente 44/73), pertencente aos veciños da parroquia de Anafreita, do concello de Friol, clasificado polo Xurado con data do 28 de decembro de 1974.

Con data do 17 de outubro de 2014, ten rexistro de entrada unha proposta de deslindamento entre o monte veciñal en man común e as propiedades particulares.

Con data do 5 de decembro de 2014 emítese, polo Servizo de Montes, informe favorable á proposta presentada ao non existir menoscabo da integridade do monte.

Con data do 2 de xaneiro de 2015, publícase no DOG o anuncio polo que se fai pública a proposta de deslindamento e ábrese o período de alegacións.

Con data do 5 de febreiro de 2015, o secretario do Concello de Friol certifica a exposición no taboleiro de anuncios do concello do anuncio remitido para o efecto.

Examinadas, pola comunidade propietaria, as alegacións presentadas por José Rodríguez Castro, Celestino Santos Corral e Ángel María Sánchez Corredoira, a comunidade remite a proposta de deslindamento provisional xunto coa documentación e alegacións presentadas.

Con data do 25 de maio de 2015 o Servizo de Montes emite informe favorable á proposta de deslindamento provisional.

Con data do 11 de outubro de 2017, a comunidade presenta a documentación completa para ultimar o procedemento de deslindamento, incorporando memoria descritiva e planos topográficos, acta da asemblea da comunidade aprobando o deslindamento, actas de conciliación ante os xulgados de paz de Friol e Guitiriz, e actas de deslindamento asinadas por todos os comuneiros lindantes.

Unha vez seguidos os trámites do devandito deslindamento, de conformidade co artigo 54 da lei 7/2012 de montes de Galicia, que constan incorporados ao expediente, o Servizo de Montes emite un informe con data do 14 de maio de 2018, para os efectos do disposto no artigo 54.3 da lei 7/2012 de montes de Galicia, concluíndo que unha vez revisada a documentación achegada considérase correcta e suficiente. No informe descríbense as modificacións planimétricas e de superficie que se producen como consecuencia do deslindamento e unha relación das parcelas estremeiras.

Con data do 9 de abril de 2018, Jesús Sánchez Prado, comunica que a comunidade realizou unha compra dunha parcela (parcela 102 do polígono 198 de Friol) antes da entrada en vigor da Lei 7/2012. O artigo 57.4 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, establece que as adquisicións de terreos obtidas polas comunidades con anterioridade á entrada en vigor desta lei, comunicaranse ao xurado provincial, que integrará a superficie adquirida ao monte veciñal con plenos efectos xurídicos, modificando o perímetro e a extensión do monte.

Con data do 2 de maio de 2018, o presidente de Anafreita solicita a inclusión no monte de dúas parcelas (134 e 135 do polígono 198 de Friol) que figuran catastradas a nome do Concello de Friol, e achega certificado do secretario do Concello que indica que as dúas parcelas non forman parte do Inventario de bens municipais.

No informe do Servizo de Montes do 14 de maio de 2018, inclúense, ademais do deslindamento, a compra da parcela 102 do polígono 198 efectuada, e revísase o esbozo coa incorporación das parcelas 134 e 135 do polígono 198, quedando o monte de Anafreita cunha superficie final de 433,55 hectáreas. Xuntan cartografía resultante.

De conformidade co disposto no artigo 54.3 da Lei 7/2012, no caso de informe favorable, unha vez ratificado o deslindamento provisional pola asemblea xeral, darase traslado ao xurado provincial dos acordos acadados, o xurado provincial de montes veciñais en man común ditará resolución aprobatoria do deslindamento.

En vista do anterior, o xurado, por unanimidade, acorda aprobar o deslindamento practicado, integrar a superficie adquirida por compra ao monte veciñal e aceptar a revisión do esbozo de conformidade co informe do Servizo de Montes, procedendo ás oportunas correccións no expediente.

Contra este acordo, desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Lugo no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 11 de xullo de 2018

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo