Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 2 de xullo de 2018 Páx. 31670

III. Outras disposicións

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2018 pola que se modifica a Resolución do 26 de setembro de 2017 relativa aos criterios e procedemento para autorizar a ocupación de dominio público portuario con destino á celebración de espectáculos públicos ou actividades recreativas nos portos autonómicos de competencia deste organismo.

Por Resolución do 26 de setembro de 2017, publicada no Diario Oficial de Galicia número 190, do 5 de outubro, aprobáronse os criterios e o procedemento para autorizar a ocupación de dominio público portuario con destino á celebración de espectáculos públicos ou actividades recreativas nos portos autonómicos da competencia deste organismo.

O 14 de xuño de 2018 entrou en vigor a Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, Diario Oficial de Galicia do 14 de decembro, que derroga a Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación de Portos de Galicia.

O 2 de xullo de 2018, entra en vigor a Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, publicada no Diario Oficial de Galicia do martes 2 de xaneiro de 2018.

Dada a entrada en vigor das dúas normas que se citan e a necesidade de adaptación da Resolución do 26 de setembro de 2017, por Resolución do 22 de xuño de 2018 o presidente de Portos de Galicia acordou a súa modificación.

A modificación da resolución non implica unha nova apertura do prazo de presentación de solicitudes, polo que se mantén o publicado no Diario Oficial de Galicia número 190, do 5 de outubro de 2017.

No sentido apuntado, para que a solicitude poida ser tida en conta, á marxe das excepcións previstas na resolución, deberá ser presentada no rexistro de Portos de Galicia coa anterioridade e por calquera dos medios recollidos nesa convocatoria, acompañada da documentación que se indica na condición sétima da resolución.

O texto íntegro da resolución, xunto cos seus anexos, atópase á disposición do público para seu exame desde as 9.00 ás 14.00 horas nas oficinas das zonas localizadas en Lugo, A Coruña e Pontevedra, e nos servizos centrais de Portos de Galicia ou na páxina web www.portosdegalicia.gal

Esta resolución será de aplicación a espectáculos ou eventos que se celebran a partir do día 2 de xullo de 2018 e que non conten con resolución de autorización outorgada en firme.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous (2) meses contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución.

Non obstante, os interesados poderán interpor contra esta resolución recurso potestativo de reposición nun prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao desta publicación, ante o mesmo órgano que a ditou, de acordo co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2018

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia