Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 19 de xullo de 2018 Páx. 34132

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2018, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Club Náutico de Vigo.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Club Náutico de Vigo, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos.

1. O 10 de maio de 2018, Rafael Enrique Tapias Presa, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Club Náutico de Vigo constituíuse en escritura pública outorgada en Vigo o 12 de abril de 2018, ante o notario José María Rueda Pérez, co número de protocolo 918, por José Antonio Portela Estévez, Miguel Ángel Cameáns Otero, Pablo Cabello Viéitez, Pablo Iglesias García, Gonzalo Araújo Lázare, Justo José González Ballesta, Rafael Enrique Tapias Presa, Cándido Correa García e Alberto Viejo Puga.

Mediante dilixencia do 14 de xuño de 2018, comparece Rafael Enrique Tapias Presa, presidente da Fundación, ante o notario Pablo Rueda Rodríguez Vila, para os efectos de clarificar e completar a escritura inicial.

3. Son fins da Fundación, de conformidade co establecido no artigo 6 dos seus estatutos:

a) Promover e divulgar a importancia do deporte no desenvolvemento persoal dos nenos e as nenas e no logro das súas metas deportivas, en liña co proxecto do Real Club Náutico de Vigo. Apoiar o deporte xuvenil. Promover e potenciar o funcionamento das escolas deportivas do Real Club Náutico de Vigo. Achegar o deporte aos adultos como instrumento capaz de construír e reforzar valores clave para o desenvolvemento da persoa, forte compoñente social desde o cal potenciar accións de igualdade, integración, solidariedade e desenvolvemento.

b) Promover e fomentar o patrimonio social, cultural e deportivo do Real Club Náutico de Vigo. Colaborar na forma e medida que se considere posible e conveniente co Real Club Náutico de Vigo, así como con outras institucións sociais, culturais, artísticas, benéficas e deportivas.

c) Desenvolver proxectos culturais de diversa índole, tanto no seu aspecto formativo como divulgativo e social.

d) Divulgar as actividades deportivas dos equipos vigueses.

e) Acrecentar o patrimonio deportivo vigués, unindo intereses para o seu apoio e incremento da súa actividade. Xuntar vontades e esforzos de persoas físicas e xurídicas para aumentar a actividade deportiva viguesa.

f) Colaborar activa e convenientemente con sociedades e institucións sociais, culturais, artísticas, benéficas e deportivas. Establecer relacións con entidades nacionais e estranxeiras que persigan fins semellantes.

g) Cooperar cos medios de comunicación para a difusión dos fins da Fundación, facendo públicas as actividades deportivas viguesas. Realizar a maior difusión das innovacións, estudos e actividades que leve a cabo a Fundación.

h) Impulsar a continua colaboración entre a Fundación e as administracións públicas, fomentando a realización de convenios de colaboración.

i) Fomentar, coordinar e desenvolver cursos, obradoiros, seminarios e programas educativos, culturais e deportivos tendentes á formación e cualificación nestas materias.

j) Establecer, promover e xestionar museos, institucións culturais, así como salas de exposicións, centros de reunión, arquivos e bibliotecas ou instalacións que de xeito principal se dediquen a actividades relacionadas coa cultura e o deporte.

4. Na escritura de constitución constan as cuestións relativas á personalidade do fundador, á súa capacidade e vontade de constituír a Fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da Fundación constan a súa denominación e natureza; o seu domicilio, obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das súas rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos seus beneficiarios; e a designación do padroado inicial.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por Rafael Enrique Tapias Presa como presidente, José Antonio Portela Estévez como vicepresidente, Miguel Ángel Cameáns Otero como secretario e Cándido Correa García como vogal.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación Club Náutico de Vigo, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

8. De conformidade con esta proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 26 de xuño de 2018, clasificouse como de interese deportivo a Fundación Club Náutico de Vigo e adscribiuse á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009 en relación co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndelle á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Club Náutico de Vigo, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006 e nos decretos 14/2009 e 15/2009, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Club Náutico de Vigo, polo que, á vista da proposta de resolución formulada polo Servizo de Entidades Xurídicas e Corporativas do 12 de xullo de 2018,

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Club Náutico de Vigo.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta resolución pódese interpoñer un recurso de alzada, ante o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2018

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza