Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Xoves, 26 de xullo de 2018 Páx. 34999

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 11 de xullo de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución de clasificación dun terreo adquirido pola comunidade do monte veciñal en man común Faro de Argozón, no concello de Chantada (expediente 26/80).

Na sesión celebrada polo xurado o día 14 de xuño de 2018, figura o seguinte acordo:

Monte Faro de Argozón (expediente 26/80), pertencente aos veciños da parroquia de Argozón, no termo municipal de Chantada, e clasificado como veciñal en man común pola Resolución do xurado provincial con data do 5 de decembro de 1980.

Con data do 18 de xaneiro de 2016, Mª Jesús Fociños Frade, como comuneira deste monte, presenta escrito poñendo en coñecemento da Administración supostas irregularidades por parte da xunta reitora, entre outras, por unha compra dun predio destinado á construción dun cemiterio, non constando autorización administrativa previa.

Dado traslado do escrito, con data do 26 de febreiro de 2016, o presidente da comunidade, José Elías Díaz González, presenta escrito manifestando o que estima pertinente e confirmando que con data do 9.8.2015 a asemblea xeral acordou a compra dun predio para a construción dun cemiterio parroquial, formalizado en contrato de compra con data do 21.10.2015.

Mediante escrito rexistrado o 21 de marzo de 2016, José Elías Díaz González, solicita a autorización para a compra do terreo, identificado coa parcela 293 do polígono 27 do Catastro de Chantada, xuntando copia das actas da comunidade en que se acordou a compra e da escritura de compravenda formalizada ante notario.

Con data do 4 de abril de 2016, o Servizo de Montes eleva proposta favorable á Dirección Xeral de Ordenación Forestal, por entender que a compra se enmarca dentro do interese xeral dos comuneiros.

Con data do 28 de abril de 2016, o director xeral de Ordenación Forestal acorda autorizar a adquisición do terreo.

Con data do 27 de maio de 2016, María Jesús Fociños Frade interpón recurso de alzada contra a anterior resolución, que foi desestimado pola Secretaria Xeral Técnica da Consellería, con data do 8 de marzo de 2018.

Con data do 9 de maio de 2018, o Servizo de Montes emite informe (nº 39/18) en que incorpora ao monte a parcela comprada, e en que se reflicte que supoñendo unha pequena superficie (2.624 m2), a superficie en hectáreas total non se ve alterada. O monte Faro de Argozón queda cunha superficie de 366 hectáreas, ao partir da superficie real clasificada medida dixitalmente, e presentando, como consecuencia, unha diferencia con respecto á recollida na carpeta ficha debido á diferente técnica de precisión e medición. Xuntan plano resultante.

O artigo 57.3 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, dispón que as adquisicións de terras por compra deberán ser motivadas pola comunidade veciñal titular no cumprimento dos seus fins, no interese xeral das persoas comuneiras, na defensa dos seus montes e dos seus accesos, no mellor aproveitamento dos recursos ou na mellora ou ampliación do monte veciñal en man común, e requirirá da autorización previa da Administración forestal, que deberá resolver a solicitude de compra no período máximo de tres meses. As terras adquiridas mediante compra serán cualificadas polos respectivos xurados provinciais de montes veciñais en man común como montes veciñais en man común e non poderán ser obxecto de permuta por un período mínimo de vinte anos. No caso de adquisición por doazón, non será precisa a dita autorización.

En vista do anterior, o xurado, por unanimidade, acorda clasificar como veciñal en man común o terreo adquirido, nas condicións establecidas pola Lei 7/2012 e proceder ás oportunas correccións no expediente de conformidade co informe do Servizo de Montes.

Contra este acordo, desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 11 de xullo de 2018

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo