Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Xoves, 26 de xullo de 2018 Páx. 34997

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 11 de xullo de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se lles comunica aos posibles titulares de dereitos e intereses o acordo adoptado por este xurado relativo ao monte Ortoá, no concello de Sarria (expediente 68/78).

Na sesión celebrada polo Xurado Provincial o día 14 de xuño de 2018, figura o seguinte acordo:

Monte de Ortoá (expediente 68/78), pertencente aos veciños da parroquia de Ortoá, no termo municipal de Sarria, e clasificado con data do 30 de abril de 1979.

Con data do 31 de maio de 2018, o Servizo de Montes elabora un informe-proposta de homologación do deslindamento do monte de utilidade pública Ludeiro e Macaque na parte do perímetro correspondente co monte veciñal de Ortoá.

No informe consta que o monte Ludeiro e Macaque estaba incluído no Catálogo de utilidade pública co número 77-B e foi deslindado por resolución publicada no Boletín Oficial da provincia do 8 de abril de 1960 de acordo coas actas, planos e rexistro topográficos unidos ao expediente, cunha cabida total de 582 hectáreas.

Tras as sentenzas ditadas nos recursos contencioso-administrativos interpostos, o monte quedaría cunha superficie final de 276 ha, dividido en dúas parcelas:

Zona A: Ludeiro, da pertenza da parroquia de Meixente, cunha superficie de 163 ha.

Zona B: Macaque, da pertenza das parroquias de Ortoá, Maside, Arxemil e Frades, cunha superficie de 113 ha.

No BOP do 18 de novembro de 1967 publícase a aprobación da práctica do amolloamento do monte Ludeiro e Macaque. Á comunidade de Ortoá correspóndelle a superficie da parcela Macaque delimitada polos fitos nº 58 a 71, nº 89 a 109 e nº 113 a 137.

Con data do 20 de outubro de 1969 acórdase mediante unha orde ministerial dar por ben executado o amolloamento do monte de utilidade pública 77-B.

Para a elaboración do informe pártese da premisa de que o monte de Ortoá, clasificado como veciñal en man común, ten unha identidade coa parcela Macaque e, como consecuencia, xa foi deslindado e amolloado.

Os técnicos do Servizo de Montes efectuaron un levantamento topográfico dos fitos colocados no amolloamento do monte de utilidade pública, e recolleron no informe as coordenadas de cada un dos fitos.

Conforme isto modificáronse os esbozos, e produciuse, por unha banda, unha redución da superficie que segundo o amolloamento sería propiedade particular e zonas que foron obxecto de concentración parcelaria, e, por outra, unha inclusión dentro de perímetro, axustándose ao deslindamento de UP en todo o seu perímetro, salvo dúas zonas en que se efectúa un axuste á planimetría catastral.

Como consecuencia dos axustes realizados, o monte de Ortoá queda cunha superficie resultante de 95,341 ha, conforme o perímetro marcado nos planos adxuntos ao informe.

En vista do anterior, o Xurado, por unanimidade, acorda, aceptando a proposta do Servizo de Montes, homologar o deslindamento referido e proceder ás oportunas correccións no expediente, de conformidade co informe do Servizo de Montes.

Contra este acordo, desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo