Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 19 de xullo de 2018 Páx. 34129

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 5 de xullo de 2018 pola que se aproba a modificación parcial dos estatutos do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, e corresponden á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense acordou, en asemblea xeral, a aprobación da modificación parcial dos seus estatutos, que foron presentados ante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos da súa aprobación definitiva, despois da cualificación de legalidade, en cumprimento do establecido no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade da modificación dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar a modificación parcial dos vixentes estatutos do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense aprobados mediante a Orde do 2 de abril de 2013 (DOG núm. 79, do 24 de abril).

2. A modificación afecta o contido do artigo 51, que figura como anexo esta orde, no cal se regula o funcionamento da Xunta de Goberno do Colexio.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a publicación da modificación no Diario Oficial de Galicia, e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza

ANEXO

Artigo 51. Funcionamento da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno reunirase de forma presencial ou a distancia, polo menos unha vez ao mes, salvo no mes de agosto, que se considerará como período vacacional e, en todo caso, sempre que a convoque o presidente ou o solicite a cuarta parte dos seus compoñentes.

2. Nas sesións que se celebren a distancia, os seus membros poderán atoparse en distintos lugares coa condición de que se asegure por medios electrónicos (considerándose tamén tales os telefónicos e audiovisuais), a identidade dos membros ou persoas que os suplan, o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen, así como a interactividade e intercomunicación entre eles en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante a sesión. Entre outros, consideraranse incluídos entre os medios electrónicos válidos o correo electrónico, as audioconferencias e as videoconferencias.

3. A convocatoria acordaraa o presidente e incluirá a orde do día, sen prexuízo de tratar aqueles asuntos que este declare urxentes, aínda que neste caso non se poderán adoptar acordos sobre eles. A devandita convocatoria deberá ser remitida mediante escrito con, polo menos, dous días de antelación, salvo en supostos de urxencia, expresando, ademais da orde do día, o lugar, o día e a hora da reunión. Poderanse utilizar para iso as novas tecnoloxías da comunicación que permitan ter constancia da súa recepción e lectura.

4. A Xunta de Goberno quedará validamente constituída en primeira convocatoria se concorren de forma presencial ou a distancia a maioría dos seus compoñentes, e en segunda convocatoria se asisten de forma presencial ou a distancia o presidente, o secretario ou membros en que deleguen e tres vogais.

5. A asistencia ás sesións da Xunta de Goberno será obrigatoria para todos os seus membros. Será causa de cesamento e a conseguinte substitución regulamentaria, acordados pola propia Xunta, a falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas ou cinco alternas no prazo dun ano.

6. Os acordos adoptaranse por maioría de votos de asistentes presenciais e a distancia, e corresponderalle ao presidente o voto de calidade.

7. Os membros da Xunta poderán remitir, con dez días de antelación ao da data prevista para a celebración, propostas de asuntos que se tratarán na Xunta, que se incluirán na orde do día logo de aprobación do presidente.