Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 2 de xullo de 2018 Páx. 31665

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2018 pola que se modifica a Resolución do 15 de decembro de 2017 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais 2018-2019.

O 15 de decembro de 2017 o director xeral da Agader aprobou a resolución para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais 2018-2019 (DOG núm. 10, do 15 de xaneiro de 2018).

Previamente, o Consello da Xunta de Galicia, mediante o Acordo do 14 de decembro de 2017, autorizou a Agader para a concesión directa, mediante resolución, das citadas axudas, con fundamento no artigo 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en adiante, LSG), en relación co artigo 40 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, con base na concorrencia de razóns de interese público que redundan en beneficio de todos os concellos de Galicia, co obxectivo último de xerar cohesión social e territorial e mellorar as condicións de vida e traballo no medio rural e contribuír ao aumento da competitividade agraria e forestal.

Durante o período de instrución e resolución do procedemento púxose de manifesto a necesidade de ampliar o prazo de execución e xustificación dos investimentos subvencionados con cargo á anualidade 2018, en gran medida motivada pola entrada en vigor da Lei 9/2007, do 8 de novembro, de contratos do sector público, que require dos concellos, en tanto entidades contratantes das actuacións subvencionadas, unha actualización dos seus procedementos contractuais.

Por outra banda, cómpre prever a posibilidade de tramitar pagamentos anticipados no marco da citada anualidade, co fin de atender as necesidades financeiras dos concellos no marco da execución das actuacións subvencionadas.

Tendo en conta o anterior, o director xeral da Agader, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección da Agader, do 11 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto).

RESOLVO:

Artigo único. Modifícase a Resolución do 15 de decembro de 2017 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais 2018-2019, nos seguintes termos:

Un. Modifícase o número 1 do artigo 12 do anexo I, que queda redactado como segue:

«Artigo 12. Xustificación dos investimentos

1. O prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2018 será o 15 de novembro de 2018. O prazo final de xustificación será o 3 de xuño de 2019».

Dous. Modifícase o artigo 13 do anexo I, que queda redactado como segue:

«Artigo 13. Réxime de pagamentos

Con cargo á anualidade 2018, tramitarase un pagamento á conta, sen que exceda a anualidade prevista neste exercicio orzamentario.

Así mesmo, e con cargo á anualidade 2018, logo da solicitude dos concellos beneficiarios, poderá tramitarse un pagamento anticipado en concepto de entrega de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as accións inherentes á subvención, nas seguintes condicións:

– A data límite para solicitar o pagamento anticipado será o 17 de setembro de 2018.

– O importe máximo do pagamento anticipado será de ata un 50 % da subvención concedida, sen que supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

– A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

Na anualidade 2019 non se concederán pagamentos á conta nin pagamentos anticipados, de xeito que se efectuará unicamente a liquidación do expediente mediante o pagamento final.

Os concellos beneficiarios están exentos da constitución de garantías, en virtude do disposto no artigo 65.4.c) do Decreto 11/2009».

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado de Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2018

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural